InicioPOLÍTICAA USC impulsa un foro para conectar a investigación académica coa xestión...

A USC impulsa un foro para conectar a investigación académica coa xestión dos gobernos locais

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais reunirá durante dúas xornadas especialistas universitarios e responsables públicos para abordar financiamento, gobernanza, innovación, territorio ou participación política das mulleres

Publicado o

Xornal de Compostela

A Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da Universidade de Santiago de Compostela presentou este xoves o Foro ‘Territorios que lideran: o futuro comeza no local’, unha iniciativa coa que pretende establecer unha vía estable de intercambio entre a investigación universitaria sobre políticas públicas e a experiencia de quen traballa na xestión das administracións locais.

O encontro, organizado coa colaboración da Deputación da Coruña, desenvolverase durante dúas xornadas na facultade compostelá e reunirá especialistas de diferentes universidades con alcaldes, alcaldesas e outros responsables públicos. A programación centrarase nos retos que afrontan actualmente os concellos e noutras cuestións relacionadas co financiamento municipal, a gobernanza, o territorio, as capacidades institucionais e a innovación nas políticas públicas.

A decana da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais, Marta Lois, foi a encargada de presentar a iniciativa e agradeceu a implicación da Deputación e do seu presidente, Valentín González Formoso. Segundo explicou, esta colaboración parte dunha concepción da Universidade como unha institución “pública, aberta, conectada co territorio e ao servizo da sociedade”, na que o coñecemento académico poida entrar en contacto directo coa realidade das administracións.

“Queremos sentar na mesma mesa a quen estuda os gobernos locais e a quen os goberna todos os días. Non queremos que a Universidade fale simplemente sobre o mundo local, queremos que fale co mundo local“, resumiu Lois. O propósito é que as sesións permitan confrontar a investigación sobre administración e políticas públicas con experiencias concretas desenvolvidas nos municipios.

DE JOAN SUBIRATS A CARMEN NAVARRO

Entre as persoas participantes estará Joan Subirats, catedrático emérito de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Barcelona e especialista en políticas públicas, gobernanza e innovación democrática. A súa traxectoria combina o ámbito académico coa experiencia institucional, despois de exercer como tenente de alcalde de Barcelona e ministro de Universidades.

O programa contará tamén con Carmen Navarro, profesora de Ciencia Política da Universidade Autónoma de Madrid especializada en goberno local, políticas públicas e política local comparada; e con Gemma Ubasart, profesora da Universidade de Girona e exconselleira da Generalitat de Catalunya. A elas sumarase Marta Cruells, especialista en xénero, participación e políticas públicas.

Precisamente, unha das mesas estará dedicada á relación entre as mulleres e o exercicio do poder político no ámbito local, cunha intervención inicial de Cruells. A programación completarase coa participación de especialistas procedentes das universidades galegas, que contribuirán aos debates sobre financiamento, territorio, capacidades das institucións e novas fórmulas de gobernanza.

OS CONCELLOS COMO ESPAZOS DE INNOVACIÓN

O Foro parte da consideración das administracións locais non só como executoras de políticas públicas, senón tamén como espazos nos que se deseñan e proban respostas ante problemas que afectan directamente á cidadanía. “É nos concellos onde se experimentan novas respostas en vivenda, igualdade, servizos públicos, participación, sustentabilidade ou planificación do territorio“, sinalou Marta Lois.

Esta perspectiva explica o lema ‘O futuro comeza no local’. A iniciativa pretende analizar tanto as políticas que se están desenvolvendo desde os municipios como os recursos, capacidades e coñecementos dos que dispoñen os gobernos locais para afrontar as súas competencias e os novos desafíos sociais.

A decana defendeu, ademais, que o intercambio entre Universidade e administracións debe funcionar nos dous sentidos. “A Universidade aprende tamén cando escoita o territorio. Os concellos e as deputacións non son só lugares nos que se aplican políticas públicas, son tamén espazos nos que se produce coñecemento, innovación e transformación social“, afirmou.

Ao longo das dúas xornadas abordaranse así cuestións relacionadas coa innovación e a democracia local, o financiamento, a gobernanza, a ordenación do territorio e a presenza das mulleres nos espazos de poder, ao tempo que se abrirá un debate máis amplo sobre a evolución do municipalismo galego.

ÚLTIMAS

A acampada pola vivenda mantense de forma indefinida no Obradoiro e prevé sumar máis participantes

Decenas de persoas permanecen este xoves acampadas na praza do Obradoiro de Santiago de...

A CIG reclama ao Concello que rescinda o contrato do SAF e asuma directamente o servizo

A CIG reclamou ao Concello de Santiago a rescisión inmediata do contrato coa empresa...

Sumar elixe a Rocío Núñez Rúa como candidata en Santiago para reforzar Compostela Aberta en 2027

A agrupación local de Movemento Sumar Galicia en Santiago de Compostela elixiu por unanimidade...

Wizz Air abrirá en decembro a súa base en Santiago cun avión permanente e sete rutas

Wizz Air porá en funcionamento o próximo 17 de decembro a súa nova base...

Sumar elixe a Rocío Núñez Rúa como candidata en Santiago para reforzar Compostela Aberta en 2027

A agrupación local de Movemento Sumar Galicia en Santiago de Compostela elixiu por unanimidade...

Verea pide explicacións ao Concello ante o posible impago da nómina de setembro ás traballadoras do SAF

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclamou ao Goberno municipal unha...

Pedro Blanco propón que o desenvolvemento de Mallou combine vivenda, servizos e diálogo coa veciñanza

O candidato socialista á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, defendeu que o futuro desenvolvemento...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here