InicioCULTURAO Concello presenta a programación do Entroido con desfile do Meco, pregón...

O Concello presenta a programación do Entroido con desfile do Meco, pregón coral e actividades nos barrios

As festas estenderanse do 7 ao 28 de febreiro, con propostas no casco histórico, nos centros socioculturais e nas parroquias do rural, e culminarán coa queima do Meco na Praza Roxa

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago deu a coñecer este xoves a programación do Entroido na cidade, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de febreiro, con actividades entre os días 7 e 28 e unha combinación de actos no centro urbano, nos barrios e nas parroquias do rural. A presentación correu a cargo da concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada polo autor do Meco deste ano, José Manuel Méndez, e polo director do Coro da Ra, Ramón Bermejo, formación encargada do pregón inaugural.

Segundo explicou Lueiro, o Meco volverá ser o eixo simbólico do Entroido compostelán, “o encargado de abrir, presidir e pechar estes días”, nun programa que combina desfiles, animación de rúa, propostas para a infancia, música, tradicións populares e gastronomía. O inicio oficial terá lugar o sábado 14 co desfile do Meco, que partirá da Praza de Cervantes ás 20:00 e chegará á Praza do Obradoiro, acompañado polas comparsas Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, xunto coa xaranga BB+.

No punto final do percorrido terá lugar a lectura do pregón, que este ano asumirá o Coro da Ra cun formato coral e escénico. O seu director, Ramón Bermejo, avanzou que se tratará dun pregón “reivindicativo, gamberro e transgresor”, no que se combinarán intervencións teatrais e interpretacións a capela, en consonancia co espírito crítico e satírico propio do Entroido.

O autor do Meco, José Manuel Méndez, explicou que a figura deste ano xira arredor do Mercosur, cun xogo de palabras que dá lugar ao ‘Mecosur’, como referencia a un tema de actualidade con impacto no sector primario galego. A composición inclúe elementos como vacas, un porco vestido de etiqueta e referencias ás protestas do campo, nunha proposta que, segundo indicou, pretende empregar a ironía como ferramenta crítica.

A programación inclúe tamén actividades dirixidas ao público infantil, con obradoiros para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos os días 11 e 12 no Centro Sociocultural de Santa Marta e no Espazo Apego. Ademais, entre o sábado 14 e o martes 17 haberá animación de rúa con comparsas e charangas, mentres que as asociacións folclóricas da cidade protagonizarán pasarrúas dedicadas aos entroidos tradicionais, coa participación de Ultreia, Cantigas e Agarimos e outras entidades.

Entre os actos destacados figura o festival infantil de disfraces, previsto para o domingo 15 ás 18:00 na sala Capitol, así como o gran desfile de Entroido do martes 17, que sairá da Avenida de Ferrol ás 17:30. Ese mesmo día, ás 21:00, celebrarase tamén na Capitol a entrega de premios, cun incremento das contías e a creación dun cuarto galardón, ademais dunha categoría específica para centros de ensino que recoñeza a implicación da comunidade educativa.

O mércores 18 terá lugar a queima do Meco, cunha comitiva fúnebre que partirá da Praza do Obradoiro ás 20:00 e rematará na Praza Roxa ás 21:00, tras os bailes de Entroido previstos desde as 18:00 nas prazas da cidade. A programación complétase co desfile das Xeneraliñas da Semente o sábado 21 pola mañá e cos festexos organizados polas comisións de festas e asociacións do rural en parroquias como Marrozos, Angrois, Aríns e Eixo.

O peche do Entroido chegará o sábado 28 no barrio de Sar, cunha xornada na que está prevista a presenza dos boteiros e folión de Viana do Bolo, así como das madamas e galáns de Cobres. Durante a presentación, Pilar Lueiro agradeceu de maneira expresa o traballo das comparsas, das comisións de festas e das asociacións culturais, “sen as que non se entende o Entroido en Santiago”, e subliñou o papel que desempeñan na conservación e transmisión destas tradicións.

ÚLTIMAS

Publicada no BOE a declaración de Santiago como zona de vivenda tensionada, que entra en vigor o xoves

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou a declaración de zona de mercado residencial...

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

A USC reconstrúe dixitalmente a ‘Raíña Orante’ do mestre Mateo

Un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Centro de Investigación...

Santalices exercerá por cuarta vez como delegado rexio na Ofrenda ao Apóstolo

A Catedral de Santiago acollerá este sábado, 25 de xullo, a tradicional Ofrenda Nacional...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here