A Asociación de Periodistas de Santiago de Compostela (APSC) reclamou á Corporación Galega de Servizos Audiovisuais (CSAG) que adopte medidas para garantir a seguridade da xornalista Almudena Rodríguez de Urzáiz, presentadora da Televisión de Galicia (TVG), tras facer pública a situación de violencia machista que sufriu durante máis dunha década.
A entidade compostelá manifestou a súa preocupación polas circunstancias laborais da profesional, que comparte centro de traballo co seu marido, do que está separada e en proceso de divorcio. Neste sentido, insta o organismo público responsable da TVG e da Radio Galega a aplicar na maior medida posible o protocolo de acoso e violencia para protexer a traballadora.
Rodríguez de Urzáiz relatou recentemente en varios medios de comunicación os episodios de violencia física e psicolóxica aos que estivo sometida durante máis de dez anos. Na actualidade, a presentadora leva un dispositivo electrónico de vixilancia vinculado á orde de afastamento ditada contra o seu marido.
Segundo recolle a asociación, o home conta cunha condena previa por malos tratos e outra por quebrantamento dunha orde de afastamento. Ademais, ten pendente un xuízo por varios presuntos incumprimentos desta medida xudicial.
A APSC incide en que, malia a existencia destas medidas de protección, a xornalista continúa a desenvolver a súa actividade profesional ante o temor de coincidir co seu agresor nas instalacións da televisión pública galega.
A organización trasladou a súa solidariedade á presentadora e recoñeceu a súa valentía á hora de dar a coñecer publicamente a violencia sufrida.
O ACOSO ÁS MULLERES NO EXERCICIO DO XORNALISMO
Ao abeiro da conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, celebrado o pasado 25 de novembro, a asociación compostelá tamén puxo o foco nas situacións de discriminación e acoso por razón de xénero que afrontan as profesionais da comunicación durante o exercicio do seu traballo.
A entidade advertiu de que estas condutas afectan especialmente as xornalistas que desenvolven a súa actividade de cara ao público, realizan coberturas na rúa ou informan sobre acontecementos e conflitos, ámbitos nos que están expostas a comportamentos e faltas de respecto motivados por prexuízos de xénero.

