A SD Compostela anunciou a renovación de Joaquís Goris Abelenda por unha tempada máis, prolongando a súa vinculación coa entidade branquiazul ata xuño de 2027. O futbolista, nado en Bembibre o 14 de abril de 2004, verá recoñecido o seu rendemento deportivo cun contrato que o integra de pleno dereito no primeiro equipo, no que levará o dorsal ‘16’.
O centrocampista, formado na canteira compostelanista, converteuse nunha das pezas habituais do equipo dirixido por Secho durante a primeira metade da competición. Ata o de agora, participou en 13 dos 17 encontros oficiais disputados, sendo titular en 10 ocasións, o que lle permitiu acumular arredor de 800 minutos de xogo.
Ao longo deste tramo da tempada, Goris consolidouse no centro do campo, achegando regularidade e presenza continuada no once inicial. Ademais, o xogador contribuíu tamén no apartado ofensivo, ao anotar un gol nos minutos disputados.
Desde o club sinalan esta renovación como un recoñecemento ao traballo e á progresión do futbolista, que dá así un novo paso na súa carreira deportiva dentro da estrutura da SD Compostela.

