O Concello de Santiago concedeu 2.083 bolsas de comedor, material escolar e actividades extraescolares para o curso 2026-2027. A resolución definitiva, aprobada pola Concellaría de Dereitos e Servizos Sociais, sitúa por primeira vez a convocatoria por riba das 2.000 axudas. No curso anterior concedéranse 1.893.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais e tenenta de alcaldesa, María Rozas, deu conta este venres da resolución e cifrou o alcance das bolsas no 25 % da poboación en idade escolar de Santiago, que o Concello estima en máis de 8.000 nenos e nenas. A convocatoria contou cun orzamento de 1.150.000 euros, 50.000 máis que no curso anterior e 400.000 máis que no anterior mandato municipal.
As dúas modalidades de comedor suman 1.123 axudas. Delas, 842 corresponden á modalidade por escaseza de recursos, 49 máis que no curso anterior, e 281 á de conciliación, que suma 54 concesións máis.
As actividades extraescolares rexistran o maior aumento entre as catro modalidades, con 661 bolsas, 60 máis que un ano antes. Para a compra de material escolar concedéronse 299 axudas, 27 máis que na convocatoria anterior.
A bolsa para actividades extraescolares pasa a ter un límite de 35 euros mensuais por menor, con independencia do número de actividades que realice e das horas de asistencia. Ata esta convocatoria, a axuda era de 15 euros ao mes para actividades dunha hora ou dun día á semana e podía chegar aos 30 euros mensuais se eran de dúas horas ou dous días á semana.
Nas demais modalidades mantéñense as contías. As bolsas de comedor por escaseza de recursos cobren o 100 % do gasto nos centros públicos, cun máximo de 100 euros mensuais, que ascende a 180 euros nos centros de educación especial. As de comedor por conciliación son de 45 euros ao mes. Para a compra de material escolar, a axuda é de ata 100 euros nun único pagamento.

