InicioPOLÍTICASubirats reivindica en Santiago máis capacidade para os concellos ante a interconexión...

Subirats reivindica en Santiago máis capacidade para os concellos ante a interconexión das crises

O exministro de Universidades inaugura o Foro Territorios que Lideran cunha defensa da proximidade para deseñar políticas públicas e reclama fórmulas de cooperación que permitan aos municipios gañar capacidade sen perder a súa identidade

Publicado o

Xornal de Compostela

O profesor de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e exministro de Universidades Joan Subirats inaugurou o Foro Territorios que Lideran cunha defensa do papel dos gobernos locais para afrontar problemas que, malia teren unha dimensión global, se manifestan de maneira concreta na vida diaria da cidadanía. Na súa conferencia, puxo o foco na proximidade como unha vía para comprender a relación entre fenómenos como a vivenda, a emerxencia climática, as migracións, a desigualdade ou a dixitalización.

A sesión foi presentada pola profesora Natalia Paleo, que situou a iniciativa como un espazo para analizar os cambios políticos, sociais e territoriais nun escenario que definiu como de “crise permanente”. O Foro, impulsado coa participación da decana da Facultade, Marta Lois, pretende conectar o coñecemento xerado no ámbito universitario co debate arredor dos retos aos que se enfrontan as sociedades actuais, cunha atención específica ao municipalismo e á capacidade de intervención das administracións máis próximas á cidadanía.

A PROXIMIDADE COMO RESPOSTA Á ‘POLICRISE’

Subirats partiu dunha cuestión que atravesou toda a súa conferencia: a maior complexidade e dimensión global dos problemas non reduce necesariamente a importancia do ámbito local. Pola contra, sostivo que é precisamente nos territorios onde poden observarse ao mesmo tempo as diferentes consecuencias dunha crise e as relacións que existen entre elas.

O politólogo referiuse á denominada ‘policrise’, un escenario no que se superpoñen desafíos ambientais, sociais, económicos, políticos e tecnolóxicos. A crise climática, as dificultades para acceder a unha vivenda, a presión turística, as migracións, os problemas no sistema educativo, a transformación dixital e o incremento das desigualdades serviron para exemplificar esa interdependencia.

Esta realidade, segundo explicou, entra en tensión coa maneira na que tradicionalmente se organizan tanto o coñecemento como as institucións. As universidades distribúen o estudo da realidade entre disciplinas e departamentos, mentres as administracións reparten as súas actuacións entre diferentes áreas, aínda que os problemas aos que deben responder non respecten esas divisións.

Subirats apostou por reforzar, por este motivo, as perspectivas interdisciplinares e as políticas transversais. “Canto máis complicado é un tema, máis dende preto se ten que tomar”, afirmou. Esa aproximación local, matizou, non implica que todas as respostas poidan darse desde un concello, senón que en moitos casos será necesario combinar a intervención municipal coa doutras administracións.

RECUPERAR OS VÍNCULOS COMUNITARIOS

A conferencia abordou tamén os efectos da individualización e da dixitalización sobre as relacións sociais. Subirats apuntou que determinados cambios nos modelos de consumo e nas formas de interacción están reducindo os espazos nos que as persoas coinciden fisicamente e se relacionan con outras realidades diferentes á propia.

Neste contexto, vinculou fenómenos como a soidade non desexada, o illamento ou determinados problemas de saúde mental coa necesidade de recuperar a dimensión comunitaria. Fronte á progresiva individualización, defendeu a construción dun “nós” colectivo e situou novamente o territorio como un espazo central para facelo posible.

A razón, argumentou, é que boa parte das necesidades fundamentais continúan materializándose nun lugar concreto. A vivenda, a alimentación, a mobilidade, a educación ou os coidados teñen unha dimensión territorial, independentemente de que as súas causas ou as políticas necesarias para atendelas superen os límites municipais.

Subirats conectou esta cuestión coa calidade da democracia e coas dificultades das institucións para responder ás expectativas sociais nun escenario marcado polas desigualdades. Ao abordar a tradición europea do Estado do benestar, incidiu en que o funcionamento democrático non se esgota na celebración de eleccións, senón que está relacionado tamén coa capacidade das políticas públicas para facer efectivos dereitos e condicións de igualdade, liberdade e dignidade.

