InicioPOLÍTICASanmartín reclama á Xunta que transfira a Santiago os fondos estatais destinados...

Sanmartín reclama á Xunta que transfira a Santiago os fondos estatais destinados ás zonas tensionadas

A alcaldesa sostén que os recursos deben empregarse exclusivamente na Coruña e Compostela e anuncia 1,32 millóns de euros do POS adicional para actuacións no rural

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, reclamou este venres que os fondos que o Ministerio de Vivenda prevé transferir a Galicia para actuar nas zonas de mercado residencial tensionado acaben destinados exclusivamente á Coruña e Compostela e defendeu que, de ser posible, sexan os propios concellos os que os xestionen. A rexedora criticou a posición expresada pola Xunta sobre o destino destes recursos e advertiu de que o Concello estudaría as accións correspondentes se finalmente o diñeiro se empregase fóra dos dous municipios.

O Goberno estatal anunciou a comezos de setembro unha partida de 5,1 millóns de euros para Galicia, dentro dun programa estatal de 90 millóns, destinada a incrementar a oferta de vivenda asequible nas zonas declaradas como mercado residencial tensionado. Na comunidade galega, as dúas cidades que contan actualmente con esta consideración son A Coruña e Santiago.

Compostela figura oficialmente como zona tensionada despois da resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo do 24 de abril de 2026, aprobada a petición municipal. A declaración foi incorporada á relación estatal mediante a resolución da Secretaría de Estado de Vivenda do 24 de xullo, publicada no BOE o 29 de xullo. A Coruña, pola súa banda, fora incorporada á relación estatal un ano antes.

O borrador do real decreto que regula as novas subvencións prevé que os recursos se transfiran ás comunidades autónomas. Sanmartín admitiu que esta fórmula responde ao reparto competencial en materia de vivenda, pero argumentou que o caso galego presenta unha situación diferente, xa que, segundo lembrou, foron os concellos da Coruña e Santiago os que promoveron as declaracións e elaboraron os plans de medidas vinculados a elas.

O Concello xa presentara durante o trámite de audiencia do decreto unha proposta para que o Ministerio permita que os recursos sexan xestionados directamente polas administracións municipais. Sanmartín insistiu este venres nesa petición, aínda que recoñeceu que pode haber límites derivados das competencias autonómicas.

“Entendemos que no caso galego deben ser os propios concellos os que xestionen estes fondos”, resumiu. Se esa vía non fose posible, engadiu, o Concello considera que a Xunta debería transferir posteriormente as cantidades correspondentes ás dúas cidades.

A alcaldesa centrou boa parte das súas críticas nas declaracións da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, sobre a posibilidade de non restrinxir estes recursos aos municipios que solicitaron ser declarados como zonas tensionadas.

Sanmartín considerou que esa posición entra en contradición coa finalidade establecida no borrador do decreto. “Unha cuestión é discrepármonos sobre quen ten que xestionar estes fondos e outra que a propia Xunta diga que os vai gastar independentemente das zonas de mercado residencial tensionado”, afirmou.

A alcaldesa citou durante a comparecencia tanto o obxecto xeral do proxecto normativo como o apartado no que se concreta a subvención correspondente a Galicia para actuacións na Coruña e Santiago. O anuncio estatal feito a comezos deste mes sitúa a asignación para Galicia en 5.112.304 euros, aínda sen coñecerse a distribución definitiva entre ambas as cidades.

A Xunta, pola súa banda, vén defendendo que as políticas de vivenda deben desenvolverse mediante a cooperación entre Estado, comunidades e entidades locais, respectando as competencias de cada administración e permitindo adaptar os programas ás características de cada territorio. Ao mesmo tempo, o Goberno galego mantén as súas críticas aos efectos da declaración de zonas tensionadas.

Sanmartín incidiu en que, máis alá da administración encargada de executar as medidas, o Concello considera que o carácter finalista dos fondos obriga a destinalos aos dous municipios galegos declarados como zonas tensionadas.

“Son actuacións no municipio da Coruña e no municipio de Santiago”, afirmou a alcaldesa, quen sostivo que o Concello se reserva a posibilidade de adoptar “as accións pertinentes” se finalmente os recursos acabasen empregándose noutros territorios.

A rexedora enmarcou o conflito dentro dunha crítica máis ampla á política do Goberno galego cara á capital. Entre outras cuestións, volveu reclamar unha actualización das cantidades vinculadas ao Estatuto da Capitalidade e a convocatoria do Consello da Capitalidade antes da elaboración dos próximos orzamentos autonómicos.

Sanmartín cifrou nuns cinco millóns de euros anuais a diferenza que, segundo os cálculos municipais, existe entre o financiamento que recibe Santiago e o que debería corresponderlle polo exercicio das funcións asociadas á capitalidade.

Tamén reprochou á Xunta a falta de resposta ás solicitudes municipais para abordar investimentos en infraestruturas deportivas, a ausencia dun programa específico de rehabilitación de vivenda equivalente ao desenvolvido noutras cidades e as discrepancias mantidas arredor da implantación do imposto sobre estadías turísticas.

A alcaldesa sumou a estas cuestións os investimentos nos colexios públicos de educación primaria, asegurando que durante este verán a Xunta non executou actuacións nos centros composteláns.

Sanmartín contrapuxo esta situación coa chegada de financiamento da Deputación da Coruña, que permitirá ao Concello incorporar novas actuacións no rural a través do POS adicional de 2026.

