O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, aborda nunha entrevista con Xornal de Compostela as expectativas electorais da formación nacionalista, a disputa polo denominado voto útil e as condicións que establecería ante unha nova investidura. O representante do Bloque analiza tamén algunhas das principais cuestións pendentes para Galicia, como a eliminación das peaxes da AP-9, a implantación dos servizos ferroviarios de proximidade e o acceso á vivenda. Sobre Santiago de Compostela, defende as medidas impulsadas polo Goberno municipal para regular os pisos turísticos e conter os prezos do alugueiro.
Actualmente o BNG conta cun escano no Congreso e nestes comicios pretende ampliar a súa representación. Unha das cuestións das que máis se está falando nesta campaña é o chamado voto útil. Outras forzas de esquerda están defendendo que votar ao BNG nas provincias de Lugo e Ourense é desperdiciar o voto e favorecer á dereita. Que responde o Bloque a ese argumento?
Nós o que dicimos é que a forza máis útil para Galiza é a que nos defende todos os días. E non hai ningunha dúbida de que esa forza é o BNG. Temos acreditado que cumprimos os compromisos, que nos comprometemos a ser unha voz insubornable en defensa dos intereses do noso país, das maiorías sociais e dos avances sociais e democráticos, e a frear a dereita. E nós cumprimos eses compromisos.
Podemos dicir que somos a única forza que chega a Madrid e coloca sobre a mesa un paquete de medidas para resolver os principais problemas do noso país, que foi concretando en acordos de investidura. Ningunha outra forza política fixo iso. Polo tanto, hai un traballo acreditado que creo que nos avala.
Neste contexto, o que estamos dicindo é que é preciso que Galiza teña máis peso en Madrid para que non sexa nunca nin esquecida nin marxinada, e que iso implica que o BNG teña tamén unha representación máis forte.
Sabemos que somos precisamente neste momento unha forza á alza, que está crecendo en apoios, e que somos a forza, como indican moitas enquisas, que pode disputar votos á dereita en todas as circunscricións. No caso da Coruña, parece que directamente con Vox. A posibilidade de que o BNG teña un segundo deputado pola Coruña non só reforzaría a representación galega en Madrid, senón que impediría que Vox entrase por Galiza.
É dicir, que conseguir máis deputados do BNG nas provincias galegas restaría escanos á dereita e non a outras forzas de esquerda.
É evidente. Nós estamos disputando representación coa dereita e coa ultradereita, con Vox na Coruña e co Partido Popular nas outras tres circunscricións. Precisamente, quen está neste momento máis preto de sacar un deputado en cada unha delas son o Partido Popular e o BNG.
Polo tanto, eu entendo que haxa forzas políticas que recorran a esta estratexia do voto útil, que no fondo é dicir: “Xa sei que non vos gusta moito a miña alternativa, pero tedes que votar igual porque, senón, vén a ultradereita”. Nós o que dicimos é que hai que votar con convicción, con perspectiva de país e con perspectiva de futuro. Hoxe o BNG é a esquerda galega que pode disputar escanos á dereita e á ultradereita e que mellor defende este país.
Nós tivemos que sinalar, e fíxeno no debate da Televisión de Galicia, que estamos vendo que o conxunto das forzas estatais están moi nerviosas. E iso só pode deberse a que todo indica que o BNG vai medrar de maneira moi importante nestas eleccións e que pode aumentar tamén significativamente o número de escanos.
Está nervioso o Partido Popular, e iso é moi claro, mais tamén o Partido Socialista e a Fronte Ampla, que, por exemplo, nese debate da Televisión de Galicia o primeiro que fixeron foi atacar o BNG. E eu xa lles sinalei: “Miren, creo que se están equivocando de inimigo”. Porque, se vostedes din que un obxectivo é parar a dereita, non sei se ten moito sentido que a súa orientación sexa, en primeiro lugar, atacarnos a nós.
Temos claro que hai un obxectivo, que é que este país conte, e iso só o garante o BNG. E hai outro obxectivo fundamental, que é tamén o desexo de moitos galegos e galegas: parar a dereita, porque pode representar un proceso de involución social e democrática importante.
