InicioCULTURAEste é o programa completo das Festas da Ascensión 2024

Este é o programa completo das Festas da Ascensión 2024

Unhas festas que apostan polo folk e o baile tradicional. Actuarán Fillas de Cassandra e Panorama e haberá un Dron Festival, actividades para nenos e o concerto 40 Pop, con David Otero, ademais das citas tradicionais

Publicado o

Por Ángela Precedo

A Orquestra Panorama, Fillas de Cassandra e Billie Marten, así como o concerto ’40 Pop’, con David Otero, e o Compos Fest, con artistas locais como Deus Ke Te Crew ou Boyanka Kostova, porán música a próxima semana ás Festas da Ascensión de Santiago, unha cita na que se fará unha aposta especial polo folk e polas escolas de baile tradicional sen perder de vista os eventos tradicionais desta celebración.

A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada da deseñadora do cartel, Minia Banet, presentou este martes o programa completo destas festas, que se desenvolverán entre o 8 e o 12 de maio e que incluirán un “número importante de actividades para todos os públicos”. As tradicionais atraccións da Alameda estarán a funcionar entre o 4 e o 19 de maio, abarcando tamén a ponte das Letras Galegas, e, “atendendo ás demandas de diferentes colectivos sociais de persoas con capacidades diferentes ou altamente sensibles” ao ruído, volverán contar cun horario inclusivo sen ruído os días 4, 11 e 16 de maio entre as 17.00 e as 19.00 horas.

As festas como tal arrincarán o mércores 8 de maio ás 21.00 horas na Praza da Quintana, co concerto Santiago 40 Pop, organizado polos 40 Principais da Cadena Ser, que contará coas actuacións de David Otero, Bombai, Soge Culebra, Lérica, Mar Lucas, Álvaro Maio, Álex Márquez e Lontreira. Posteriormente, ás 22.30 horas, a Praza do Obradoiro acollerá a actuación da mítica Orquestra Panorama, que contará cun aforamento, a falta de pecharse, dunhas 8.000 persoas.

Ademais, o programa inclúe outras actuacións musicais, como a das galegas Fillas de Cassandra o xoves 9 ás 21.00 horas na Quintana, e a Orquestra Funçao Públika ás 22.00 horas no Obradoiro. O venres será a quenda da orquestra Los Player’s a partir das 22.00 horas na Alameda. Ademais, a Praza da Quintana acollerá o venres a partir das 20.30 horas a segunda edición do ‘Compos Fest’, que contará Boyanka Kostova, Deus Ke Te Crew, André G. S. e Cool Meniñas. Tamén na Quintana, o día 11 terá lugar o concerto Estrela Galicia, que contará coa actuación de Billie Marten, e, á mesma hora, a orquestra Finisterre na Alameda.

FOLK NA RÚA E BAILE

Desde o xoves, as tradicionais ‘alboradas’ interpretadas por agrupacións locais ambientarán coa súa música as rúas compostelás e a Banda Municipal de Santiago ofrecerá os concertos ‘Desde a identidade’ e ‘Desde a sétima arte’ na Praza da Quintana. Ademais, en diferentes prazas, cidadáns e visitantes poderán gozar das actuacións máis tradicionais cos ciclos ‘Folk na rúa’ (xoves, 9 de maio) e ‘Escolas de Baile Tradicional’ (sábado, 11 de maio), ofrecido polas agrupacións folclóricas da cidade como Cantigas e Agarimos, Ultreia ou Brincadeira, entre outras. Varios locais de Santiago acollerán o sábado as interpretacións de varios grupos de Cantos de Taberna cunha actuación conxunta final. O mesmo día pola tarde, a Casa do Taberneiro acollerá un taller para todas as persoas interesadas neste tipo de cánticos populares.

CABEZUDOS E FEIRA CABALAR

O día grande das Festas, o xoves da Ascensión, chegarán ás rúas as tradicionais comparsas de Cabezudos e tamén se celebrará a clásica Feira Cabalar no recinto de Amio. Ademais, terá lugar a edición número 25 da Festa dos Maiores, amenizada polo Grupo Eureka. Será o día 11 de maio no recinto feiral de Amio. Outra das actividades tradicionais que se repetirá este ano é o torneo de Chave, que chega ao seu XLVII edición e que se desenvolverá o venres e o sábado na Alameda compostelá.

OUTRAS ACTIVIDADES

O programa inclúe outras actividades, como a representación da peza de teatro ‘Adictos’, de Pentación Espectáculos, que terá lugar no Auditorio de Galicia o xoves 9 ás 20.30 horas, ou varios espectáculos de monicreques dirixidos a nenos a cargo de Babaluva, Kukas, Larraitz Urruzola Producións Artísticas, Monicreques Alakrán e Viranvolta Monicreques, todos eles na praza de Mazarelos. O programa deste ano inclúe a visita teatralizada pola ruta de Valle-Inclán ‘A barraca de Compostela’. O palco da Alameda e a Nave de Vidán acollerán o venres e o sábado varias actividades ao redor do tango e a milonga que contarán coa presenza do cantante arxentino El Chinés Laborde.

Para completar o programa, o sábado celebrarase a ‘Corresán Ruta de Prata de Angrois’ que terá lugar o sábado a partir das 17.30 horas con saída e meta no Camiño Real de Angrois, e a XXIII Carreira da Ascensión, organizada polo Clube Ciclista Compostela. Os amantes das novas tecnoloxías poderán asistir ao Dron Festival Gaelic GP, o venres e sábado no campo de hóckey da USC, no Campus Sur.

A PANORAMA TERÁ QUE BAIXAR OS DECIBEIS

En cando ás críticas pola actuación de Orquestra Panorama na Praza do Obradoiro, a concelleira explicou que o informe desfavorable ao espectáculo cínguese a “aspectos acústicos”, un ámbito que xa se tratou cos responsables da orquestra, que deberán “baixar os decibeis” habituais para poder actuar. O xoves, explicou Pilar Lueiro, haberá unha reunión técnica para pechar os últimos flocos deste dispositivo, na que tamén se abordará as cuestións de aforamento, inicialmente fixado en 8.000 persoas.

ÚLTIMAS

O Obradoiro acolle un acto en memoria das 66.519 persoas refuxiadas falecidas nos últimos tres anos

A Praza do Obradoiro foi escenario este xoves da conmemoración do Día Mundial das...

A cidade histórica perde comercio de barrio mentres medra o negocio turístico: os datos que explican a nova regulación en Santiago

A nova normativa urbanística aprobada inicialmente polo Concello de Santiago chega nun momento crítico...

Crearanse máis de 200 novas vivendas de promoción pública en Ames

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este venres...

A Xunta dá luz verde ambiental a un campamento de turismo na parroquia de Figueiras, en Santiago de Compostela

A Xunta deu luz verde ambiental ao proxecto para construír un campamento de turismo...

Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro actúan este sábado en Santiago no Festival Acento

O Festival Acento volve este sábado 21 de xuño á terraza da sede da...

Santiago impulsa o programa ‘Compostela Convive’ para fomentar a convivencia intercultural

O Concello de Santiago presentou este martes unha nova edición do programa 'Compostela Convive',...

Xa están á venda as entradas para o WOX Festival no mes de setembro

O evento WOS Festival x SON Estrella Galicia de cultura contemporánea celebrará a súa...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here