Falamos con Jonathan Weber, un alemán afincado no Milladoiro, que xunto co seu equipo xestiona o DivierTTPark en Santiago de Compostela. Jonathan chegou á cidade despois dunha longa travesía dende León, onde empezou un novo proxecto que o levou a establecerse aquí. A pesar de non falar galego, está completamente integrado na comunidade e mostrouse encantado coa cidade e a súa xente.
Antes de nada, moitísimas grazas! Quen está detrás do DivierTTPark e que vos trouxo dende a Alemaña a Santiago?
Ben, ntes que nada, non falo ben o galego pero o entendo, entón teño que falar en castelán [Entrevista traducida ao galego]. É unha historia moi longa pero, para facelo curto, Deus guiounos cara a León e alí comezaron unha igrexa en Santiago á cal nos mandaron para apoiar, e cando chegamos eu estaba aínda traballando dende casa para a empresa que tiñamos en Alemaña, un estudo de cociña, pero como todos emigramos para o estranxeiro vimos que non tiña moito sentido manter a empresa estando nós, aquí así que a vendemos e comezamos a buscar onde investir.
Claro, porque o parque xa existía cando chegastes. Como destes o paso de facelo voso?
Pois estaba buscando onde investir e unha fin de semana estabamos buscando que facer cos nosos fillos e vin na páxina web que o traspasaban. Non pensara nun parque de ocio, pero vímolo, falámolo, oramos e ao final foi moi rápido e nun mes xa o tiñamos todo asinado. Facilitáronnos moito as cousas os últimos propietarios.
Foi comezar sen saber moito realmente, pero simplemente co desexo de traballar coas familias de Santiago. Non queríamos traballar cos peregrinos ou con xente de fóra, senón que queríamos coñecer á xente de aquí, por iso me facía ilusión traballar nun parque que non é de nenos, senón de familias. Esa foi a idea principal, e en canto o reabrimos vimos que non era só para nenos, senón para todas as idades: aquí pasaron crianzas dende os 2 anos ata avós con 70 anos.
Esa é a principal diferencia do voso parque, non? Porque, por exemplo, xusto o parque que tedes aquí ao lado é só para nenos.
Si, si. Esa é unha gran diferencia. Aquí de feito temos grupos de adultos que non veñen con ningún neno, xa sexan despedidas de noivo, empresas, aniversarios de adultos… Tivemos o aniversario dunha muller que cumpriu 55 e que viña cos súas 6 amigas e pasáronno xenial. Así que non, non é só para nenos. E de feito cando o fai toda a familia convértese nunha experiencia única familiar. E ver iso, como se divirten en familia… Non ten prezo.
E que actividades tedes? Vexo por detrás de ti un pequeno spoiler, pero se me podes explicar un pouco… que tedes aquí no parque?
Temos dúas actividades principais, digamos, que son os Carts eléctricos con diferentes tamaños para adultos e para nenos, e despois o circuíto de multiaventura. Normalmente empezan na pista de carts, durante uns vinte minutos, onde podemos meter como máximo 14 ou 15 persoas á vez. Iso tamén é unha diferenza con outros parques: aquí hai moito menos ruído! Os nenos non adoitan gritar moito ao ser un entorno un pouco máis pechado.
E despois suben á multiaventura, onde se fai o primeiro nivel, que está a 2,5 metros de altura, e despois o segundo nivel, que está a 7 metros de altura e ten unha tirolina. Na multiaventura segundo a habilidade e os medos, a xente tarda o que tarda en completalo.
A xente pensa que un parque de ocio coma este é só para nenos, pero como é a resposta do público adulto ás actividades do parque? Sorpréndense ao descubrir que non é só para nenos?
Si, e de feito a miúdo os pais desfrutan máis que os nenos. Igual porque os nenos están xa máis acostumados a este tipo de diversión. Os pais adoitaban quedar tomando algo e cando os animamos para que tamén entren primeiro dubidan, porque igual fai anos que non montaron nalgo divertido. E cando o fan, síntense coma nenos, e iso é algo do que eles mesmos se sorprenden. Ou tamén se sorprenden porque pensan que vai ser algo que non lles guste nada e ao final si que lles gusta, enfróntanse ao medo ás alturas e o superan.
Tamén tivestes un incendio a finais do ano pasado, pero o parque conseguiu manterse activo. Como vivistes esa experiencia e que aprendestes dela?