Para iso está tamén o BNG, como a forza de esquerda mellor situada e mellor posicionada para conseguilo.
Vostede insiste en que o obxectivo do BNG é que Galicia conte en Madrid. Pero o sistema electoral distribúe os escanos por provincias precisamente para garantir a representación dos distintos territorios no Congreso. Polo tanto, os deputados que presentan o Partido Popular, o Partido Socialista ou a Fronte Ampla polas provincias galegas tamén están aí para representar a Galicia.
Si, a cuestión é que representan a Galiza, pero despois non exercen como tal. O mellor exemplo é o acordo de investidura do BNG. Nós chegamos alí, poñemos medidas sobre a mesa, negociámolas e, polo tanto, acaban converténdose nun compromiso do Goberno co noso país.
Iso non o fixeron os deputados e deputadas do Partido Popular, malia que puideron telo feito, porque houbo tamén un proceso de investidura de Feijóo, aínda que foi fallido. Xa se sabe que non foi presidente porque non quixo. Non o fixeron os deputados e deputadas do Partido Socialista e tampouco o deputado e a deputada de Sumar.
É máis, eu descoñezo as iniciativas que presentaron estes deputados e deputadas polo noso país. De feito, a sociedade galega hoxe coñece dous deputados, un deputado e unha deputada do PP por Galiza, non sei se coñece moitos máis, e non precisamente polo seu papel en defensa dos intereses de Galiza.
Presentan propostas a nivel estatal, digamos.
Claro. Unha deputada fíxose moi coñecida por un espectáculo vergoñento que, ademais, nin sequera era para ilustrar, se é que se pode entender como tal, unha iniciativa ou unha intervención en relación co noso país. Estaba falando de Ceuta ou de Madrid, non de Galiza.
E iso creo que está acreditado. De feito, vin estes días nas redes unha publicación que recollía os tres deputados e deputadas con máis intervencións no Congreso. O primeiro era precisamente eu, o do Bloque Nacionalista Galego, con máis de 600 intervencións.
Tamén é lóxico, porque, sendo o único deputado do BNG, ten que asumir todas as intervencións do partido.
Si, pero podo dicir que teño bastantes máis intervencións eu que todos os deputados dalgunhas outras forzas políticas que teñen máis representación. Pero o asunto é que, en todo caso, entre os tres primeiros non había ningún outro deputado galego ou galega.
E, se falamos de iniciativas, exactamente igual. Están saíndo informacións sobre o número de iniciativas e, en concreto, o número de preguntas, que é o que se atribúe máis directamente aos deputados, e a diferenza do labor do BNG coas outras forzas políticas está aí.
Por exemplo, creo lembrar que estamos falando de máis de 400 preguntas no caso de Lugo. O BNG ten o 86% e o PSOE non ten ningunha.
Falando dos acordos de investidura, que probablemente haberá que volver negociar despois destas eleccións, hai unha cuestión que pode interpretarse de dúas maneiras. O BNG leva propostas para Galicia como condición para apoiar unha investidura, pero, se o PSOE, que entendo que sería a forza á que apoiarían, non aceptase esas propostas, que pasaría?
Primeiro, nós temos unha cousa clara, que é un compromiso coa sociedade galega que viñemos cumprindo e que cumpriremos: se do BNG depende, a dereita e a ultradereita non van gobernar. Iso está claro.
Mais iso tampouco implica que vaiamos dar un cheque en branco a ninguén. Se o PSOE quere ter o apoio do BNG, dos deputados e deputadas que teña o BNG, vai ter que aceptar eses compromisos.
Claro, pero de non aceptar eses compromisos a outra alternativa podería ser un Goberno do Partido Popular.
Que o BNG non vai apoiar en ningún caso. Nós nunca imos favorecer un Goberno do PP. Pero é evidente que, polo medio, o PSOE, antes de perder unha investidura, vai ter que negociar e acordar co BNG. Isto é así. A cambio de nada nunca imos votar. Sempre se poden buscar fórmulas de compromiso, de entendemento, pero é evidente que hai cuestións que para nós son chave e que teñen que estar si ou si nun acordo de investidura.
