InicioCULTURAA coprodución luso-galega 'Frágua de amor' chega este venres ao Salón Teatro...

A coprodución luso-galega ‘Frágua de amor’ chega este venres ao Salón Teatro do Centro Dramático Galego

A función terá lugar ás 20.00 horas

Publicado o

Xornal de Compostela

O Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG) en Santiago, abrirá a súa programación de 2025 este venres ás 20.00 horas coa función ‘Frágua de amor’, do dramaturgo portugués Gil Vicente, coproducida pola compañía pública galega xunto a seis entidades culturais lusas: Escola da Noite-Grupo de Teatro de Coimbra, O Bando de Surunyo, Artway, Cendrev-Teatro García de Resende, Teatro Académico de Gil Vicente e Teatro Nacional São João.

A peza está dirixida por António Augusto Barros e conta coa música en directo de O Bando de Surunyo, especializado na interpretación de obras dos séculos XVI e XVII, con seis voces, laúde, viola de gamba, frauta e percusión, coa dirección musical de Hugo Sanches e co galego Xurxo Varela á viola. O elenco de actores e actrices estará formado por Ana Teresa Santos, Carlos Meireles, Igor Lebreaud, Maria Quintelas, Miguel Magalhães, Nuno Meireles, Sérgio Ramos e a galega Mónica Camaño.

Este texto, escrito en 1524 para celebrar a voda de Joâo III con Catalina de Habsburgo, presenta un ambiente festivo pero tamén lanza miradas críticas a cuestións como a Igrexa, a xustiza corrupta ou a fidalguía improductiva que aspiraba a manter os seus privilexios. Tras a súa estrea en Coimbra e o seu paso por Évora en novembro, ‘Frágua de amor’ chega agora a Galicia, antes de recalar no Teatro Nacional Sâo Joâo do Porto, onde se representará do 15 ao 18 de xaneiro. Para a representación no Salón Teatro do CDG poden comprarse xa as entradas na web de Ataquilla, ou o mesmo venres a partir das 18.00 horas no portelo 34 da Rúa Nova de Santiago.

O Instituto Camôes de Vigo ofrece un servizo gratuíto de bus, previa inscrición, desde a cidade olívica con saída ás 17.00 horas desde O Berbés ata Santiago, con regreso incluído e paradas na Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra e a de Vilagarcía de Arousa. Este evento é resultado da colaboración, un ano máis, entre a unidade teatral da Xunta e a iniciativa Quintas do Camôes, co fin de pór o foco nas raíces comúns dos idiomas galego e portugués, e de estreitar lazos culturais entre ambos os países.

ÚLTIMAS

Colectivos propalestinos convocan unha protesta en Santiago pola participación de médicos israelís nun congreso

A celebración en Santiago de Compostela dun congreso europeo dedicado á investigación en medicina...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...

Monbus busca novos condutores para o transporte urbano de Santiago con contratos indefinidos e incorporación inmediata

A empresa Monbus iniciou un proceso de contratación de novos condutores e condutoras para...

Norwegian conectará Santiago e Copenhague con dous voos semanais no verán de 2027

O aeroporto de Santiago de Compostela contará cunha nova conexión internacional durante o verán...

Alcalá Norte actuará en Santiago o 6 de marzo de 2027 para presentar o seu segundo disco

A banda madrileña Alcalá Norte ofrecerá un concerto en Santiago de Compostela o próximo...

A Alameda de Santiago incorpora un banco para combater a soidade non desexada e fomentar a convivencia

A Alameda de Santiago de Compostela conta desde este martes, 20 de outubro, cun...

A rúa das Rodas recuperará o dobre sentido de circulación este mércores polos atrasos nos autobuses urbanos

O Concello de Santiago de Compostela restablecerá este mércores 21 de outubro o dobre...