A USC reforzará o acceso público aos resultados da investigación desenvolvida no ámbito universitario coa posta en marcha da súa Política de Ciencia Aberta e Segura (PolCAS USC). O documento recibiu este venres o visto e prace do Consello de Goberno da institución, reunido en sesión ordinaria.
A iniciativa incorpora a ciencia aberta como “principio transversal” do funcionamento da universidade, tanto no eido da investigación como no da docencia e da transferencia de coñecemento. A través desta política, a institución compostelá pretende favorecer a circulación dos avances científicos e tecnolóxicos, así como incrementar a visibilidade dos traballos realizados polo seu persoal investigador.
O modelo procura que o coñecemento xerado nas diferentes disciplinas científicas estea ao alcance do conxunto da cidadanía, ademais de facilitar o intercambio de información entre profesionais da investigación. Entre as finalidades recollidas pola USC figuran tamén a aceleración do progreso científico e o impulso da innovación e da creación de novas ideas que repercutan en beneficio da sociedade.
Para avanzar na implantación deste modelo, a universidade comprométese a desenvolver infraestruturas e servizos específicos de apoio á comunidade universitaria, facilitando o acceso aos recursos necesarios para incorporar estas prácticas. A institución promoverá, ademais, accións de formación e asesoramento en materia de ciencia aberta.
OFERTA DE 29 PRAZAS RAMÓN Y CAJAL
A incorporación de persoal investigador foi outro dos asuntos abordados durante a sesión do Consello de Goberno, que aprobou a oferta de 29 prazas Ramón y Cajal correspondentes á convocatoria USC de 2026.
Do total de prazas, 19 estarán repartidas entre outras tantas áreas temáticas, mentres que catro estarán vinculadas aos compromisos de participación en futuras convocatorias competitivas no marco do programa FÉNIX. As seis restantes destinaranse a ámbitos nos que a universidade presenta especiais dificultades para atraer persoal investigador.