Gustaríame entrar agora en cuestións máis concretas, porque hai moitos asuntos pendentes para Galicia no Congreso. Un deles é a AP-9. O Congreso aprobou a lei para transferir a autoestrada a Galicia, pero seguimos pagando peaxes para entrar e saír de cidades como Santiago de Compostela e todo apunta a que en 2027 volverán subir.
Si, é o que está recollido nos pregos de condicións dunha prórroga que fixou o Partido Popular no ano 2000, o Goberno de Aznar, unha prórroga de 25 anos, entre 2023 e 2048. E que, ademais, agora sabemos que é ilegal. Isto é o primeiro que ten que quedar claro. Se pagamos peaxes na AP-9 é por unha decisión do Partido Popular.
E que fixo o BNG? O que fixo foi arrancarlle ao Goberno unha medida que alivia esas peaxes, que son as bonificacións para usuarios e usuarias recorrentes e para transportistas profesionais. É dicir, no caso dos usuarios e usuarias recorrentes, bonificacións de até o 75%, o que implica que de cada catro euros de peaxe só se paga un. Quen use habitualmente a AP-9 xa o sabe.
No caso dos transportistas profesionais, un desconto do 50%, sen necesidade de máis condicións de recorrencia ou doutro tipo. É dicir, o PP obríganos a pagar e o BNG consegue, polo menos, que teñan que pagar menos aquelas persoas que utilizan habitualmente a AP-9.
Mais o noso obxectivo é que sexa libre de peaxe, que sexa de balde. Por que? Primeiro, porque esa prórroga foi ilegal, porque é inxusta e porque é unha autoestrada que xa está suficientemente amortizada despois de 50 anos. E porque grava de maneira pouco razoable e inxusta moitas familias, moitos traballadores e traballadoras que teñen que utilizala habitualmente por razóns laborais, pequenos empresarios, autónomos e autónomas, e mesmo as grandes empresas que teñen que utilizar a AP-9 para mover os seus produtos.
Iso, loxicamente, sobrecarga os custos de produción desas empresas e reduce a súa competitividade, cando no resto do Estado a maioría, a práctica totalidade das autoestradas, a excepción da AP-9, xa son libres de peaxe. E a transferencia está aprobada grazas tamén ao empeño do BNG. Agora falta a concreción da lei na Comisión Mixta de Transferencias…
Pero temos ao Partido Popular gobernando na Xunta.
Efectivamente. É a Xunta a que ten que negociar co Goberno do Estado, pero esperamos que non siga poñendo trabas para que se faga efectiva canto antes.
Seguindo cos transportes, outra cuestión que está moi presente, sobre todo agora, no debate público é o ferrocarril. Está moi ben contar cunha conexión de alta velocidade entre Galicia e Madrid, pero seguimos tendo moitas dificultades para movernos en tren dentro do propio territorio galego. Entendo que habería que esixirlle ao Estado que avance neste ámbito.
Esta foi sempre a orientación do BNG. Para nós, a mellora do transporte público, particularmente do ferroviario, é un obxectivo. Fixémolo xa nos dous últimos acordos de investidura. De feito, como consecuencia do acordo do ano 2020, están agora acabando as obras de modernización e electrificación da liña entre Lugo e Ourense e tamén da conexión co porto exterior da Coruña, que estaban nese acordo.
No actual tiñamos, en relación co ferrocarril, a modernización das liñas entre Lugo e A Coruña e entre A Coruña e Ferrol, que é verdade que están aí pendentes; a saída sur de Vigo para conectar coa rede portuguesa; e a conexión entre Lugo e Santiago, coa realización dun estudo que está a punto de acabar e que nos parece un obxectivo fundamental.
Pero tiñamos especialmente a implantación dun servizo de proximidade ferroviaria no noso país, nas áreas urbanas e metropolitanas, porque non é xusto que Galiza sexa a única comunidade autónoma que non teña ese servizo de proximidade ferroviaria, tendo áreas urbanas de máis de medio millón de habitantes, como Vigo-Pontevedra, con 750.000 habitantes, ou A Coruña-Ferrol, con 650.000.
