InicioCULTURARyoichi Kurokawa volve a Curtocircuíto cun programa de concertos audiovisuais que conecta...

Ryoichi Kurokawa volve a Curtocircuíto cun programa de concertos audiovisuais que conecta son, imaxe e tecnoloxía

O festival reunirá en Santiago propostas de creación en directo con artistas galegos, estatais e internacionais en espazos como o Auditorio de Galicia, Praterías, Santa Susana ou a Quintana

Publicado o

Xornal de Compostela

Curtocircuíto reforzará nesta edición a súa liña dedicada á creación audiovisual en directo cunha programación de concertos e sesións que situará a relación entre son, imaxe, tecnoloxía e performance como eixo central. O artista xaponés Ryoichi Kurokawa encabezará o cartel coa presentación de nD, nun programa no que tamén participarán Marta Verde e José Venditti, Los Sara Fontan e Tamara de la Fuente, Arvin Dola e Irene Gaumé, e Artur M Puga e Sevi Iko Dømochevsky.

A proposta audiovisual do festival concíbese como unha extensión da súa programación cinematográfica máis experimental e busca establecer vínculos entre a pantalla, a experiencia inmersiva e a creación escénica. Nesta edición, ademais, terá un peso destacado a colaboración entre artistas galegos e creadores procedentes doutros territorios, nunha programación construída arredor do intercambio de linguaxes e da creación compartida.

Un dos nomes principais será o de Ryoichi Kurokawa, figura vinculada á escena audiovisual internacional, que regresará a Curtocircuíto para presentar no Auditorio de Galicia o proxecto ‘nD’. Trátase dunha peza que o artista desenvolve desde hai dúas décadas e que xa foi exhibida en institucións e festivais como Tate Modern, Ars Electronica ou MUTEK. A obra propón unha experiencia inmersiva na que a imaxe e o son avanzan de maneira conxunta, explorando as fronteiras entre a abstracción e a representación e a relación entre o visual e o auditivo.

A programación tamén incluirá unha estrea mundial na praza de Praterías. A creadora pontevedresa Marta Verde e o compositor e artista sonoro estremeño José Venditti presentarán ‘GAMMA’, unha performance inspirada nas investigacións científicas sobre a actividade cerebral nos momentos previos á morte. A peza combina son, luz e imaxe para construír unha experiencia sensorial arredor dos estados de consciencia e dos límites da percepción humana. Este novo traballo dá continuidade á colaboración que ambos os artistas manteñen desde hai arredor dunha década, centrada na relación entre tecnoloxía, espiritualidade e fenómenos difíciles de explicar desde unha lectura racional convencional.

Outro dos espazos escollidos será o aparcadoiro do Auditorio de Galicia, onde Curtocircuíto acollerá a estrea de Consuelo no parking: un concerto iluminado con coches. A proposta foi concibida especificamente para o festival por Los Sara Fontan e pola fotógrafa compostelá Tamara de la Fuente. A creación parte da cultura do parkineo e da música experimental para transformar un lugar de tránsito nun escenario de encontro. A peza incorpora violíns procesados, ritmos irregulares, luces halóxenas e referencias ao imaxinario automobilístico, nun traballo que combina celebración colectiva, ironía e exploración sonora.

Na carballeira de Santa Susana, o compositor e multiinstrumentista andaluz Arvin Dola e a artista visual estadounidense Irene Gaumé presentarán ‘O Ghost’, adaptación escénica do álbum debut de Dola. A proposta mestura sintetizadores, voz e violonchelo cun dispositivo visual desenvolvido a partir de fotografía dixital, técnicas de focus stacking e intelixencia artificial. O resultado sitúase entre o analóxico e o dixital e aborda cuestións como a memoria, a identidade fragmentada e a aparición de formas espectrais nun espazo en transformación.

A praza da Quintana será o escenario da colaboración entre o galego Artur M Puga e o andaluz Sevi Iko Dømochevsky, creada tamén de maneira específica para Curtocircuíto. Baixo o título Maintaining Investor Confidence Through Accelerated Decay, a peza moverase entre a cultura club, o cinema experimental e a ficción especulativa. A proposta despregará un ecosistema audiovisual aberto á mutación, no que a tecnoloxía, a materia e a percepción se presentan como elementos en cambio constante.

A sección completarase coa programación nocturna na sala Fantástica, que acollerá dúas sesións de dj. O venres será a quenda de Frau Troffea, artista compostelá integrante do colectivo Gas Clube. O seu set partirá da idea de dualidade e percorrerá contrastes entre luz e escuridade, tensión e descanso, impulso e contemplación, con ritmos quebrados e estruturas cambiantes.

O sábado, a noite estará protagonizada por PV3000, proxecto do músico e artista visual vigués Emilio Horyaans. A súa sesión transitará por territorios próximos ao techno, o electro, a bass music e a IDM, combinando ritmos de club, texturas abstractas e atmosferas melancólicas nunha proposta conectada coa dimensión máis experimental do festival.

ÚLTIMAS

A CIG denuncia a “cronificación” da masificación nas Urxencias do CHUS, con case 500 entradas diarias

A CIG volveu denunciar a “cronificación” da asistencia masiva e a “falta de medios”...

Santiago proba no Restollal e o Castiñeiriño colectores de resto que só abrirán con tarxeta

O Restollal e o Castiñeiriño serán o escenario dun novo proxecto piloto para modificar...

O PSOE pide un plan director para adaptar as instalacións deportivas de Santiago ao aumento da demanda

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno ordinario deste mes unha proposta...

O novo transporte urbano de Santiago comezará a operar nun prazo máximo de tres meses

O novo servizo de transporte urbano de Santiago de Compostela deberá entrar en funcionamento...

Un mural no Castiñeiriño visibiliza a realidade das persoas con dano cerebral adquirido

A rúa do Castiñeiriño conta estes días cun novo mural destinado a dar visibilidade...

Lucía Suárez, directora da Galería Dupla: “A arte é algo moi universal e nós somos unha ponte entre os artistas e o público”

A directora da galería Dupla, Lucía Suárez, asumiu este ano a presidencia de Contemporánea,...

O Festival Maré reunirá en Santiago artistas de máis de 16 países na súa sétima edición

O Festival Maré celebrará do 23 ao 27 de setembro a súa sétima edición...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here