O Regueifa Tour, unha xira de improvisación oral cantada impulsada por regueifeiras adolescentes, chega a Compostela o vindeiro 22 de xuño, no Centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, ás 18,00 horas. Poñen así punto final a unha xira con parada en Vigo, O Courel, Vilalba, Vila de Cruces, Viana do Bolo, Moaña e tamén fóra da comunidade, no País Vasco (Donosti, Derio e Lekeitio). O Regueifa Tour reunirá en Compostela a regueifeiras de diversos concellos galegos nun espectáculo que abre as portas ás novas actuacións do verán, dentro e fóra de Galicia.
“Foi moito mellor do que pensabamos”, expresan desde o Regueifa Tour do que foi esta aventura, que naceu co obxectivo de coñecer xente e xuntar en festas de regueifa a outra xente do público, “cada persoa coas súas dimensións e particulariedades”. Desta maneira, as rapazas sentíronse protagonistas sobre o escenario e contribuiron a colocar a regueifa na escena cultural musical galega. “Houbo un achegamento afectivo e emocional entre nós polos diferentes lugares”, recoñecen. De todas as paradas, destacan con especial sentir a viaxe ao País Vasco por cantar en galego fóra e sentirse valoradas por un público a tantos quilómetros da casa: “Foi especial ir no coche cantanto, coma esas artistas que saen de xira ou ir durmindo en diferentes lugares”.
Nesta liña, para as regueifeiras este tour supuxo o paso da “infancia á adolescencia”, xa que estaban afeitas a regueifar para nenos e nenas pequenas en colexios e con isto, construíronse a elas mesmas como regueifeiras para un público máis xuvenial.
MOITO NERVIOSISMO E FUTURAS CITAS
Quedan escasos días da actuación en Compostela, que coincide en tempo co fin de curso, estrés dos exames e traballos. “Hai moito nerviosismo porque son rapazas da ESO que están rematando o curso e organizando este último festival, pero tamén moita ilusión”, apuntan desde o Regueifa Tour. As regueifeiras pediron vídeos a aqueles artistas que teñen de referencia por estar xa nos escenarios e ter as súas propias xiras, tales como: Manu Chao, Zeltia Irevire, Peter Brea, O Rabelo, Jasper, Loita Amada, Xenderal, Paco Nogueiras, Peter Brea, Sara Marchena ou Antonio O Guimaro. Convidan a que ninguén perda a oportunidade de estar nesta última parada do Regueifa Tour. “Será especial, falarán sobre Palestina, Altri, tema da lingua, máis aló da festa rachada, teñen un contido social e reivindicativo”, afirman desde a organización do Tour.
Con este proxecto, apreciaron que a regueifa adolescente vai chegando a novos espazos, por exemplo, esta pasada fin de semana parte das regueiferas estiveron no Burla Verde, “un encontro ecoloxista no Courel contra os eólicos presentando a diferentes artistas”. Tamén repetirán ese verán por segundo ano consecutivo no Festival de Pardiñas. Así, estarán en xuño no Festival Brincadeira, na Pobra do Brollón, e en agosto convidáronnas ao Festival Ebre-Folk, en Roquetes, onde tamén están interesados na transmisión interxeracional da improvisación.
Xa contan con experiencia nunha ducia de festas e festivais, como a Regueifesta, o Enreguéifate, o Festival de Pardiñas mencionado, o Festival de Repentismo de Madeira, o Festival Internacional de Verso Popular- Festcordel, en Abanca, Portugal, a Escola de Regueifa de Carvalho ou en cursos de formación de profesorado do CFR. En 2023 participaron na série documental sobre regueifa “Regueifa – Freestyle” de Nós Televisión.
COMO NACE O REGUEIFA TOUR?
O Regueifa Tour é un proxecto impulsado polo Obradoiro de Regueifa da Escola Semente e contaron coa colaboración dunha rede de regueifa adolescente que se está a tece por toda Galicia. As Regueifeiras da Semente son catro rapazas entre 11 e 15 anos que regueifan desde sempre: son regueifeiras nativas, aprenderon a regueifar ao mesmo tempo que a falar. Cítanse, un día á semana nunha reunión para improvisar sobre diversos temas. O Galicia Confidencial tivo a oportunidade de coñecelas e asistir a unha desas reunións.
Como espectáculo, o Regueifa Tour contén desde regueifa tradicional ata novas influencias como bases eletrónicas, xogos de humor ou temas vinculados aos movementos sociais. “Foi unha aventura dunhas adolescentes, coidada polas familias, por activismo, defensa da lingua e por compromiso coa regueifa. Fixeron oito actuacións durante o curso, foron moi responsables e pasáronno moi ben”, recoñecen desde o Regueifa Tour.
O ano que vén, comentan, un dos obxectivos é facer un Regueifa Bus, unha xira en autobús que vaia por diferentes puntos de Galicia, cinco ou seis paradas, con músicos propios e regueifeiras. Polo de agora é un soño que habería que ver si é posible de materializar, pero a idea e a semente xa estáí, así como a xente nova amante da regueifa.