InicioCULTURAA icona xuvenil e lingüística do xabaril

A icona xuvenil e lingüística do xabaril

A pegada que deixa o Xabarín Club afecta tamén noutros ámbitos

Publicado o

Por Antonia Belén Sanhueza Oliva

Esporadicamente, axudo aos meus veciños, unha familia de refuxiados iraquís, cos estudos, especialmente nas materias relacionadas coa linguaxe. Os nenos xa dominan o español, pero o galego aínda lles require un pouco máis de esforzo.

Véxome reflectida nos cativos inmigrantes, xa que eu tamén fun unha deles. Emigrei xunto cos meus pais a Galiza cando tiña 3 anos, desde Chile. Tiven sorte, pois aínda puiden aprender galego tan pronto coma os meus compañeiros, que só falaban castelán. Considero que a exposición á lingua na escola non é suficiente.

Cando chegamos á Coruña, había entón unha promoción nos Xardíns de Méndez Núñez para inscribirse no carné do Xabarín. Foi unha das primeiras cousas que fixeron os meus pais aquí, que eu recorde. Desde entón, foi rutina ver o Xabarín. Non reparei ata moito despois na gran axuda que isto foi na miña aprendizaxe do galego, algo que agora vexo nos nenos próximos a min.

Nestes tempos, o uso da televisión reduciuse considerablemente, en comparación coa época na que eu tiña a mesma idade ca eles. Hai pouco anunciaron o peche de cadeas infantís, como Disney Channel, da televisión por cable. A pesar disto, parece imperativa a necesidade dun canal infantil integramente en galego, sobre todo cando o uso do galego está en mínimos históricos. Aínda acórdome cando A Mesa pola Normalización Lingüística comezou a recoller sinaturas para facer isto unha realidade. Non coñecía ningún mozo que non o asinara. O Xabarín Club é unha parte vital e de moito agarimo para a miña xeración.

Como mencionei antes, se non tes familiares galegofalantes, falar o idioma só no ámbito educativo non será suficiente. É de gran axuda contar con recursos como series, películas e música coma a que ofrece este programa. Tamén recordo cando publicaron unha serie de cómics na revista Oink!. Eu tiña algunha revista, e lembro lela e relela moitas, moitas veces. Calquera destes medios influíu na adquisición do galego. Algo que tamén ocorre nos nenos que axudo academicamente, e probablemente noutros, que, aínda sendo galegos, non o empregan tanto.

Esperemos que, coa futura chegada dun canal exclusivo para o Xabarín, axude a cada vez máis nenos a mellorar o proceso de adquisición da linguaxe, que nestes momentos é tan necesario. Ata agora, penso que non o poderían facer mellor, emitindo series que son apostas seguras, como Guardiáns da Noite, ou continuando coa emisión de Shin Chan.

Alégrame moito ver que os nenos coma min aínda poderán dicir o mesmo no futuro. O Xabarín Club é unha icona da xuventude galega.

ÚLTIMAS

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos...

Maite Flores destaca que “hai partido” entre as dúas candidaturas ao reitorado da USC

A candidata á reitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Maite Flores, reivindicou...

Un estudo do IDIS apunta que un fármaco usado contra a gota podería axudar a combater a osteoporose

A revista científica Pharmaceutics publicou un traballo do grupo de Patoloxía Musculoesquelética do IDIS,...

O PSOE pregunta ao Goberno de Santiago cando licitará as cafeterías dos parques municipais tras quedar deserto o concurso o pasado verán

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao pleno deste mes unha pregunta sobre...

Santiago presenta unha nova edición da Festa da Uña con 27 restaurantes participantes e actividades gastronómicas en San Lázaro

A concelleira de Turismo de Santiago, Míriam Louzao, presentou este luns unha nova edición...

O Concello abre o prazo para presentar obras ao Premio Xohana Torres 2026 ata o 30 de decembro

O Concello de Santiago abrirá este luns 9 de marzo o prazo para presentar candidaturas...

A USC abre o prazo de inscrición nunha microcredencial sobre profesionalización do xogo no ámbito socioeducativo

A Universidade de Santiago de Compostela abriu o prazo de inscrición na Microcredencial Universitaria en...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here