Cantora, compositora e unha das voces máis singulares da creación musical galega contemporánea, Ugía Pedreira é ademais unha figura clave na experimentación escénica e na conexión entre música, comunidade e identidade cultural. Este 17 de maio participa en Santiago como unha das impulsoras e protagonistas de Circes e Morganas, o grande espectáculo colectivo que converterá a Praza da Quintana no epicentro da homenaxe a Begoña Caamaño no Día das Letras Galegas. Con motivo desta cita, Xornal de Compostela conversa con ela para afondar na dimensión artística, política e emocional dunha proposta que busca celebrar o legado da escritora dende a música, a palabra e a participación colectiva.
En que consiste esta proposta artística de Circes e Morganas e que tipo de experiencia queredes transmitir?
Nós queriamos dar un pouco a paleta da muller poliédrica que foi Begoña Caamaño e tamén revisar o seu legado. Non só o legado público, senón tamén todo o que fixo por detrás, que foi tecer redes na base e axudar a moitas mulleres. Vimos que había un punto de comunidade de fiandeira interesante e, a partir de aí, quixemos fiar este espectáculo con xente que a coñecía moi ben, como Uxía, amiga de hai moitos anos. Falamos coas amigas, co seu grupo, con xente que a coñecía, con compañeiros de vida, como Vítor Belho, que foi quen tivo a idea deste espectáculo. E a partir de aí dar as diferentes caras de Begoña: a xornalista, a que gustaba dos mitos, a activista coa lingua, co antimilitarismo, co feminismo. A partir de aí fomos unindo persoas, cancións, presenzas e non presenzas tamén. E unir tamén a praza co escenario. Se o escenario está na praza, é a praza o palco maior.
Definides a Begoña como unha figura poliédrica, pero tamén o espectáculo parece selo. Que papel xoga a música dentro desa proposta?
É curioso, porque era unha muller que escoitaba moita música, fixo programas tamén de radio musicais, e ademais era unha tipa cunha memoria de letrística brutal. Entón nós queriamos que aparecese iso: a que cantaba, a que cantaba nos bares, as reunións familiares, a que sabía todas as letras. Para nós, a música é o fío, é o liño que une todo.
Ese pensamento crítico, feminista e comprometido de Begoña, como se leva ao escenario?
Aquí, evidentemente, hai un gran número de mulleres enriba do escenario. Xa é feminino per se. Ademais, as ilustracións de Agustina tamén están arredor da muller atávica, da muller salvaxe, dende o punto de vista de ser alguén expresivo e coidador. Hai moitas cousas: está a Batucada transfeminista, están cancións que lle interesaban a ela… A min ensinoume unha canción que se chama As histéricas somos o máximo, de Liliana Felipe, e eu recollina para que De Vacas a fixese en galego. Hai tamén toda unha parte de erotismo claro e evidente, un erotismo sen idade, dende a xuventude ata a madurez de calquera muller.
O espectáculo bebe tamén directamente de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle.
Si. Está a dualidade, que é a dualidade que temos todos. E están tamén os libros, aparecen os dous libros no espectáculo.
Participa moita xente próxima a ela. Como se constrúe esa comunidade artística?
Sendo o máis natural que podemos. Marina Oural e mais eu, que temos unha oficina para postas en escena, traballamos sempre dende o esqueleto máis orgánico e natural da persoa, para que non quede ficticio, para non entrar no teatro, senón na columna vertebral das persoas: que se lle dá mellor a unha, que se lle dá mellor a outra, e darlle valor a iso. Traballamos moitas veces con coreografías sociais, cunha visión máis comunitaria e colectiva, onde o tecido social e a política musical son importantes. A partir de toda esa teoría e filosofía fomos creando o relato.
Que achega a Praza da Quintana como escenario?
Cando o espazo é elixido, e neste caso é emblemático e marabilloso, nós ideamos todo o tempo que o palco tivese máis horizontalidade. Realmente facer da Quintana o palco. Imos utilizar as escaleiras, o centro, facer que o público e o artista estean xuntos, porque todos somos artistas e público ao mesmo tempo.
Falades tamén dun espectáculo participativo. Como se articula esa participación?
É moi interesante, porque nós non traballamos intentando poñer unha orde externa, senón que damos proposicións. A min escenicamente non me gusta nada cando estou de público que me ordenen o que teño que facer. Eu, como público, fago o que quero, igual que como artista. Entón damos proposicións; se as colles, ben, e se non, tamén. Imos bastante lonxe do flashmob ou de cousas pautadas de “hai que mover os brazos á esquerda ou á dereita”. Parécenme imperativos. E penso que temos que ir á liberdade da persoa homenaxeada. O tempo que eu a coñecín, era unha persoa que se movía como quería. Entón, móvete como queiras.
Esa filosofía de liberdade é central?
Si, fundamental. Eu penso que é moi lindo danzar libre, moverse libre. A cuestión é dende onde o propós.
Definides Circes e Morganas como un espectáculo único e irrepetible. Por que?
Porque hai unha parte fóra de control. Mesmo nós, dende arriba, cando unimos as cancións escenicamente, tamén hai cousas que o artista non ten pactado. Se o temos todo pactado, é todo perfecto. E non entras na imperfección da arte. Hai cousas non pactadas enriba do escenario. Iso non quere dicir que non estean os bimbios ben postos, pero hai espazo para o vivo.
Tamén pola dificultade de xuntar tantas voces?
Exactamente. Foi moi complicado xuntar estas 16 voces. Podería repetirse máis pequeno, pero así, con esta dimensión, é complexo.
Hai tamén unha dimensión emocional especial?
Claro. Hai moita xente arredor deste espectáculo que a coñecemos. Hai xente diante e detrás que coñeceu a Begoña. Begoña aínda está aquí. Son moi poucos da súa morte. Entón aquí hai un caldo de cultivo emocional tremendo.
Paréceme interesante enfatizar tamén que é un espectáculo grande para as Letras Galegas. Normalmente fanse mil cousas en moitos sitios, pero non un espectáculo grande nunha praza emblemática que represente o día. Cando recibimos esta proposta dixen: claro, é que as Letras Galegas merecen un espectáculo grande. Evidentemente.

