Un incendio declarado na tarde deste venres nun edificio da rúa dos Concheiros obrigou a mobilizar varios efectivos dos servizos de emerxencias da capital galega. O suceso saldouse sen danos persoais.
Segundo a información facilitada polo 112, a central de emerxencias tivo constancia do incidente arredor das 19:50. A orixe do lume situouse na cociña dunha vivenda localizada na planta baixa do inmoble, onde comezou a arder unha campá extractora.
A cantidade de fume xerada polo incendio chamou a atención de numerosos residentes da contorna. Malia a fumareda, non foi preciso desaloxar o edificio e ningunha persoa resultou ferida.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos Bombeiros de Santiago, da Policía Nacional, da Policía Local e do 061.

