Dende o xoves 30 de maio ata o sábado 2 de xuño Compostela estivo repleta de fanáticos da música que viñeron dende puntos de toda Galiza, España e incluso doutros países do mundo para desfrutar da quinta edición do festival O Son do Camiño que se celebrou no Monte do Gozo. A previsión deste ano era duns 130.000 asistentes aproximadamente, dos cales algúns descansarían no camping habilitado pola organización e moitos outros ocuparían hostais e hospedaxes da cidade, favorecendo así á economía e comercio local. A boa organización á hora de recoller as pulseiras fixo que a xente non tivese que facer longas colas antes de poder acceder ao recinto.
O mércores 29 comezaron a chegar os máis madrugadores para montar as tendas na zona de acampada, que como outro ano máis estaba ao lado da zona de concertos. Tras unha primeira xornada de asentamento, o xoves 30, baixo o calor das horas centrais do día, todos os festivaleiros comezamos a subir cara o Monte do Gozo para poder desfrutar dos primeiros concertos. Unha vez conseguida a nosa pulseira, só quedaba recargala para poder comprar bebida e comida e comezar a ansiada experiencia.
Os concertos dividíronse en tres escenarios, o Xacobeo e o Estrella Galicia eran os escenarios principais que estaban pegados e onde as actuacións se irían alternando para que así a xente non se tivese que mover do sitio para ver os seus artistas favoritos. Un pouco máis arriba, no mesmo recinto, estaba o escenario Son Electro by Repsol, no que actuarían todos os artistas de techno dende aproximadamente ás 18 ata case as 4 da mañá.
Nesa primeira xornada, no escenario Xacobeo destacaron as actuacións do rapero ibicenco Fernando Costa, o artista colombiano internacional J Balvin e o DJ Mattn. Entre tanto, no escenario Estrella Galicia, os artistas máis esperados foron os estadounidenses The Interrupters, o grupo murciano de rock alternativo Arde Bogotá e a aposta máis destacada, a banda estadounidense de punk rock Green Day. Pola súa banda, no escenario Son Electro destacaron Bárbara Lago, Daria Kolosova e Trym. O máis destacado foi o tempo veraniego que fixo durante toda a tarde, deixando a un lado as chuvias das pasadas semanas, e ao caer o sol o frío que se levantou e fixo que todo o mundo puxese os suadoiros. Pero o que máis indignou a todo o público nesa primeira xornada foi a problemática que houbo arredor do son durante a meirande parte das actuacións, chegando incluso a desencadear a precipitada finalización do concerto de Green Day media hora antes do previsto. O que era o concerto máis esperado polo público, converteuse en todo un reto para o grupo e para o público por conseguir xerar un ambiente de desfrute e entendemento.
O venres 31, os asistentes puideron desfrutar de actuacións como as de Recycled J, La Oreja de Van Gogh, Myke Towers e Natos y Waor no escenario Xacobeo, como as de Love of Lesbian, Pet Shop Boys e Icona Pop no escenario Estrella Galicia e Cristina Tosio, Viviana Casanova e Ben Hemsley no escenario Son Electro. Todo isto nunha dinámica moi parecida á do primeiro día, baixo o calor da tarde e o frío da noite, pero cun público moi animado que aproveitaba o inicio da fin de semana para alongar a experiencia ata as últimas horas nas zonas de techno.
Por último, o sábado 1 os fans do grupo galego Baiuca acudiron ben pronto ao seu concerto que comezaba ás 18:00 no escenario Estrella Galicia. A partir de aí, a xornada seguiría coas actuacións da cantante malagueña Ana Mena con cancións como ‘Se iluminaba‘; do cantautor británico Tom Odell do que todo o mundo esperaba a súa canción ‘Another Love‘; dunha das grandes ilusións do cartel, Melendi, co seu novo álbum ‘20 Años Sin Noticias‘ que rescata as cancións máis coñecidas do asturiano; da banda de rock estadounidense Thirty Seconds to Mars, na que o momento máis destacado foi a escalada do cantante e actor Jared Leto pola estructura do escenario; e por último, a que foi a favorita de moita xente, a actuación do rapero mallorquín Rels B, quen ven de encher estadios en Estados Unidos e Latinoamerica. Pola súa banda, no escenario Son Electro, os artistas máis destacados foron Karras Martínez, Âme e Tiga.
Este último día foi no que máis asistentes acudiron ao Monte do Gozo e onde se notaba no ambiente que era o último e todos querían desfrutalo ao máximo, quedándose ata o último dos concertos, que remataba ás 3:45 da mañá, a pesar do frío e o cansazo acumulado. A aposta da organización polos artistas da última xornada foi moi acertada, facendo que as entradas diarias quedasen esgotadas rapidamente e arrancando as adulacións entre os espectadores que quedaron abraiados coa calidade das actuacións de Melendi e Rels B, que fixeron vibrar ao público en cada canción.
Unha vez rematado o día, o festival chegaba á súa fin e os asistentes volvían á casa a descansar e recuperarse despois de tres días de moitas emocións. Os que conseguiran ver ao seu artista favorito, os que desfrutaran das tres xornadas coa boa compañía dos seus amigos e os máis pequenos que acudiran por primeira vez a un concerto en vivo. Todos eles aproveitaron a oportunidade única de ter un dos mellores festivais de música de España ao lado da casa e como unha oportunidade de impulsar a cultura, economía e sociedade galegas.