A representación do persoal do transporte urbano de Santiago de Compostela instou o Goberno municipal a intervir ante os problemas que, segundo denuncia, está a experimentar o servizo de autobuses da cidade. Nun comunicado difundido pola Confederación Intersindical Galega (CIG), os traballadores reclaman medidas que garantan o correcto funcionamento das liñas e reivindican que a responsabilidade sobre a situación non recae nos condutores.
Segundo expón a representación laboral, a redución do número de vehículos dispoñibles está a dificultar o cumprimento dos servizos programados, con consecuencias tanto para o persoal como para a cidadanía. A situación tradúcese, segundo advirte, en incrementos dos tempos de espera, dificultades nos desprazamentos e mesmo a supresión de determinados servizos.
“Os condutores do transporte urbano tamén somos vítimas da deterioración do servizo”, sostén a representación dos traballadores, que manifesta comprender o malestar das persoas usuarias ante as incidencias rexistradas.
Unha das principais demandas do persoal é que a empresa explique os motivos polos que deixou fóra de circulación autobuses que, ata hai pouco, permitían manter o funcionamento das liñas cunha certa normalidade. Neste sentido, os traballadores denuncian a falta de información por parte da compañía sobre as decisións adoptadas en relación coa frota.
“Os condutores non decidimos cantos autobuses están dispoñibles, que vehículos retíranse da circulación nin como se organiza a prestación do servizo”, sinala o comunicado, no que o persoal desvincula as súas funcións das decisións empresariais que afectan á planificación do transporte público compostelán.

