InicioCULTURAAvante LGBT+ lanza a súa programación do Orgullo en Santiago cunha homenaxe...

Avante LGBT+ lanza a súa programación do Orgullo en Santiago cunha homenaxe a Xosé Vizoso

O cartel deste ano inspírase na obra do artista gráfico recentemente falecido e acompaña un mes de actividades lúdicas, educativas e reivindicativas que se estenderán ata xullo

Publicado o

Xornal de Compostela

A asociación Avante LGBT+ presentou este venres a súa programación para o mes do Orgullo LGBT+ en Santiago de Compostela, cun calendario que combina actos lúdicos, educativos e de reivindicación social. A proposta deste 2025 destaca pola súa continuidade nas celebracións alén do 28 de xuño, estendéndose ata a primeira quincena de xullo, e pola homenaxe ao artista gráfico Xosé Vizoso, falecido recentemente, a quen lle dedican o cartel do evento.

As actividades comezarán o venres 13 de xuño cunha maratón de cinema clásico LGBT+ na Casa Xohana Torres. A sesión, de acceso libre, incluirá a proxección de tres películas icónicas do século XX que desafiaran os estereotipos de xénero na súa época, promovendo un espazo distendido e de encontro.

O día seguinte, sábado 14, terá lugar unha proposta conxunta con Trecendo, colectivo de labores, para celebrar un día da calceta en público con perspectiva queer. O punto de encontro será a estatua das dúas Marías no parque da Alameda, onde se reunirán persoas interesadas en labores como a calceta, o croché ou o bordado, convertendo a práctica artesanal nun espazo de visibilización e diversidade.

O sábado 21 de xuño está previsto un dos actos centrais do mes: a entrega de premios da quinta edición do certame de poesía LGBT+ en galego, que busca promover a creación literaria sobre experiencias disidentes de xénero e sexuais. A gala de entrega terá lugar no marco da Gala Compostela Diversa, organizada polo Concello, cuxa programación específica será anunciada proximamente.

O 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGBT+, manterá dous dos actos máis tradicionais da cidade: a manifestación, que partirá ás 20:00 da praza 8 de marzo, e un picnic reivindicativo, que se celebrará posteriormente no mesmo espazo.

A programación non remata aí, pois Avante LGBT+ prolonga as súas actividades ata xullo. En colaboración con Roga Colectiva, organizará un coloquio con Daniela Ferrandez, historiadora especializada, que fará un repaso pola historia do Orgullo na Galiza, desde os seus inicios hai máis de corenta anos.

A entidade adianta tamén que dúas actividades formativas están pendentes de anuncio, previstas para o mes de xullo. Trátase de obradoiros que seguen a estela de éxito dos realizados en 2024 sobre maquillaxe e cultura drag e alianzas antirracistas. Estes cursos, financiados a través das subvencións municipais para proxectos de igualdade, volverán ser gratuítos. Avante LGBT+ convida á veciñanza a estar atenta ás redes sociais da entidade para coñecer as novidades e garantir praza nas actividades.

ÚLTIMAS

Santiago prepárase para o desafiuzamento do Escarnio e Maldizer: máis de cen antidisturbios blindarán o casco histórico

Compostela afronta este venres unha xornada marcada pola tensión ante o inminente desaloxo do...

O sector do transporte denuncia “parálise” da patronal e advirte dunha folga indefinida

A patronal do transporte da Coruña e os sindicatos están convocados a unha mediación...

María Rozas clausura o obradoiro de emprego Genius e presenta a app ‘Inxenius’

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, clausurou...

Borja Verea critica a estratexia turística do goberno local durante a súa presenza en Madrid

O portavoz do Partido Popular en Santiago de Compostela, Borja Verea, realizou este mércores...

O Premio Literario San Clemente distingue tres obras elixidas polo alumnado de Bacharelato

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, e o secretario xeral...

O Ateneo de Santiago proxecta ‘Arima’ cun coloquio coa actriz Melania Cruz

O Ateneo de Santiago acolle este martes, 20, ás 19:00, a proxección da película...

A Asociación Área Empresarial do Tambre inaugura a exposición ‘Fortes Sentires’ de María Fortes Blanco

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará este luns, 19 de xaneiro, a...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here