MÁIS AUTONOMÍA LOCAL E COOPERACIÓN ENTRE CONCELLOS

Unha parte central da intervención estivo dedicada á distribución de competencias e recursos entre o Estado, as comunidades autónomas e os municipios. Subirats sinalou que o crecemento do gasto público e o desenvolvemento autonómico das últimas décadas non se traduciron nun aumento equivalente do peso dos gobernos locais.

Como contraste, referiuse aos países nórdicos, onde os municipios teñen unha maior presenza na xestión de ámbitos como a educación, a sanidade ou as políticas sociais. O exministro defendeu que unha maior capacidade municipal permitiría adaptar mellor determinadas actuacións ás características sociais, demográficas e territoriais de cada lugar.

Esta formulación presenta, porén, dificultades nos territorios cun mapa municipal moi fragmentado. A pequena dimensión de numerosos concellos limita os recursos técnicos, económicos e humanos dos que dispoñen, polo que Subirats apuntou á cooperación entre administracións como unha das vías para ampliar a capacidade de intervención.

Consorcios, mancomunidades, áreas metropolitanas ou institucións supramunicipais apareceron entre as fórmulas mencionadas para compartir recursos e afrontar problemas que superan os límites dun único concello. A cuestión, segundo expuxo, pasa por atopar un equilibrio entre escala, territorio, identidade e poder, de maneira que a ampliación da capacidade institucional non implique perder a proximidade nin o sentimento de pertenza.

EXPERIENCIAS LOCAIS FRONTA A PROBLEMAS GLOBAIS

Para ilustrar as posibilidades deste enfoque, Subirats recuperou varias actuacións desenvolvidas durante a súa etapa no Concello de Barcelona. Un dos exemplos estivo relacionado coa segregación escolar e coa identificación anticipada de familias en situación de vulnerabilidade para procurar unha distribución máis equilibrada do alumnado entre os centros.

Tamén se referiu ás intervencións realizadas nas contornas de centros educativos situados en zonas cun tráfico elevado. A partir de investigacións que relacionaban a contaminación atmosférica con problemas respiratorios na infancia, impulsáronse medidas para reducir a presenza dos vehículos e recuperar espazo público nas proximidades das escolas.

Outro dos casos expostos foi ‘Prometeus’, un programa dirixido a facilitar o acceso á universidade de estudantes procedentes de barrios nos que a presenza de alumnado universitario era menor. A iniciativa incorporou acompañamento, mentoría e titorización para tratar de reducir as desigualdades que condicionan a continuidade dos estudos.

ÚLTIMAS

Un peregrino morre tras sufrir unha parada cardíaca no Camiño de Fisterra ao seu paso por Ames

Un peregrino faleceu este luns mentres percorría o Camiño de Fisterra ao seu paso...

Brión leva a pleno uns orzamentos de 9,2 millóns para 2026, un 19% máis que en 2024

O Pleno do Concello de Brión abordará este mércores, 7 de outubro, ás 13:00,...

A acampada de Santiago pola vivenda mantense pese ao mal tempo “ata que haxa cambios reais”: “Como bos galegos, non nos para a choiva”

A acampada pola vivenda instalada na Praza do Obradoiro de Santiago continuará de xeito...

Os Roteiros Saudables da AECC regresan a Santiago con andainas quincenais para combater o sedentarismo

O programa Roteiros Saudables da Asociación Española contra o Cancro (AECC) regresará a Santiago...

BNG, Compostela Aberta e PSOE sitúan a vivenda no centro do adianto electoral en Santiago

O BNG, Compostela Aberta e o PSdeG de Santiago reaccionaron este luns ao anuncio...

A Xunta de Goberno dá luz verde ao cambio de uso dunha parcela para construír 36 vivendas públicas en Santiago

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns a ordenación dunha parcela...

O PP cifra en máis de 250 os asistentes á súa III Romaría e Verea chama a intensificar o traballo para as municipais

O PP de Santiago celebrou este sábado a súa III Romaría Popular, unha cita...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here