A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS reclamou ao Concello de Santiago que revise a nova configuración do transporte urbano para evitar que a desaparición da actual liña 12 obrigue pacientes e persoal sanitario a realizar transbordos para acceder á zona hospitalaria. A entidade pide manter solucións que permitan chegar directamente aos hospitais e propón, ademais, estudar unha lanzadeira entre a estación de autobuses e o complexo hospitalario.
A organización enmarca a súa petición nos problemas de mobilidade que, segundo denuncia, se producen desde hai anos arredor do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. A asociación cifra en máis de 400 prazas o déficit de estacionamento nas proximidades do CHUS e critica que as obras de ampliación do complexo e a construción do Centro de Protonterapia se abordasen sen garantir previamente suficientes espazos de aparcamento en superficie.
A entidade lembra que o complexo compostelán presta atención á poboación dunha área sanitaria integrada por 442.000 persoas distribuídas entre 46 municipios, polo que unha parte dos usuarios chega desde fóra da capital. Neste contexto, sinala que moitos pacientes dependen do vehículo privado para acudir ás súas consultas e que a falta de estacionamento provoca dificultades adicionais, incluída a necesidade de acudir acompañados para que outra persoa poida ocuparse do coche.
CRÍTICAS Á DESAPARICIÓN DA LIÑA 12
Unha das principais preocupacións da asociación está relacionada coa supresión da liña 12 prevista na nova rede de autobuses urbanos. O servizo comunica actualmente o Hospital de Conxo, o Psiquiátrico e o CHUS cos Tilos, pasando tamén polo Castiñeiriño, e permite, segundo a entidade, que parte dos residentes destas zonas accedan aos centros sanitarios sen empregar o vehículo privado.
A asociación considera que a desaparición desta conexión directa pode incrementar os tempos de desprazamento e obrigar a realizar transbordos a persoas que acoden aos hospitais por motivos asistenciais. Tamén cuestiona que se argumente que a conexión cos Tilos excede as competencias municipais cando, segundo sinala, a futura liña 6 manterá unha parada nesta urbanización aínda que non ofrecerá conexión directa cos hospitais.
A entidade advirte igualmente de que as alternativas baseadas nas liñas circulares C2 e C4 poden verse condicionadas polo tráfico da cidade. Ao non existir carril bus, sostén que as frecuencias previstas non sempre poden garantirse e que os usuarios procedentes de determinadas zonas terán que incorporar un transbordo aos seus percorridos a partir da entrada en funcionamento da nova rede.
UNHA USUARIA ALERTA DO AUMENTO DOS TRANSBORDOS
No comunicado, a asociación recolle tamén o testemuño dunha usuaria habitual da liña 12, identificada como MJS, que sinala que o autobús é empregado diariamente tanto por traballadores como por pacientes. “No clínico, ás 07:40 baixamos decenas de persoas e ás 09:00 aínda é maior o número de usuarios que rematamos aí o traxecto”, explica.
Segundo relata, tras a supresión da liña unha das posibilidades será utilizar a L6 e facer transbordo á C2 na zona da Intermodal, mentres que outra alternativa sería baixar no Hórreo, percorrer arredor de 700 metros e enlazar coa L1. A usuaria cuestiona que estas opcións resulten adecuadas para persoas que acoden a tratamentos ou presentan dificultades de mobilidade.
“Non ten ningunha explicación eliminar unha liña de SAÚDE, non de ocio, que usan todos os días pacientes que van a tratamento de dislexia, oncolóxico e traumatoloxía, con escaiolas, obrigalos a facer transbordo”, sinala no testemuño difundido pola asociación. Tamén apunta que os usuarios do Psiquiátrico e do Hospital de Conxo contarán cunha conexión menos para abandonar a zona hospitalaria.
UNHA LANZADEIRA DENDE A ESTACIÓN DE AUTOBUSEX
Como alternativa, a asociación propón estudar unha liña específica tipo lanzadeira entre a estación de autobuses e os hospitais, pensada especialmente para as persoas que chegan a Santiago desde outros municipios da área sanitaria. Ao seu xuízo, unha conexión directa permitiría reducir parte do tráfico privado que accede diariamente tanto ao CHUS como ao Hospital de Conxo.
A organización tamén reclama que a planificación da rede teña en conta outros puntos do municipio que actualmente presentan dificultades para acceder directamente aos centros sanitarios. Entre eles menciona Aríns, Sar, Amio, San Lázaro, Folgoso, Casas Novas e A Susana, para os que pide estudar medidas que faciliten o desprazamento en transporte público ata a zona hospitalaria.
A asociación sostén que a mobilidade cara aos centros sanitarios debe incorporarse como un criterio específico á hora de organizar o transporte urbano, especialmente cando afecta a persoas con enfermidades ou limitacións físicas. Por este motivo, solicita ao Concello que reconsidere a desaparición da conexión directa que actualmente ofrece a liña 12 ou habilite alternativas que eviten aumentar os tempos e a complexidade dos desprazamentos.

