InicioCULTURA'Serán'04' reúne no Gaiás a un milleiro de intérpretes de música e...

‘Serán’04’ reúne no Gaiás a un milleiro de intérpretes de música e baile tradicional: este é o programa

Terá lugar entre o 20 e o 22 de xuño

Publicado o

Xornal de Compostela

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou este martes o programa do IV edición de ‘Serán04, Encontro Galego de Cultura Popular’, un evento protagonizado pola música e baile tradicional que regresa ao Gaiás no marco da programación das Letras Galegas. Así, entre o 20 e o 22 de xuño, a iniciativa reunirá na Cidade da Cultura ata un milleiro de artistas e intérpretes e 40 agrupacións de baile, canto e pandeireta.

O responsable autonómico destacou que nesta cuarta edición as pandereteiras e cantareiras serán “destacadas protagonistas”. “A súa figura foi fundamental na creación, preservación e transmisión da cultura popular, e este 2025 son merecidamente homenaxeadas nas Letras, pois é imposible entender o folclore e a música galega sen elas”, apuntou. López Campos explicou que Serán04 reunirá nunha gran foliada a toda a riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional de Galicia, “converténdose na verdadeira celebración da cultura popular e patrimonio inmaterial”.

17.000 ASISTENTES EN TRES EDICIÓNS

Nas súas tres edicións previas, celebradas tamén na Cidade da Cultura, a iniciativa congregou a máis de 17.000 asistentes. Nesta cuarta entrega, e coincidindo coa celebración do Día Europeo da Música e o arranque da programación do verán no Gaiás, volve cun programa gratuíto de concertos, espectáculos e festivais ao redor da música e o baile tradicional de Galicia. Como novidade, o programa incorpora na noite do venres 20 de xuño un festival folk que reunirá a algúns dos nomes máis destacados do tradi actual, como a banda ‘De Ninghures’, unha das revelacións da música galega dos últimos anos.

Compartirán escenario con Xabier Díaz, acompañado das Adufeiras de Salitre, Xosé Lois Romeu; Aliboria; e Tres Pesos, agrupación integrada por Xoán Porto, Xosé Antón Ferreira e Felisa Segade: os tres suman centos de horas sobre os escenarios con proxectos como Leilía, Malveiras, Limagoia, Brincadeira e A Ponte Vella, entre outros. O programa incluirá tamén 15 masterclasses profesionais impartidas polo profesorado especializado en música e baile máis destacado do momento, con nomes como Olga Kirk, Luís Prego, Serxio Cobos, María Vida, Xosé Lois Romeu, Montse Rivera ou Felisa Segade, entre outros. Incluiranse ademais contidos formativos novos como unha clase de iniciación á pandeireta para persoas con discapacidade ou unha de bordado co modisto e especialista en traxe tradicional, Álex Regueiro.

Non faltará tampouco o tradicional foliadón da noite do sábado, con cinco horas de música e baile e centos de intérpretes reunidos sobre o escenario, unha exposición de traxe tradicional ou un certame de coros enxebres onde actuarán o Coro tradicional Xacarandaina, Cantares do Brión (Gondomar), a Coral de Ruada (Ourense) e as Pandeireteiras de XOC (Xacarandaina-Ou Fiadeiro-Cantigas e Agarimos). O Serán’04 despedirase o domingo 22 de xuño cunha exhibición de baile tradicional na que participarán oito agrupacións de toda Galicia: Tequexetéldere (A Estrada), Aturuxo (A Coruña), Lembranzas da Ría (Cangas), Arume de Caión (Laracha), Traspés (Vigo), Buxaina (Cedeira), Son D’Aquí (A Coruña) e Saíñas (Xove).

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago presenta unha nova edición da Festa da Uña con 27 restaurantes participantes e actividades gastronómicas en San Lázaro

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou este luns unha nova edición...

O Concello abre o prazo para presentar obras ao Premio Xohana Torres 2026 ata o 30 de decembro

O Concello de Santiago abrirá este luns 9 de marzo o prazo para presentar candidaturas...

A USC abre o prazo de inscrición nunha microcredencial sobre profesionalización do xogo no ámbito socioeducativo

A Universidade de Santiago de Compostela abriu o prazo de inscrición na Microcredencial Universitaria en...