Van cumprirse dez anos desde que The Other Climb abriu as súas portas en Santiago de Compostela, converténdose no primeiro rocódromo privado da comunidade. A súa historia non é a dun equipo de escaladores experimentados, senón de dúas persoas que decidiron apostar por un proxecto innovador nun territorio onde a escalada indoor era case descoñecida.
David, un dos seus donos, conta como el era ciclista e se retirou, mentres o seu cuñado, que tiña un pub, vendeuno e os dous quedaron sen facer nada. Foi o seu cuñado quen empezou a escalar e, ao gustarlle, comezaron a investigar sobre a posibilidade de abrir un rocódromo, xa que en Galicia non había ningún privado cando eles decidiron lanzarse.
David recoñece que era un pouco atrevido, pero ao final saíu bastante ben. Sobre o nome, explica que non ten unha razón especial, senón que quixeron reflectir que a escalada de verdade é a que se fai fóra, e a escalada en interior é “a outra”, por iso o nome The Other Climb.
UN DEPORTE PARA TODAS AS IDADES E NIVEIS
David detalla que o rocódromo ten zonas de corda e de boulder, con vías clasificadas por dificultade, desde as máis fáciles, identificadas cunha etiqueta negra, ata outras máis complexas, sempre pensando en que “en case todas as zonas hai algunha vía fácil para que calquera poida subir”.

A oferta formativa é ampla, con cursos de iniciación para adultos, unha escola para nenos e grupos de adestramento para aquelas persoas que, tras facer o curso, queren continuar a practicar como nun ximnasio. Explica que o público é moi diverso, desde nenos a partir de catro anos ata persoas de máis de 60, e mesmo familias enteiras.
Para David, o único requisito para escalar é ter ganas, porque “aínda que pareza un tópico, pode escalar calquera”. Iso si, recomenda non abusar de vir máis de tres veces por semana para evitar lesións, xa que é fácil lesionarse ao sobreentrenar, especialmente se se abusa de agarres pequenos sen ter o corpo adaptado.
Ver esta publicación en Instagram
O CRECEMENTO E A POPULARIZACIÓN
Desde o inicio, o proxecto foi crecendo de forma estable. David considera que a inclusión da escalada nos Xogos Olímpicos, xunto co feito de que España teña un campión olímpico, contribuíu a que o deporte chame máis a atención e atraia a máis xente. “A xente véo na tele e di por que non vou probar?”, comenta.
Os espazos de escalada indoors medraron co tempo, existindo hoxe en día un rocódromo en Cangas, dous en Vigo, pequenos recintos de boulder en Coruña, un rocódromo moi grande en Lugo, etc. A principal dificultade para abrir novos rocódromos está na procura de locais con altura suficiente, xa que o panel oficial de velocidade mide 15 metros e o rocódromo de Santiago só ten 10. David sinala que para facer un rocódromo con esa altura hai que acudir a espazos como o Palacio de Congresos ou a terminal do aeroporto, ou construír un local novo, o que supón un investimento moi grande.
MELLORAS CONSTANTES E CONSELLOS PARA PRINCIPIANTES
O equipo de The Other Climb segue traballando para mellorar o espazo, realizando obras para ampliar ou modificar zonas, aínda que reformas máis grandes requiren tirar paredes existentes, o que é máis complicado e custoso. David comenta que están a barallar ampliar algunha zona, pero sen présa.
Dende a súa perspectiva considera importante que antes de facer un curso de iniciación, as persoas veñan a probar o rocódromo, porque moita xente apúntase ao curso sen ter probado nunca, algo que para el está mal. Explica que coa axuda que se ofrece o primeiro día, poñendo o arnés e explicando o funcionamento das máquinas, non fai falta ningún coñecemento previo para experimentar a escalada.
Recoñece que visualmente o rocódromo pode resultar atractivo, pero despois, cando estás colgado, podes non sentirte cómodo, polo que é mellor vir a probar antes de facer o curso. Aínda así, insiste en que hai moitísimas vías para que calquera poida subir, aínda que non sexa unha actividade fácil.
Ver esta publicación en Instagram
UNHA APOSTA PIONEIRA QUE XA É REFERENTE
A experiencia de The Other Climb en Santiago amosa que a escalada indoor ten cabida e crecemento en Galicia, a pesar de ser un territorio con pouca tradición neste deporte. A valentía inicial de David e o seu cuñado para abrir un rocódromo nun mercado novo foi decisiva para que hoxe exista unha comunidade diversa e apaixonada, que vai dende os máis pequenos ata persoas maiores, e onde familias completas encontran unha actividade deportiva e de lecer.
O feito de que calquera poida participar, sen importar a idade nin o nivel, sempre que teña ganas, é o corazón deste proxecto. Así, The Other Climb é moito máis que un espazo para escalar: é un lugar onde cada quen pode afrontar retos, superar obstáculos e, sobre todo, compartir momentos e ilusións arredor dun deporte que segue a medrar en Galicia.

