A historia imaxinada dá paso aos feitos documentados. Segundo os datos recollidos polo proxecto Nomes e Voces, polo menos 97 persoas identificadas con nome e apelidos foron enterradas en Boisaca tras seren asasinadas durante a represión franquista. Os rexistros sitúan os primeiros asasinatos documentados o 5 de setembro de 1936 e os últimos o 7 de marzo de 1937. Entre as vítimas había persoas de Santiago e doutras localidades galegas, trasladadas á cidade para seren executadas ou enterradas tras seren asasinadas.
A investigación sobre estas vítimas volve estar de actualidade en 2026. O pasado mes de outubro, a Dirección Xeral de Atención ás Vítimas abriu un trámite de información pública relativo ao expediente administrativo EX056-2026, destinado á investigación histórico-forense e documental das persoas inhumadas no cemiterio compostelán. O procedemento permite consultar a documentación e presentar alegacións para achegar información, corrixir posibles erros ou manifestar posicións sobre a actuación prevista. O prazo establecido remata o 6 de novembro.
Esta actuación enmárcase nun contexto de novos traballos de investigación sobre a represión franquista en Galicia. En marzo, a Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela formalizaron un convenio dotado con 150.000 euros para investigar, exhumar e identificar vítimas nas foxas de Boisaca, en Santiago; Serantes, en Ferrol; e Beira, en Carral. O grupo de investigación Histagra, da USC, encárgase da coordinación técnica dos traballos, que combinan investigación histórica e documental, arqueoloxía e análise forense.
As intervencións noutras localizacións permiten ver como avanza este labor. En xullo, os traballos arqueolóxicos en Beira permitiron localizar catro corpos que poderían corresponder a vítimas da represión franquista, dous deles xa exhumados á espera das análises necesarias para avanzar na súa identificación. En Serantes, Histagra desenvolveu a finais de agosto e comezos de setembro unha primeira intervención arqueolóxica. Boisaca forma parte deste mesmo convenio, aínda que o expediente estatal aberto en outubro se refire especificamente ao cemiterio compostelán.
A peza de Samaín non pretende reconstruír a biografía dunha vítima concreta, senón achegarse, desde a ficción, ás vidas que quedaron interrompidas pola violencia. Detrás dos nomes recollidos nos arquivos hai persoas con familias, proxectos e futuros que non chegaron a vivir e recuperar a súa historia e avanzar na identificación dos seus restos segue a ser fundamental para que as familias poidan coñecer o que lles sucedeu aos seus seres queridos.

