InicioDEPORTESJuancho Vázquez: O excampión de España de kickboxing que arrasa co seu...

Juancho Vázquez: O excampión de España de kickboxing que arrasa co seu club en Santiago

Publicado o

Por Marta Balado Simó

Juancho Vázquez é un ferrolán que acadou máis de 15 veces a máxima distinción no campionato de España de kickboxing. Dende a súa infancia, estivo inmerso nos deportes de contacto grazas á influencia do seu pai, cinto negro de karate, quen lle transmitiu a paixón polas artes marciais e a técnica de combate. Co tempo, Juancho decidiu emprender o seu propio camiño no kickboxing e, tras alcanzar o máis alto na súa carreira profesional, inaugurou o seu propio club en Ferrol. Actualmente, o seu legado segue activo en Santiago de Compostela, onde outro club propio, situado no Multiusos Fontes do Sar, serve de canteira para as novas promesas que acumulan metais en cada competición á que acoden.

Durante os seus anos de carreira profesional, Juancho acadou éxitos propios dun as. Coroouse 17 veces como campión de España en diferentes modalidades, conseguiu un destacado cuarto posto nun campionato de Europa e un meritorio terceiro nun campionato do mundo en Dinamarca. Dentro da súa vitrina de éxitos tamén se atopan 5 títulos de campión ibérico e unha extensa traxectoria representando a España como partee da selección nacional. Pero, como explica, “do que máis orgulloso me sinto é dos logros da escola“, nenos e nenas que dende moi pequenos se forman no club para desfrutar do deporte e, se pode ser, alcanzar a vitoria.

Juancho Vázquez, excampión de España de Kick Boxing – Multiusos Fontes do Sar

O club de Juancho acolle a unha ampla variedade de integrantes, dende nenos de catro anos ata adultos de setenta, incluíndo tanto competidores profesionais como afeccionados que desfrutan do Kick Boxing como forma de exercicio en entretemento. O principal obxectivo das sesións de adestramento é ensinar a técnica adecuada e fomentar un gusto e un amor polo deporte para toda a vida, sempre respectando as capacidades individuais de cada loitador, xa que, segundo Juancho, “é fundamental non forzar a máquina”, recoñecendo a importancia de adaptar os adestramentos ás metas persoais de cada alumno.

Ese método inclusivo e centrado no desenvolvemento persoal amosa ser efectivo ata o momento, xa que, como di, “os méritos deportivos animan sobre todo aos demais, aos que non conseguen medalla e lles fai ver que eles tamén a poden conseguir”. Deste xeito, case todas as semanas acoden a algunha competición a nivel galego. O pasado mes de febreiro acadaron un éxito abraiante ao volver a Santiago, con nada máis nin nada menos que 40 medallas (7 ouros, 19 pratas e 14 bronces) do campionato de Galicia.

O club Juancho Vázquez no campionato galego o pasado mes de febreiro – Juancho Vázquez

O adestramento non se detén no club do Multiusos. Os membros xa se están preparando para o próximo desafío: o campionato europeo que terá lugar en Hungría. Despois da súa destacada actuación en Amsterdam, onde conseguiron 3 medallas de ouro e 2 de prata, o equipo ten grandes expectativas para ese próximo compromiso internacional. Porén, o principal obxectivo a curto prazo é o campionato de España, que reunirá aos mellores competidores de todas as categorías e de todas as comunidades o próximo mes de maio en Guadalaxara.

Galicia foi historicamente unha potencia a nivel nacional e mundial na destreza do Kick Boxing. “Por esta zona entraron moitas influencias do que era o full contact en América”. No ano 2022, Galicia era a cuarta comunidade autónoma en número de clubs de kickboxing federados, coa cifra de 621 licencias deportivas. A pesar do talento e a dedicación dos deportistas galegos, a separación política e administrativa entre os clubs e os competidores xerou obstáculos que afectan ao desenvolvemento e recoñecemento do Kick Boxing na rexión.


Neste contexto, o club de Juancho Vázquez en Santiago é un exemplo inspirador de como o deporte pode impactar positivamente na comunidade, formando non só campións, senón tamén persoas comprometidas coa disciplina e o compañeirismo. Juancho e o seu equipo están decididos a seguir cultivando o talento local e superando desafíos, coa esperanza de que o Kick Boxing galego non se deixe arrastar pola falta de unidade e continúe brillando no panorama internacional.

ÚLTIMAS

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

Os Bonos Corazón mobilizan preto de dous millóns de euros no comercio local de Santiago en 2025

O programa municipal Bonos Corazón pechou o ano cun balance que, segundo destacou a concelleira...

A Asemblea de Investigadoras convoca un debate coas catro candidatas á Reitoría da USC o 11 de decembro

A Universidade de Santiago vivirá este xoves 11 de decembro unha nova xornada de...

A San Silvestre de Santiago 2025 reunirá 2.500 corredores nun novo percorrido de cinco quilómetros

O Concello de Santiago e a Federación Galega de Atletismo veñen de activar a...

O Monbus Obradoiro abre as inscricións do XII Campus Nadal Obradoiro El Corte Inglés 2025 en Santiago

O Monbus Obradoiro anunciou a apertura das inscricións para a XII edición do 'Campus...

O Compos mantén o liderado tras un empate en Arteixo

A SD Compostela pechou a última xornada antes do parón con un punto valioso...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here