InicioCULTURAA Real Academia Galega de Ciencias homenaxea en Santiago o químico Fernando...

A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea en Santiago o químico Fernando Calvet no Día da Ciencia en Galicia

O Salón Nobre de Fonseca acollerá este mércores o acto institucional, que incluirá unha conferencia do profesor Manuel Freire e a entrega das Medallas de Investigación de Galicia

Publicado o

Xornal de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrará mañá, mércores 8 de outubro, o Día da Ciencia en Galicia, unha xornada que este ano rende tributo ao químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, 1903 – Barcelona, 1988), pioneiro da bioquímica moderna en España e impulsor da investigación química na Universidade de Santiago durante os anos 30. O acto terá lugar ás 12:00 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, coa presenza de representantes das principais institucións académicas e científicas galegas.

Calvet destacou como modernizador da química orgánica en Galicia e foi un dos primeiros investigadores en aplicar esta disciplina á industria, especialmente nos ámbitos farmacéutico e pesqueiro. Con só 26 anos obtivo a cátedra de Química Orgánica na USC e, tras unha estancia en Múnic con Heinrich Wieland, premio Nobel de Química, fundou en Santiago un laboratorio de prácticas e outro de investigación, situando a universidade compostelá á altura dos mellores centros do Estado.

A súa traxectoria profesional viu marcada pola Guerra Civil, que o sorprendeu en Vigo e o levou ao exilio en Estocolmo e posteriormente a Edimburgo, antes de regresar a España, onde foi encarcerado en Tui. Unha vez en liberdade, incorporouse aos laboratorios Zeltia, no Porriño, onde dirixiu un equipo que desenvolveu máis dunha decena de patentes farmacéuticas en apenas un ano. En 1944 reincorporouse á docencia universitaria, primeiro en Salamanca e Oviedo, e máis tarde en Barcelona, desde onde continuou a súa investigación e colaboración con empresas e universidades internacionais.

Durante o acto conmemorativo intervirá Manuel Freire Rama, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, quen ofrecerá a conferencia titulada “Unha semblanza da actividade científica de Fernando Calvet”. Tamén se proxectará un vídeo sobre a vida e o legado do homenaxeado.

A cerimonia contará coa asistencia do presidente da RAGC, Juan Lema, da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e dos reitores das tres universidades galegas, entre outras autoridades.

Como é habitual, a xornada incluirá a entrega das Medallas de Investigación de Galicia, que distinguen o labor de persoal investigador nas distintas áreas científicas. Nesta edición, os galardoados son Francisco Javier Blanco (Bioloxía e Ciencias da Saúde), Laura Carballo (Ciencias Económicas e Sociais), Juan María Pou (Ciencias Técnicas), Nieves Rodríguez (Matemáticas, Física e Ciencias da Computación) e Mª Carmen Veiga (Química e Xeoloxía).

Con este acto, a Real Academia Galega de Ciencias reafirma o seu obxectivo de difundir o coñecemento científico galego e recoñecer figuras clave como Fernando Calvet, cuxo traballo contribuiu a situar Galicia no mapa da investigación europea do século XX.

ÚLTIMAS

Santiago celebra 40 anos como Patrimonio da Humanidade e redefine os seus retos de futuro

Santiago de Compostela celebrou este venres o 40º aniversario da súa declaración como Patrimonio...

Os piquetes impiden a saída dos servizos mínimos e Santiago queda sen autobuses a primeira hora

O transporte urbano e interurbano de Santiago quedou paralizado a primeira hora deste xoves...

Sumar plantexa a incorporación de Mercedes Rosón á súa estratexia para 2027

A Asemblea de Sumar Terras de Compostela aprobou por unanimidade a súa nova dirección...

Ence leva o conflito laboral a Santiago cunha nova xornada de folga e mobilizacións o martes

Os traballadores e traballadoras de Ence en Lourizán volveron sacar o conflito laboral fóra...

A Carpa Roxa activa máis de 30 propostas para dinamizar o Nadal no Ensanche compostelán

A praza Roxa converterase, un ano máis, nun dos principais epicentros do Nadal compostelán....

O Teatro Principal e o Auditorio de Galicia acollerán 33 funcións de teatro e danza no primeiro semestre de 2026

A programación de Artes Escénicas de Compostela Cultura para o primeiro semestre de 2026...

(FOTOS) O acendido do Nadal enche de música e público o Obradoiro

O acendido oficial das luces de Nadal de Santiago celebrouse este venres cunha gran...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here