É curioso que todos aqueles sitios que teñen proximidade ferroviaria estean desfrutando, ademais, dunha tarifa plana de 20 euros ao mes, e nós non a temos. E, encima, por movernos na media distancia ou mesmo en traxectos que poderían ser considerados de proximidade, estamos pagando o triplo, cun abono de 60 euros. Menos servizos e pagamos máis.
Isto dos trens de proximidade sóame que xa o propuxera Feijóo cando era presidente da Xunta de Galicia. Non sei que pasou despois…
Pois debeuse esquecer, porque o certo é que nestes últimos períodos no Estado o BNG foi a única forza política que meteu unha axenda de proximidade ferroviaria. O PP, polas declaracións de Rueda, está moito máis preocupado, polo visto, por ver cando chegaban os trens da serie 106, os trens Avril, a alta velocidade, ou por cando se muda o ancho ibérico para o ancho internacional. Pero, efectivamente, para nós a prioridade é a mellora e a ampliación da rede ferroviaria interna e dos servizos.
Conseguimos, por certo, que se fixese ese estudo de proximidade ferroviaria. Tiñamos o compromiso de que en febreiro se ían declarar os primeiros núcleos de proximidade e, a partir de aí, ir aumentando servizos.
Metémolo tamén na Lei de Mobilidade Sustentable, como unha obriga agora xa para calquera Goberno. E conseguimos que se ampliasen e mellorasen os servizos, por exemplo, no Eixo Atlántico e na conexión con Ourense. Dende o 15 de outubro hai unha ampliación de 400.000 prazas ao ano en máis frecuencias. Estamos falando de máis de 1.000 prazas por día, resultado da negociación do BNG.
Pero temos que seguir traballando porque falta moito para conseguir un transporte ferroviario moderno e á altura das necesidades do noso país.
Gustaríame centrarme agora na vivenda e no tema de Santiago de Compostela, unha cidade gobernada polo BNG e que foi das primeiras de Galicia en propoñer a declaración de zona de mercado residencial tensionado. Non o fixera anteriormente o Partido Socialista, cando gobernaba, nin ningunha outra forza. Pero non sei se estas medidas poderían estar en perigo, porque o Partido Popular xa falou de eliminar as zonas tensionadas e defende que a solución pasa por construír vivenda.
O problema é que non constrúen vivenda. Sexamos claros: o Partido Popular é a voz, o brazo político dos grandes especuladores inmobiliarios eempre o foi. E agora con máis claridade, porque mesmo cando, diante dunha situación de emerxencia habitacional, o Goberno propón uns decretos cunha serie de medidas que son de mínimos, dende o noso punto de vista necesarias mais insuficientes, o PP vota en contra mesmo desas medidas de mínimos.
Efectivamente, o BNG en Santiago de Compostela aprobou a primeira ordenanza reguladora das vivendas turísticas e a declaración de zona tensionada, coa oposición do Partido Popular. Por certo, agora quere apropiarse dos recursos estatais destinados ao fomento da vivenda precisamente como consecuencia de ser zona tensionada. Santiago é unha das dúas únicas cidades de Galiza que o fixo, xunto coa Coruña.
Efectivamente, hai que impulsar vivenda pública en réxime de alugueiro accesible. O problema é que o Partido Popular non o fixo nos 17 anos que leva gobernando. Nos primeiros anos aínda mantivo un número importante de vivenda protexida porque era a inercia das que deixara programadas o BNG no período anterior da Consellería de Vivenda. Construír vivendas leva tempo.
Pero, a partir do ano 2015, o balance do PP tendeu a cero. No ano 2015, creo lembrar que entregaron dúas vivendas. No ano 2024, por non ir tan lonxe, cinco vivendas. Entre 2015 e 2022, en réxime de alugueiro social, só entregaron 15 vivendas neses oito anos. Estamos falando dun balance desolador. E evidentemente, iso resta toda a credibilidade ao anuncio de Feijóo de que, se el é presidente do Goberno, van facer un millón de vivendas. Un anuncio, por certo, do que xa se desdixo uns días despois de facelo.
