O proxecto musical Unto Vello estreará en directo o seu primeiro traballo discográfico, Inmaterial, o vindeiro domingo 22 de marzo, ás 20:00, na Sala Capitol. O concerto está formulado como un acto colectivo no que os cantares recollidos por diferentes puntos do país se transformarán, durante unha noite, nun espazo compartido de encontro, memoria e celebración arredor da música tradicional galega.
Segundo avanzou o dúo, a presentación contará coa participación de diversas colaboradoras, cuxos nomes se darán a coñecer proximamente. A proposta busca recuperar o espírito das xuntanzas de toda a vida, convertendo o patrimonio inmaterial nunha experiencia material e viva a través do directo.
A gravación e edición do disco contou coa produción de Hevi, de Laboratorio Soyuz. Inmaterial recompila os cantares recollidos polo propio grupo ao longo do seu primeiro ano de traxectoria, froito dun traballo continuado de investigación, documentación e reinterpretación da música tradicional galega.
As entradas para a estrea xa están á venda a través da web da Sala Capitol, cun prezo xeral de 12 euros máis gastos de xestión.
Unto Vello constrúe o seu repertorio a partir das recollidas de música tradicional realizadas polos seus integrantes, Bieito Pereira e Xabi Gómez, ás que incorporan arranxos propios con instrumentación tradicional e voz. No seu primeiro ano de actividade, o dúo xa pasou por escenarios e encontros como a Foliada da Fonsagrada ou o Ponte Farruca, e foi finalista nos Premios Martín Códax da Música na categoría de Música Tradicional.

