A agrupación local de Movemento Sumar Galicia en Santiago de Compostela elixiu por unanimidade a Rocío Núñez Rúa como candidata da formación para as eleccións municipais de 2027. A organización enmarca a decisión na súa aposta por integrarse e reforzar o espazo de Compostela Aberta, que actualmente forma parte do Goberno municipal xunto co BNG.
A designación de Núñez Rúa chega dentro do proceso aberto por Sumar Galicia para definir os seus referentes nas principais cidades de cara aos comicios locais do próximo ano. A formación xa escolleu nas últimas semanas candidaturas na Coruña, Vigo e Ferrol e manifestou a súa intención de buscar fórmulas de colaboración con outros espazos da esquerda.
No caso compostelán, Sumar expresa de maneira explícita o seu apoio ao proxecto de Compostela Aberta e sinala que a súa intención é contribuír á confluencia das diferentes sensibilidades políticas deste ámbito. O obxectivo que formula a organización pasa por manter e ampliar a presenza deste espazo no Concello tras as eleccións previstas para maio de 2027.
“Preséntome para unir á esquerda, para reforzar a Compostela Aberta e, sobre todo, para darlle un impulso progresista ao goberno de Santiago”, afirmou Núñez Rúa tras ser elixida. A candidata sinalou que a súa proposta busca consolidar o actual espazo político e ampliar o alcance das políticas municipais, co propósito, segundo explicou, de que estas “cheguen a máis xente”.
VIVENDA E COIDADOS ENTRE AS CUESTIÓNS SINALADAS POR NÚÑEZ
A xa candidata de Sumar tamén situou o debate sobre o acceso á vivenda e os coidados entre os asuntos que marcarán a posición da formación. Núñez Rúa contrapuxo as súas propostas ás defendidas polo PP e cuestionou as políticas baseadas en axudas directas ou incentivos económicos.
“Os dereitos non se pagan con bonos”, afirmou, antes de engadir que “as necesidades das persoas, como a vivenda ou os coidados, non poden ser unha oportunidade de negocio”. A candidata resumiu ademais o obxectivo electoral da súa formación cunha mensaxe dirixida ao escenario posterior aos comicios: “Unímonos para impedir que o PP goberne en Santiago”.
A elección prodúcese nun momento no que as distintas formacións comezan a definir as súas candidaturas para as municipais de 2027. O BNG xa confirmou á actual alcaldesa, Goretti Sanmartín, para volver encabezar a súa lista en Compostela. Pola súa banda, o proceso municipal de Podemos tamén inclúe Santiago entre as cidades nas que a organización activou primarias, á espera das posibles alianzas que se concreten antes dos comicios.
UNHA TRAXECTORIA VINCULADA AOS SERIVOZ SOCIAIS
Rocío Núñez Rúa forma parte da Executiva Nacional de Movemento Sumar Galicia e ocupa responsabilidades na estrutura estatal da formación no ámbito dos feminismos e dos dereitos LGTBIQA+. No plano profesional, é educadora social e conta cun mestrado en Orientación e Mediación Familiar. Desde 2021 exerce como funcionaria de carreira nos servizos sociais comunitarios
A súa experiencia profesional abrangue preto de dúas décadas no ámbito social, con etapas no terceiro sector, no sistema público de protección á infancia e nos servizos sociais municipais. Nacida en Cangas e afincada en Santiago, tamén participou en diferentes colectivos composteláns antes de asumir responsabilidades orgánicas dentro de Sumar.

