O concello de Ames converterase o próximo 20 de setembro nun dos centros do atletismo internacional coa celebración do XXXIII Campionato do Mundo IAU de 100 quilómetros, unha competición que reunirá 392 atletas procedentes de 43 países. A proba, disputada dende 1987, desenvolverase principalmente en Bertamiráns sobre un circuíto de case cinco quilómetros ao que os participantes deberán completar 20 voltas.
A organización corresponde ao Club Ecodeporte, co respaldo da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e da International Association of Ultrarunners (IAU). Na preparación do evento participan tamén o Concello de Ames, a Xunta de Galicia a través da área de Deportes, Xacobeo 2027 e a Deputación da Coruña.
Os detalles do campionato foron presentados este martes no salón de plenos da Casa do Concello coa participación do alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o secretario xeral para o Deporte, Roberto García; o comisario do Xacobeo 2027, Marcos Gómez; o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira; o coordinador da competición, Francisco Rico; o presidente da Federación Galega de Atletismo e representante da RFEA, Iván Sanmartín; a secretaria de organización, Maribel Montes; e o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño.
O alcalde destacou a relación do evento coa política deportiva municipal e coa utilización habitual do propio trazado por corredores da zona. “A celebración deste campionato en Ames vén a ratificar a aposta e fomento do deporte que se fai dende o Concello de Ames, sobre todo no deporte de base, que é o máis importante”, afirmou Blas García.
O rexedor sinalou ademais que o percorrido empregado na competición forma parte das rutas utilizadas durante todo o ano por persoas que practican atletismo e carreira popular no municipio. García incidiu tamén na dimensión turística e económica dun evento que traerá durante varios días centos de deportistas, integrantes das delegacións e acompañantes.
“Este evento servirá para a promoción económica e turística de Ames”, sinalou, antes de pedir á veciñanza que participe nas actividades previstas durante a fin de semana. A programación incluirá tamén música de grupos locais durante a apertura oficial. “A cerimonia de inauguración vai ser un acto festivo no que imos ter música de grupos locais como Maianas e ‘Glasgow 15’, para dar a coñecer a nosa cultura entre todos os países participantes”, explicou.
As primeiras delegacións internacionais teñen prevista a súa chegada a Ames entre o xoves 17 e o venres 18 de setembro. Segundo os datos facilitados pola organización, o Mundial contará con 392 atletas, a cifra máis elevada rexistrada ata agora nesta competición.
Na categoría absoluta competirán 248 persoas, 146 homes e 102 mulleres, mentres que outras 144 estarán inscritas na categoría máster. Entre elas figura un participante de 83 anos. Aos deportistas súmanse 155 persoas entre persoal técnico, oficiais das delegacións e acompañantes, de maneira que a organización calcula a presenza directa de 547 integrantes vinculados ao campionato.
Tamén se acadará un máximo no número de seleccións representadas. Ames recibirá equipos de 43 países: dous africanos, cinco americanos, sete asiáticos, dous de Oceanía e 27 europeos. Segundo a organización, nunca antes o Mundial de 100 quilómetros superara a barreira das 40 delegacións nacionais.
Un dos nomes máis destacados da inscrición é o do lituano Aleksandr Sorokin, actual posuidor do récord mundial da distancia. O coordinador do campionato, Francisco Rico, apuntou á posibilidade de que as características do percorrido permitan rexistrar marcas de alcance mundial ou continental.
“O campionato vaise celebrar nun circuíto que foi homologado o pasado 16 de agosto e ao que os participantes terán que dar un total de 20 voltas”, explicou Rico, quen incidiu en que o trazado está homologado e sinalizado para a competición.
A carreira comezará o domingo 20 de setembro ás 08:30 na rúa Alcalde Lorenzo, en Bertamiráns, tanto para a categoría absoluta como para a máster. A liña de meta pechará ás 20:00, polo que os participantes disporán dun máximo de 11 horas e 30 minutos para completar os 100 quilómetros.
O trazado terá saída e chegada na rúa Alcalde Lorenzo e pasará por As Punxeiras Baixas, As Cortes, a rúa do Agro do Muíño, o camiño de Sisalde nas proximidades da ETAP e a ponte da Condomiña.
A primeira volta terá exactamente 4.985,29 metros, mentres que cada unha das outras 19 será de 4.990 metros. Durante a proba o percorrido permanecerá pechado ao tráfico ordinario e só poderán circular por el vehículos de emerxencias e da propia organización.