Moito: cousas boas e cousas non tan boas. Realmente foi un choque cando pechamos o parque o venres pola noite e o sábado pola mañá cando o abrimos estaba todo tan negro que non se podía ver nin a un palmo de distancia. Todo negro, cheo de feluxe. Chamamos aos bombeiros e viñeron, sacaron o feluxe e pensabamos que sería moito máis grave, pero en realidade o incendio era local e pequeno, a estrutura de multiaventura non estaba afectada para nada. Simplemente foron uns coches que estaban cargando, pero cando os pneumáticos prenden, ponse todo negro. Entón foi sobre todo limpar durante tres semanas moi intensas. Chamamos a todas as empresas de limpeza, pero ao ser tempada alta, a finais de agosto non estaban dispoñibles. Non nos quedou outra que facelo nós mesmos: alugamos un andamio de 8 metros de altura e co noso equipo de protección, os arneses e os cascos, fixémolo. Pero si, foi moi intenso. Tanto que pensamos que se non funcionaba, montaríamos unha empresa de limpeza [risas].
E que plans e proxectos tedes para este 2025 e máis alá?
Temos varios plans. Estamos pensando en facer un pequeno carné de conducir de seguridade vial para os nenos, porque a pista de carts está para divertirse, pero tamén temos todo tipo de sinais e semáforos. Os coches teñen acelerador, freno e marcha atrás, entón podemos facer educación vial. De feito, xa algúns pais nos preguntaron e é un proxecto que queremos facer este ano. E o outro sería enfocarnos un pouco máis en estudantes universitarios que non coñecen o parque. Entón pensamos que aí hai un grupo aos que lles gusta moito estas actividades pero que aínda non o coñecen e queremos chegar a eles para que poidan desfrutar do que ofrecemos.
Atraer un público universitario adulto é un dos vosos obxectivos de aquí en adiante. Que pensades que fai que o DivierTTPark sexa unha boa opción para eles?
É algo único. Algo que non se encontra aquí cerca: claro que hai pistas de karting, de gasolina, que tamén mola moito, pero son de carreiras. Aquí é máis de divertirse, de rirse, de pasalo ben. Máis tipo Mario Kart. E arriba tamén, risas garantizadas. Xa tivemos universitarios que viñeron e quedaron marabillados porque non o esperaban para nada. Xa se coñecen tamén os parques de saltar pero isto é distinto.
Claro, os cars de gasolina son na Coruña, pero en Santiago non hai nada de Multiaventura nin de cars, non?
Non, hai parques de multiaventura nas aforas cerca de Padrón ou Marín, pero en Santiago non hai.
E a prezos competitivos.
Si, no karting pagas máis euros que minutos na pista e aquí é ao revés. E inclúese a multiaventura, co pack completo. É moito máis económico.
E para finalizar, estou segura de que este parque ademais xera moitas anécdotas. Tes algunha favorita en especial?
Favorita non sei, pero unha que teño moi presente é cando me entrou un grupo de vikingos. Eran todos altos, grandes e cando entraron pensei: “Vaia, a ver se me aguantan os karts”. Coa multiaventura non tiña ningunha dúbida, porque aguanta moito peso, pero cos karts tiña dúbidas. Pensei que igual se equivocaron e que ían á guerra en vez de a divertirse, pero ao final os coches aguantaron. E na multiaventura ves eses vikingos grandes e fortes que de repente tiñan algo de medo.
Outra anécdota foi cun grupo formado por un neno de catro anos, os seus pais e os seus avós. Viñeron polo neno, pero ao final os avós pasáronno mellor que os demais. Foron sete na pista, todos xuntos, e ao final os que tiñan setenta anos foron os que máis o desfrutaron.
E onde vos podemos encontrar?
Estamos no polígono industrial Costa Vella (onde está o Decathlon e o Leroy Merlín). Sobes entre o Leroy Merlín e Porcelanosa e está a rúa República Checa. Por aí estamos arriba de todo á esquerda.
Tedes redes, páxina web…?
Si, Instagram, Tiktok, Facebook… E a páxina web divierttpark.com, pero o que máis mantemos actualizado de momento é o Instagram. Alí atópase todo tipo de información e actualizacións.
Pois moitísimas grazas, teremos que vir entón a equipa do Xornal de Compostela facer o circuíto
A vós, moitas grazas!
Entrevista realizada en castelán e traducida ao galego para a súa publicación.