InicioPOLÍTICASanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite...

Sanmartín evita entrar nas críticas de Pedro Blanco e pídelle que facilite a chegada directa de fondos de vivenda a Santiago

A alcaldesa asegura que o aparcadoiro do Clínico está agora na fase de planificación da Xunta e prevé avances nos próximos días na convocatoria das subvencións veciñais

Publicado o

Xornal de Compostela

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, evitou este mércores entrar nun intercambio de declaracións co candidato socialista á Alcaldía, Pedro Blanco, despois de que este cualificase o actual Goberno municipal como “esgotado” e defendese a necesidade dun cambio na cidade. A rexedora considerou que aínda queda tempo para as eleccións municipais e centrou a súa resposta en reclamarlle a Blanco que, como delegado do Goberno en Galicia, traballe para que Santiago poida recibir directamente os fondos estatais vinculados á súa declaración como zona de mercado residencial tensionado.

Blanco presentara este martes as prioridades da súa candidatura e describira o Executivo formado por BNG e Compostela Aberta como un goberno que “está esgotado”, ao tempo que apostaba por abrir unha nova etapa política en Raxoi.

“Non vou facer comentarios sobre declaracións doutras persoas candidatas”, respondeu Sanmartín ao ser preguntada pola valoración do socialista. A alcaldesa engadiu que, ao seu xuízo, é cedo para que a cidade entre xa en dinámica de campaña electoral.

A rexedora si se referiu á responsabilidade institucional que Blanco mantén como delegado do Goberno e centrou a súa petición na política de vivenda.

O Ministerio de Vivenda anunciou unha partida de 5,1 millóns de euros para as zonas de mercado residencial tensionado declaradas en Galicia, actualmente Santiago e A Coruña. O borrador que regula estas subvencións prevé que os recursos sexan transferidos á comunidade autónoma, aínda que o Goberno compostelán reclama poder xestionar directamente a cantidade que corresponda á cidade.

Sanmartín argumentou que foron os concellos os que promoveron estas declaracións e elaboraron os plans de medidas correspondentes, polo que considera que tamén deberían ser as administracións locais as encargadas de aplicar os recursos.

“Estou segura de que el pode dedicar o seu tempo para facer que Santiago teña directamente uns fondos e uns recursos para mellorar e ter un parque de vivenda pública moito mellor do que ten”, sinalou en referencia a Blanco.

A alcaldesa pediulle que “colabore niso” e defendeu que os cartos se poidan destinar a reforzar as políticas municipais de vivenda e ampliar o parque público.

A reclamación de Raxoi non é nova. O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, xa trasladara a pasada semana que o Concello quere encargarse da xestión da parte dos 5,1 millóns que corresponda a Santiago, unha contía concreta que aínda non foi determinada.

SANMARTÍN PIDE Á XUNTA QUE PERMITE A XESTIÓN MUNICIPAL

A alcaldesa estendeu a petición á Xunta no caso de que o sistema establecido polo Estado non se modifique e os fondos cheguen finalmente á Administración autonómica.

Sanmartín lembrou que o Goberno galego se opuxo á declaración de Santiago como zona tensionada e defendeu que agora podería permitir que o Concello xestione directamente os recursos destinados á capital galega.

A rexedora relacionou esta partida coa posibilidade de incrementar a oferta pública e contribuír á contención dos prezos da vivenda. O programa estatal permite empregar os fondos, entre outros fins, para adquirir inmobles e realizar rehabilitacións destinadas posteriormente a aluguer alcanzable.

O APARCADOIRO DO CLÍNICO

Sanmartín respondeu tamén ás peticións de axilidade formuladas desde a Xunta en relación cos terreos vinculados ás actuacións previstas na contorna do Hospital Clínico.

A alcaldesa asegurou que, no relativo especificamente ao futuro aparcadoiro, non existe neste momento ningún trámite pendente que dependa do Concello.

“O aparcadoiro do Clínico, nestes momentos, a propia Xunta de Galicia está desenvolvendo o proxecto, facendo a planificación; non hai nada que dependa do Concello nestes momentos”, afirmou.

A actuación forma parte do Proxecto de Interese Autonómico para a reordenación do ámbito hospitalario, cuxa redacción foi adxudicada pola Xunta a finais de 2025. O documento debe abordar tanto as áreas de estacionamento como a reorganización dos accesos e da circulación arredor do complexo.

O Concello xa deu en xullo a súa conformidade á tramitación autonómica do PIA, nun proceso que inclúe a construción do novo aparcadoiro e a ordenación da mobilidade no recinto.

Sanmartín diferenciou esta cuestión das cesións de solo para vivenda, onde recoñeceu que si existen trámites pendentes nalgún caso.

A alcaldesa sinalou, porén, que a Xunta dispón xa doutros ámbitos sobre os que pode continuar desenvolvendo promocións residenciais e mencionou expresamente os terreos de ‘Volta do Castro’ e o desenvolvemento previsto en ‘Mallou’.

A rexedora asegurou que Raxoi continuará colaborando coa Administración autonómica nas actuacións de vivenda, aínda que volveu aproveitar a cuestión para insistir na reclamación sobre os fondos das zonas tensionadas.

RAXOI PREVÉ AVANZAR NAS SUBVENCIÓNS VECIÑAIS NOS PRÓXIMOS DÍAS

A última cuestión abordada por Sanmartín foi o atraso na convocatoria das subvencións municipais para as asociacións veciñais correspondentes a 2026.

As axudas continúan sen convocarse no mes de setembro, unha situación que xerou críticas da Coordinadora das Asociacións Veciñais e dos grupos da oposición municipal. As entidades sosteñen que a demora dificulta a planificación das actividades e a previsión dos gastos que poden afrontar ao longo do ano.

A alcaldesa explicou que a área municipal responsable está traballando no procedemento e atribuíu a situación aos pasos administrativos necesarios para sacar adiante a convocatoria.

“Entendo que nos próximos días esa convocatoria estará resolta”, afirmou Sanmartín.

ÚLTIMAS

Os CEIP e escolas unitarias de Santiago abren o curso con 4.299 escolares

O curso escolar comezou este mércores en Santiago con 4.299 nenos e nenas matriculados...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

A USC asegura o Colexio Maior San Clemente tras desprenderse parte da cornixa e da cuberta

A Universidade de Santiago de Compostela iniciou actuacións de urxencia no Colexio Maior San Clemente,...

Ames reunirá 392 atletas de 43 países no Mundial de 100 quilómetros

O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do...

O Concello reclama cambios no PIA de Lavacolla e cuestiona que permita estender o uso comercial por todo o parque empresarial

O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque...

Pedro Blanco preséntase como o candidato “valente” do PSdeG para Compostela

O candidato á Alcaldía de Santiago, Pedro Blanco, avogou por un cambio en Santiago...

O PP reclama ao Concello que convoque as subvencións para as asociacións veciñais de 2026

O Partido Popular de Santiago reclamou ao goberno municipal a convocatoria das subvencións destinadas...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here