InicioCULTURACristian Silva presenta o seu novo disco 'Un home tranquilo' en Santiago

Cristian Silva presenta o seu novo disco ‘Un home tranquilo’ en Santiago

O músico carrilexo actuará o 12 de outubro na Sala Capitol acompañado da súa banda e convidados especiais

Publicado o

Xornal de Compostela

O 12 de outubro ás 19:30, a Sala Capitol de Santiago acollerá a presentación oficial do novo traballo discográfico de Cristian Silva, titulado Un home tranquilo. O músico, compositor e produtor de Carril chega á capital galega dentro da xira coa que está a dar a coñecer este álbum, que define como “a calma aparente que agocha un volcán interior”.

Un home tranquilo está concibido como unha viaxe sonora con protagonismo da gaita, instrumento central no discurso creativo de Silva. As pezas do disco integran estilos como o pop, o folk-rock, o funk-jazz e a música tradicional galega, nunha proposta que o artista describe como resultado dun proceso longo e esixente, tanto a nivel musical como persoal. O peche do álbum, Baño co leviatán, enlaza co seu anterior traballo Ego, simbolizando a transición entre a calma e a loita interior.

Sobre o escenario compostelán, Silva contará coa compañía da súa banda habitual: Suso Iglesias (acordeón), Efrén Nóvoa (baixo), Miguel Anxo López (batería), Xosé Piñeiro (guitarra), Ana Fernández (pandeireta e voz) e Iria Iglesias (teclados). O propio artista asumirá as gaitas, frautas, zanfona e voz. Ademais, está prevista a participación dalgúns dos colaboradores do disco, que se darán a coñecer nos vindeiros días.

O concerto promete unha posta en escena inmersiva, con guitarras, sintetizadores, gaitas e frautas procesadas, acompañadas dun coidado deseño visual que reforzará a intensidade da experiencia.

As entradas teñen un prezo de 15 euros e xa están dispoñibles en salacapitol.com.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

Unha vintena de sindicalistas da CIG, UFT e CC.OO. concentráronse esta mañá de xoves...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

A biopsia líquida e a intelixencia artificial centran en Santiago un simposio internacional sobre oncoloxía de precisión

Santiago de Compostela acolle desde este xoves e ata o sábado a XI edición...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here