Santiago de Compostela acollerá o vindeiro 3 de outubro a terceira das XIV Marchas Ciclistas Unificadas de Special Olympics Galicia, unha iniciativa que levará polas rúas da capital galega a deportistas con discapacidade intelectual, integrantes de entidades sociais e persoas vinculadas á organización. A proba terá un percorrido de 16,1 quilómetros, con saída e chegada na Praza do Obradoiro, e reunirá un total de 66 participantes.
A concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentou este martes a actividade acompañada polo presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; a deputada provincial de Política Social, Mar García; o xerente de Aspas, Javier García Sánchez, e o deportista desta entidade José Antonio Balado.
A etapa compostelá será a terceira das catro marchas programadas nesta edición, despois das celebradas en Monforte e Ourense. Lueiro destacou o papel do deporte como ferramenta para favorecer “a autoestima, a capacidade de superación, a igualdade social e a inclusión” e fixo un chamamento á veciñanza para que o sábado saia ás rúas e acompañe aos participantes durante o percorrido.
Segundo detallou Eladio Fernández, na marcha participarán seis ciclistas de As Burgas, doce de Aspas, cinco de San Francisco de Vigo, dez do Prodeme de Monforte e nove do Club Ciclista de Monforte. A eles sumaranse outras 24 persoas integradas na organización, ata alcanzar os 66 participantes previstos.
UNHA INICIATIVA QUE COMEZOU EN 2012
As marchas ciclistas de Special Olympics Galicia comezaron en 2012 e alcanzan este ano a súa décimo cuarta edición. Fernández explicou que a introdución do ciclismo entre as actividades da entidade estivo inicialmente marcada polas dúbidas arredor da seguridade e as dificultades que podía presentar esta disciplina, aínda que a experiencia das primeiras probas permitiu comprobar as capacidades dos deportistas.
O presidente da organización lembrou especialmente aquela primeira experiencia na Ribeira Sacra, cun percorrido ata o santuario de Cadeiras, en Sober. “Aí démonos conta de que estabamos menoscabando as capacidades das persoas con discapacidade”, sinalou Fernández, quen explicou que desde aquela Special Olympics mantivo o ciclismo entre as súas actividades.
O xerente de Aspas, Javier García Sánchez, indicou que a entidade compostelá se incorporou posteriormente a esta disciplina a petición dos propios deportistas. Na actualidade conta cun equipo relativamente estable, que adestra os luns pola tarde e realiza tamén saídas fóra de Santiago.
Entre os participantes atópase José Antonio Balado, que explicou que leva arredor dunha década participando nas marchas e convidou a veciñanza a achegarse para animar aos ciclistas. Como exemplo da preparación do grupo, lembrou unha saída realizada o pasado ano pola Senda do Oso, en Asturias, na que completaron 67 quilómetros ao longo dunha xornada.
García Sánchez tamén destacou a recente incorporación de novo material para a práctica deportiva, entre el bicicletas convencionais, eléctricas e adaptadas, e puxo o foco na colaboración entre as administracións e as entidades do terceiro sector para facilitar o acceso das persoas con discapacidade a diferentes modalidades deportivas.
O DEPORTE COMO FERRAMENTA DE AUTONOMÍA
Durante a presentación, o secretario xeral para o Deporte, Roberto García, definiu o deporte inclusivo e adaptado como unha ferramenta para favorecer “a integración social, a autonomía e o benestar das persoas con discapacidade”. Tamén apuntou aos seus efectos sobre a saúde física, o benestar psicolóxico e a autoconfianza.
Pola súa banda, a deputada provincial Mar García incidiu na necesidade de manter a cooperación entre as administracións públicas e o terceiro sector para impulsar actividades que vaian máis alá da formación e das terapias. A representante provincial destacou especialmente o papel do deporte inclusivo para fomentar a autonomía das persoas usuarias das entidades sociais.
Fernández defendeu igualmente a actividade física como unha vía para combater o sedentarismo e visibilizar as capacidades das persoas con discapacidade intelectual. O presidente de Special Olympics puxo ademais en valor o traballo desenvolvido durante décadas polo movemento asociativo e polas familias para crear e manter servizos destinados a este colectivo.