Debe ser, se me permites a brincadeira, un dos primeiros casos, se non o primeiro, que se coñecen de incumprimento das promesas electorais antes de chegar ao Goberno. Anuncia que vai construír un millón de vivendas e catro días despois di que el non dixo iso, que o que dixo é que se necesitaban un millón de vivendas, pero non que el as fose facer..
Hai que poñer a disposición da Administración galega e, polo tanto, de quen as necesita, os 3.000 inmobles que ten a Sareb no noso país, que é un ente público dependente do Goberno do Estado. Hai que topar definitivamente os prezos dos alugueiros e das hipotecas, prohibir efectivamente os desafiuzamentos sen alternativa habitacional e dar estabilidade aos contratos.
Iso dá estabilidade aos inquilinos e inquilinas, pero tamén aos propietarios. Estabilidade e tranquilidade, que é o que precisa o mercado, e maneira é impulsar vivenda pública, especialmente en réxime de alugueiro.
Todas estas propostas do BNG están atravesadas por unha cuestión común, que é a lingua galega. Xa se conseguiu levar as distintas linguas do Estado ao Congreso dos Deputados e están intentando que o galego sexa tamén oficial na Unión Europea, aínda que parece que iso vai custar algo máis. Pero, dentro do conxunto do Estado, que queda por facer para o galego?
Nós temos, de feito, medidas no noso programa que xa temos defendido en relación co galego e que son importantes. Porque a Administración do Estado ten un papel tamén moi relevante. Unha Administración que, a pesar da tan cacarexada autonomía, está presente todos os días na vida das persoas.
Polo tanto, hai moita xente e moitas institucións que teñen que relacionarse coa Administración do Estado. É importante avanzar nun proceso de uso normal do galego no ámbito da Administración do Estado. Que calquera persoa se poida dirixir na nosa lingua á Administración estatal e que calquera institución poida facelo.
Por exemplo, que entes como Costas deixen de esixir aos concellos que teñan que presentar os seus proxectos en español, o cal é un absurdo e unha vulneración de dereitos lingüísticos. No ámbito da Administración de Xustiza, que tamén depende do Estado, é fundamental, porque o uso do galego na Administración de Xustiza está no 7%, 8% ou 9%. Está moi baixo.
Incluímos aí tamén propostas nalgunhas leis, pero estaba en tramitación unha lei conxunta de varias forzas sobre o uso das linguas precisamente no ámbito da Administración do Estado. Incluímos na lei de atención á clientela a obriga das empresas prestadoras de servizos de atender as persoas usuarias na lingua que soliciten e, polo tanto, poder atendelas en galego. O lóxico é que, cando chamamos pola conexión de fibra óptica, nos atendan en galego.
Pero isto non se aplica.
Está aprobado legalmente. Claro, o que falta é que a propia Administración do Estado teña a vontade de facer un seguimento, inspección e, polo tanto, que as empresas se vexan obrigadas a cumprir a lei, como é normal. Isto, primeiro, habería que darlle difusión, porque hai xente que non sabe que hoxe se obriga ás empresas a facelo e, polo tanto, moitas veces, simplemente por non poñerse a discutir, xa está. Se a xente sabe que a poden atender en galego, chega con dicir “quero que me atendan en galego” e as empresas terían que facelo.
E despois, no ámbito dos medios públicos estatais, que tamén pagamos os galegos e galegas cos nosos impostos, nós vimos reclamando que Televisión Española, por exemplo, incorpore con normalidade as producións culturais en galego no ámbito da literatura, da música, do cinema… Parece que, cando hai un programa de cine, xa se fala de cine en español e non se fala de cine en galego, en catalán ou en éuscaro. Coa literatura é exactamente igual. Nos programas musicais aparecen grupos que usan o español, pero por que non grupos magníficos que temos e que usan o galego?

