O Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela acollerá este mércores, 25 de novembro, a presentación de ‘Camiño Kaput’, un videoxogo desenvolvido pola produtora coruñesa Melgo Cinema que emprega o humor para abordar as consecuencias da masificación turística en Galicia. A compañía presenta a iniciativa como o “primeiro videoxogo dun Xacobeo”.
A proposta sitúa no centro da acción a Santi, un personaxe inspirado no apóstolo Santiago que deberá facer fronte á chegada multitudinaria de visitantes a diferentes enclaves da xeografía galega. Cunha mecánica semellante á do coñecido videoxogo ‘Plantas contra Zombies’, os participantes terán que defender distintos espazos de Galicia e do Camiño de Santiago das sucesivas ondas de turistas e peregrinos.
Alén do seu carácter lúdico, o proxecto incorpora ao relato cuestións presentes no debate social, como os efectos da turistificación, o dereito á vivenda, a relación das persoas coa súa contorna ou a conservación do idioma galego.
O percorrido estrutúrase arredor das catro estacións do ano, cada unha delas vinculada a un escenario diferente. Así, a praza do Obradoiro será unha das localizacións nas que se desenvolverá a acción, xunto coas termas de Ribadavia, o faro de Fisterra e a praia das Catedrais.
O lanzamento estará acompañado dun documental interactivo que permitirá coñecer o proceso de creación do videoxogo, no que participou un equipo galego vinculado ás universidades da Coruña e de Vigo.