CASE 1,32 MILLÓNS DA DEPUTACIÓN PARA NOVAS OBRAS NO RURAL

Na mesma comparecencia, a alcaldesa deu conta dos proxectos presentados polo Concello á convocatoria adicional do Plan Único da Deputación. As actuacións propostas suman unha achega provincial de 1.321.935 euros, á que o Concello engadirá recursos propios para a redacción dos proxectos, dirección facultativa, coordinación de seguridade e posibles liquidacións finais.

Sanmartín explicou que a selección das intervencións foi abordada coa representación veciñal do rural e con FERUSA, a Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago, entidade que agrupa asociacións das parroquias compostelás.

Os criterios, segundo detallou, pasan por priorizar actuacións con capacidade para facilitar posteriores melloras, atender distintos tipos de necesidades e avanzar cara a un maior equilibrio territorial entre as parroquias do norte e do sur do municipio.

A actuación de maior contía será a ampliación da rede de abastecemento de auga ao longo da variante de Aradas, que Sanmartín cifrou en 784.188 euros. A alcaldesa explicou que se trata dunha rede principal de transporte de auga desde o polígono do Tambre cara á Peregrina, que permitirá aumentar a presión do sistema e facilitar futuras extensións da rede cara a outros núcleos.

A variante de Aradas conecta precisamente o ámbito do polígono do Tambre coa contorna occidental do municipio.

Outra das intervencións previstas será a pavimentación integral de Ponte Albar, en San Xoán de Fecha, cun investimento anunciado de 312.742 euros. O proxecto pretende actuar sobre o conxunto do espazo público do núcleo.

O Concello tamén inclúe a reparación da ponte sobre o rego de Gallufe, na parroquia de Santa Cristina de Fecha, cun orzamento de 46.274 euros.

A cuarta liña agrupa diferentes actuacións de asfaltado solicitadas pola veciñanza do rural. O paquete alcanza os 178.730 euros e inclúe intervencións na Enfesta, A Barciela, Carballal, A Sabugueira e Nemenzo.

Neste último núcleo, segundo explicou Sanmartín, executarase unha das actuacións de maior entidade dentro deste bloque, próxima aos 95.000 euros, nunha zona na que, segundo sinalou, levaba anos sen acometerse unha intervención relevante deste tipo.

A alcaldesa destacou que boa parte destas actuacións se concentran na zona norte do municipio. Segundo expuxo, a intención do goberno local é corrixir progresivamente a diferenza histórica de investimentos entre as distintas áreas do rural, un criterio que tamén foi formulado pola representación veciñal.

A existencia dun seguimento conxunto dos investimentos no rural forma parte do traballo do Consello do Medio Rural, no que participan representantes das asociacións veciñais e dos grupos municipais.

O CONCELLO CIFRA EN 9,5 MILLÓNS OS INVESTIMENTOS NO RURAL DURANTE O MANDATO

Os 1,32 millóns do POS adicional engádense aos 1.214.838 euros correspondentes ao POS ordinario de 2026 e aos 250.000 euros do POS social, cantidades que, segundo comprometeu o goberno municipal, se destinarán integramente ao rural compostelán.

Sanmartín asegurou que, contabilizando os diferentes programas desenvolvidos desde o inicio do mandato, o Concello alcanza xa arredor de 9,5 millóns de euros consignados para investimentos no rural.

A cifra, puntualizou, refírese exclusivamente a investimentos e non inclúe o gasto corrente destinado a servizos como o mantemento de vías e espazos públicos, as rozas ou a conservación de parques infantís.

A representación veciñal no Consello do Medio Rural, engadiu, dispón de información sobre os proxectos, os recursos asignados e os calendarios de execución para realizar o seu seguimento.

SANMARTÍN PIDE MÁIS FINANCIAMENTO PARA CONSERVAR O PATRIMONIO DA USC

Na quenda de preguntas, a alcaldesa tamén se pronunciou sobre as necesidades de conservación dos edificios históricos da Universidade de Santiago de Compostela.

Sanmartín defendeu un incremento xeral do financiamento autonómico destinado ás universidades galegas e considerou necesario prestar especial atención ás partidas dedicadas ao mantemento do patrimonio arquitectónico.

No caso compostelán, argumentou, esta necesidade é maior pola antigüidade da institución e pola cantidade de inmobles históricos que forman parte do seu patrimonio.

“É un patrimonio que é do conxunto da veciñanza compostelá e galega”, afirmou a alcaldesa, quen defendeu que a Xunta contemple unha achega específica para a conservación e rehabilitación dos edificios históricos da USC.

ÚLTIMAS

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

Cortan a A-54 en Santiago tras un choque en cadea de varios vehículos

Unha colisión en cadea de varios vehículos obrigou a cortar a Autovía Lugo-Santiago (A-54)...

‘Artesanamente’ reunirá en Santiago máis de 40 marcas e levará os oficios tradicionais á rúa

Santiago de Compostela volverá converterse durante tres días nun escaparate para os oficios tradicionais,...

A Xunta e a USC lanzan a segunda edición das Residencias ArtLab IGFAE para conectar arte e física

A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela abriron a segunda...

Verea reclama explicacións ao Goberno local ante a posible existencia de quendas con só seis policías

O Partido Popular de Santiago reclamou ao Goberno municipal que aclare se durante os...

Rozas defende que Santiago xestione directamente os fondos estatais de vivenda

A tenenta de alcaldesa de Santiago, María Rozas, defendeu que o Concello poida xestionar...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here