InicioCULTURAO Concello presenta a programación do Entroido con desfile do Meco, pregón...

O Concello presenta a programación do Entroido con desfile do Meco, pregón coral e actividades nos barrios

As festas estenderanse do 7 ao 28 de febreiro, con propostas no casco histórico, nos centros socioculturais e nas parroquias do rural, e culminarán coa queima do Meco na Praza Roxa

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago deu a coñecer este xoves a programación do Entroido na cidade, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de febreiro, con actividades entre os días 7 e 28 e unha combinación de actos no centro urbano, nos barrios e nas parroquias do rural. A presentación correu a cargo da concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada polo autor do Meco deste ano, José Manuel Méndez, e polo director do Coro da Ra, Ramón Bermejo, formación encargada do pregón inaugural.

Segundo explicou Lueiro, o Meco volverá ser o eixo simbólico do Entroido compostelán, “o encargado de abrir, presidir e pechar estes días”, nun programa que combina desfiles, animación de rúa, propostas para a infancia, música, tradicións populares e gastronomía. O inicio oficial terá lugar o sábado 14 co desfile do Meco, que partirá da Praza de Cervantes ás 20:00 e chegará á Praza do Obradoiro, acompañado polas comparsas Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, xunto coa xaranga BB+.

No punto final do percorrido terá lugar a lectura do pregón, que este ano asumirá o Coro da Ra cun formato coral e escénico. O seu director, Ramón Bermejo, avanzou que se tratará dun pregón “reivindicativo, gamberro e transgresor”, no que se combinarán intervencións teatrais e interpretacións a capela, en consonancia co espírito crítico e satírico propio do Entroido.

O autor do Meco, José Manuel Méndez, explicou que a figura deste ano xira arredor do Mercosur, cun xogo de palabras que dá lugar ao ‘Mecosur’, como referencia a un tema de actualidade con impacto no sector primario galego. A composición inclúe elementos como vacas, un porco vestido de etiqueta e referencias ás protestas do campo, nunha proposta que, segundo indicou, pretende empregar a ironía como ferramenta crítica.

A programación inclúe tamén actividades dirixidas ao público infantil, con obradoiros para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos os días 11 e 12 no Centro Sociocultural de Santa Marta e no Espazo Apego. Ademais, entre o sábado 14 e o martes 17 haberá animación de rúa con comparsas e charangas, mentres que as asociacións folclóricas da cidade protagonizarán pasarrúas dedicadas aos entroidos tradicionais, coa participación de Ultreia, Cantigas e Agarimos e outras entidades.

Entre os actos destacados figura o festival infantil de disfraces, previsto para o domingo 15 ás 18:00 na sala Capitol, así como o gran desfile de Entroido do martes 17, que sairá da Avenida de Ferrol ás 17:30. Ese mesmo día, ás 21:00, celebrarase tamén na Capitol a entrega de premios, cun incremento das contías e a creación dun cuarto galardón, ademais dunha categoría específica para centros de ensino que recoñeza a implicación da comunidade educativa.

O mércores 18 terá lugar a queima do Meco, cunha comitiva fúnebre que partirá da Praza do Obradoiro ás 20:00 e rematará na Praza Roxa ás 21:00, tras os bailes de Entroido previstos desde as 18:00 nas prazas da cidade. A programación complétase co desfile das Xeneraliñas da Semente o sábado 21 pola mañá e cos festexos organizados polas comisións de festas e asociacións do rural en parroquias como Marrozos, Angrois, Aríns e Eixo.

O peche do Entroido chegará o sábado 28 no barrio de Sar, cunha xornada na que está prevista a presenza dos boteiros e folión de Viana do Bolo, así como das madamas e galáns de Cobres. Durante a presentación, Pilar Lueiro agradeceu de maneira expresa o traballo das comparsas, das comisións de festas e das asociacións culturais, “sen as que non se entende o Entroido en Santiago”, e subliñou o papel que desempeñan na conservación e transmisión destas tradicións.

ÚLTIMAS

Raxoi estuda sancións tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local de Compostela avanzou que está a estudar posibles sancións contra Eulen...

Rueda valora o interese de Goretti Sanmartín por coordinar coa Xunta a conmemoración do Xacobeo 27

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou este xoves a súa satisfacción polo interese...

A alcaldesa inicia os encontros individuais coa veciñanza para escoitar propostas e dúbidas

A alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, deu comezo este xoves á primeira...

O Concello presenta a memoria de Servizos Sociais con case 20.000 persoas atendidas en 2025

O Concello de Santiago presentou este mércores a memoria anual do departamento de Dereitos...

A candidata a reitora da USC Maite Flores anuncia o peche da súa campaña cunha festa na Sala Capitol

A candidata a reitora da Universidade de Santiago de Compostela Maite Flores anunciou este...

Unha exposición no Gaiás explora os límites entre o físico e o virtual con 80 obras internacionais

O Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, acolle desde...

O Concello de Santiago retoma a XX Campaña municipal de animación á lectura tras cinco anos de parón

O Concello de Santiago presentou a XX edición da Campaña municipal de animación á...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here