As previsións apuntan a que os corredores máis rápidos poderían completar os 100 quilómetros nun tempo situado entre 6 horas e 15 minutos e 6 horas e 30 minutos.
Os tres primeiros clasificados de cada categoría masculina e feminina recibirán un ramo de flores na propia meta. Posteriormente, a partir das 20:30, celebrarase no parque do Ameneiral o acto oficial de entrega de premios. Se as condicións meteorolóxicas impiden realizalo no exterior, trasladarase ao pavillón polideportivo de Bertamiráns.
ACTIVIDADES DENDE O VENRES E INAUGURACIÓN NO AMENEIRAL
A programación arredor do Mundial comezará antes da carreira. O venres 18 de setembro ás 18:30, o salón Xacobeo do Albergue do Monte do Gozo, en Santiago, acollerá a conferencia médica ‘A psicoloxía do rendemento en probas de ultra resistencia’.
O sábado 19 será a quenda dos actos de apertura en Ames. Ás 16:30 partirá dende a praza do Concello un desfile coas bandeiras das seleccións participantes en dirección ao parque do Ameneiral. Os encargados de portar os emblemas nacionais serán nenos e nenas dos clubs de atletismo MillaRaio e Ames Atletismo.
A cerimonia oficial de inauguración comezará ás 17:00 no parque do Ameneiral. En caso de choiva, desenvolverase no pavillón polideportivo de Bertamiráns.
O acto incorporará actuacións musicais de dúas formacións de Ames. Participará a agrupación de cantareiras Maianas, constituída no municipio en 2007 e distinguida coa medalla do Concello durante o Día de Galicia celebrado o pasado mes de xullo. Tamén actuará a banda ‘Glasgow 15’, integrada por Lucía e Diego ás guitarras, Rafael ao baixo, Ramón na batería e María como vocalista, cun repertorio de versións de distintos xéneros.
AMES REIVINDICA A SÚA CAPACIDADE PARA ORGANIZAR COMPETICIÓNS INTERNACIONAIS
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou durante a presentación a oportunidade que supón a competición para dar a coñecer o municipio entre deportistas e delegacións internacionais. “Esta proba pon ao concello de Ames no mundo”, afirmou.
Señorís incidiu en que a chegada de participantes de diferentes países permitirá combinar a dimensión deportiva coa promoción do patrimonio cultural e natural do municipio. “Eventos desta relevancia e magnitude demostran a capacidade que ten Ames para acoller eventos deportivos”, engadiu.
O secretario xeral para o Deporte, Roberto García, enmarcou a celebración do Mundial no aumento da actividade federada en Galicia. Segundo explicou, o deporte galego achegouse ás 30.000 licenzas durante 2025, e destacou especificamente a implantación do pedestrismo dende os programas deportivos de base ata as competicións de elite.
“Consideramos que os eventos deportivos teñen un impacto social, económico e deportivo moi importante”, afirmou Roberto García, quen apuntou que durante setembro Galicia acollerá diferentes competicións deportivas de ámbito estatal e internacional.
Pola súa banda, o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, puxo o foco no apoio da Deputación da Coruña á organización da proba e no papel do público durante as 20 voltas. “Os afeccionados e afeccionadas vanse converter no mellor avituallamento dos corredores grazas aos seus ánimos”, sinalou.
O presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, indicou que o atletismo galego se aproxima actualmente ás 11.000 licenzas e valorou a colaboración entre as distintas administracións e entidades deportivas para organizar o Mundial.
“Quero agradecerlle ao Concello de Ames o atrevemento e o valor de impulsar un campionato do mundo no que participan equipos de 43 países”, declarou. Segundo Sanmartín, durante as xornadas do 19 e 20 de setembro Ames concentrará unha parte relevante da actividade do atletismo español.
ESPAÑA DEFENDERÁ O SUBCAMPIONATO MUNDIAL MASCULINO
A selección española chegará a Bertamiráns cun precedente destacado no cadro masculino. O equipo defenderá o subcampionato mundial conseguido en Bangalore, na India, en 2024.
Tres integrantes daquela selección repetirán nesta edición. O equipo masculino estará formado por Antonio Jesús Aguilar, Félix Pont, Carlos Gazapo, Marco Álvarez e Jesús Rafael González.
Na competición feminina, España contará con catro representantes, o que iguala a segunda convocatoria máis numerosa da súa historia nesta proba, só por detrás da participación de 2018.
A selección estará encabezada pola actual campioa de España e plusmarquista nacional, Gemma Arenas, xunto a María Romero, Carmen María Pérez e Estefanía Unzu.

