O Festival Acento volve este sábado 21 de xuño á terraza da sede da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) en Santiago de Compostela cun cartel formado por Boyanka Kostova, Lua de Santana e 9Louro. O evento, de carácter gratuíto, desenvolverase coincidindo co Día Europeo da Música, e foi presentado este mércores na propia sede da entidade.
Durante a rolda de prensa, Teo Cardalda, presidente do consello territorial da SGAE, animou á veciñanza e visitantes a participar nunha xornada que pretende marcar o inicio do verán cun ton lúdico e reivindicativo. “Vai haber grupos actuando, vai haber diversión e vai haber ánimo e optimismo para este ano que xa comeza o verán”, sinalou o músico.
O artista Cibrán García, integrante do dúo compostelán Boyanka Kostova, destacou o valor da iniciativa como espazo de dinamización cultural: “Sempre está ben dar dinamización cultural en calquera tipo de ámbito”. O grupo, pioneiro do trap en galego e próximo a celebrar dez anos de traxectoria, anunciou que prepara unha renovación sonora de cara ao novo disco, previsto para outubro ou novembro. Segundo avanzou García, o espectáculo virará cara a un son “máis de electrónica pura”, con temas clásicos reversionados e novas composicións.
Pola súa banda, Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), puxo o foco na defensa dos dereitos de autor, un dos eixes centrais da actividade da SGAE. “Todos os que están no mundo da cultura teñen que non soamente defendelos, senón que visibilizalos”, sinalou, ligando a celebración do festival cun compromiso institucional neste ámbito.
O Festival Acento consolídase así como unha cita estival que combina concertos ao aire libre, creación musical galega e reivindicación dos dereitos culturais, no corazón da capital galega. A actuación dos tres artistas terá lugar na terraza do edificio da SGAE, no número 32 da rúa das Salvadas.