InicioDEPORTESO Monbus Obradoiro impónse en Sevilla e rompe a imbatibilidade do Betis

O Monbus Obradoiro impónse en Sevilla e rompe a imbatibilidade do Betis

O equipo compostelán forza a prórroga cun triple de Barcello e sentenza cunha canastra final de Balvin

Publicado o

Xornal de Compostela

O Monbus Obradoiro conseguiu unha das vitorias máis destacadas da tempada tras superar ao Real Betis por 77-78 no Palacio Municipal de Deportes de San Pablo, nun encontro que requiriu dunha prórroga e que puxo fin á racha de imbatibilidade como local do equipo andaluz. A escuadra compostelá, dirixida por Félix Alonso, remonta así un partido que comezou con serias dificultades ofensivas.

O técnico galego recoñeceu ao remate do partido que o seu equipo entrou frío ao encontro, chegando a estar 14 puntos abaixo no primeiro cuarto (18-4), e anotando só 7 puntos nese tramo inicial. Porén, o segundo cuarto marcou un punto de inflexión, cunha maior conexión no xogo e unha notable mellora defensiva. Ao descanso, o marcador xa reflectía un axustado 30-31 favorable aos visitantes.

A segunda metade do partido estivo marcada pola intensidade defensiva de ambos equipos, cun Monbus Obradoiro máis entoado en ataque. Un triple de Davison deu a maior vantaxe para os composteláns no terceiro cuarto (34-40), aínda que o conxunto bético mantívose na pelexa e remontou no último cuarto cun parcial de 9-0 que os puxo por diante (61-59).

Cando todo parecía decidido, Alex Barcello apareceu a seis segundos do final para anotar un triple decisivo que levou o encontro á prórroga (66-66). No tempo extra, o Betis chegou a dominar (75-71), pero o Obradoiro non perdeu a compostura e, tras empatar o encontro, foi Balvin quen sentenciou cunha canastra a 9 segundos do final que supuxo o triunfo galego.

Na rolda de prensa posterior, Félix Alonso destacou a capacidade do seu equipo para manter a calma nos momentos decisivos: “Foi un partido de altísimo nivel, cun rival que non perdera na casa en toda a tempada. Pero estivemos acertados nos detalles clave e soubemos sufrir para sacar o partido”. Tamén quixo agradecer ao seu corpo técnico a preparación da xogada que permitiu forzar a prórroga.

Con esta vitoria, o Monbus Obradoiro mantén a súa bo momento de forma, con nove triunfos consecutivos, e segue consolidando a súa posición como un dos aspirantes ao ascenso na Primeira FEB. O próximo compromiso do equipo será contra o Lucentum Alicante, nun calendario que se presenta esixente ata o final da tempada.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago recoñecerá o talento deportivo local na VIII Gala do Deporte o 24 de marzo no Auditorio de Galicia

O Concello celebrou este xoves a presentación da VIII Gala do Deporte, un acto...

A carreira ‘Os 10.000 Peregrinos’ volverá encher de atletas as rúas de Santiago o 22 de marzo

A carreira ‘Os 10.000 Peregrinos’ encherá de atletas as rúas de Santiago de Compostela...

E-motion logra un pleno de podios no seu debut interautonómico en Madrid

A escola de baile e acrobacia E-motion, con sede en Bertamiráns, estreouse este domingo...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here