O Concello de Santiago presentou alegacións ao proxecto de interese autonómico (PIA) do parque empresarial de Lavacolla, unha iniciativa privada promovida por Pontepedroso Real Estate que abrangue máis de 560.000 metros cadrados. O concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, explicou este martes os principais reparos municipais ao documento, que afectan á delimitación dos terreos, ao sistema de expropiación, ás infraestruturas necesarias, aos accesos, á integración paisaxística e, especialmente, á posibilidade de introducir actividades comerciais no futuro parque.
A tramitación corresponde á Dirección Xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, que someteu o proxecto a información pública mediante un anuncio do 12 de xuño publicado posteriormente no BOP. A documentación ambiental do parque xa se atopaba en tramitación desde 2025 e identifica Pontepedroso Real Estate como promotora da actuación.
Segundo explicou Lestegás, o Concello recibiu un trámite específico de audiencia e presentou as súas alegacións dentro do prazo establecido. O goberno municipal mantivo ademais dúas reunións con representantes da veciñanza da zona, unha antes do verán e outra en agosto, nas que abordou algunhas das preocupacións relacionadas co desenvolvemento.
O ámbito previsto ocupa 561.567 metros cadrados e coincide na súa maior parte co sector de solo urbanizable non delimitado SUND-32 recollido no Plan Xeral de Ordenación Municipal, aínda que introduce modificacións. A proposta deixa fóra terreos de dominio público estatal próximos á A-54 e incorpora outros clasificados actualmente como solo rústico de especial protección forestal.
Esta última modificación é un dos puntos cuestionados polo Concello. Segundo Lestegás, a memoria presentada non acredita suficientemente a necesidade de incorporar ese solo forestal ao desenvolvemento nin a modificación figura no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia de 2014. Este instrumento autonómico si inclúe o parque empresarial de Lavacolla entre as actuacións destinadas a ampliar a oferta de solo industrial.
O Concello sostén, polo tanto, que a delimitación establecida no PXOM debería conservarse se non se acredita un interese xeral que xustifique incorporar os novos terreos.
Outra das alegacións afecta ao mecanismo previsto para conseguir os terreos. A promotora propón desenvolver o parque mediante expropiación, unha elección que, segundo o responsable municipal de Urbanismo, non aparece motivada suficientemente na documentación.
Lestegás lembrou que a normativa contempla outros sistemas de actuación, como a compensación ou a cooperación, que poden permitir unha participación diferente dos propietarios actuais no desenvolvemento urbanístico.
“Debe motivarse a elección do sistema de actuación porque a lei prevé outros sistemas posibles”, sinalou.
O concelleiro incidiu na diferenza entre optar pola expropiación e empregar mecanismos nos que os titulares das parcelas poden incorporarse ao proceso urbanístico, por exemplo mediante unha xunta de compensación.
SERVIZOS AÍNDA POR DEFINIR
O Concello tamén reclama maior concreción sobre as infraestruturas necesarias para converter os terreos nun parque empresarial. O ámbito carece actualmente dos servizos propios dun solo urbanizado e, segundo explicou Lestegás, será necesario realizar investimentos relevantes en abastecemento de auga, saneamento, subministración eléctrica e outras redes.
A posición municipal é que esas conexións deben quedar suficientemente garantidas antes de completar a tramitación.
“Nada disto está suficientemente definido no documento que se aprobou inicialmente”, afirmou o edil.
As alegacións reclaman igualmente incorporar sistemas de drenaxe sostible que permitan aumentar a infiltración da auga da choiva no terreo e reducir os efectos da urbanización sobre o ciclo hídrico. Lestegás sinalou que este tipo de solucións están sendo introducidas tamén noutros desenvolvementos urbanísticos impulsados polo Concello.
REPAROS AO ACCESO NORTE POLA AC-250
Un dos elementos que suscita máis dúbidas no Concello é a proposta de acceso ao futuro parque. A solución formulada para a entrada polo norte parte da estrada autonómica AC-250, ata un punto situado uns 300 metros ao norte da rotonda da A-54, e continúa despois a través de vías municipais que serían ampliadas.
A proposta obrigaría, segundo detallou Lestegás, a atravesar a autovía mediante un paso inferior duns dez metros de anchura.
Para o Concello, esa solución pode resultar insuficiente tendo en conta que se trata dun parque empresarial de máis de 560.000 metros cadrados e podería ter consecuencias sobre a rede viaria municipal.
“Consideramos que é necesario resolver mellor este acceso ao norte explorando outras alternativas”, indicou.
O CAMIÑO FRANCÉS E OS MANANCIAIS, ENTRE AS PREOCUPACIÓNS
A integración do parque na paisaxe constitúe outro dos bloques das alegacións municipais. O goberno compostelán considera que a documentación debe estudar con maior detalle a visibilidade das futuras instalacións desde a contorna e desde o Camiño Francés, que discorre polo bordo oriental do ámbito.
Lestegás explicou que o documento non incorpora, a xuízo do Concello, un estudo topográfico suficiente para analizar ese impacto e sostivo que as franxas verdes perimetrais propostas deberían revisarse para cumprir unha función máis eficaz de integración paisaxística.
As alegacións tamén reclaman inventariar e avaliar os elementos naturais existentes antes de transformar os terreos. Entre eles figuran pozos, mananciais, brañas, regos, regatos, masas arbóreas e vexetación de ribeira.
A cuestión da auga apareceu tamén nas reunións coa veciñanza. Segundo trasladou Lestegás, algúns dos mananciais situados no ámbito ou na súa contorna son utilizados para abastecemento por residentes da zona, polo que existe preocupación polos posibles efectos que poida ter o desenvolvemento.
O concelleiro explicou que boa parte das cuestións formuladas polo Concello coinciden coas trasladadas polos representantes veciñais, que tamén estaban preparando as súas propias alegacións ao proxecto.
A regulación das futuras actividades é un dos puntos nos que Lestegás puxo maior énfase. O proxecto distribúe o solo lucrativo entre unha ordenanza industrial, con 83.105 metros cadrados de superficie edificable, e outra industrial-terciaria, con 165.830 metros cadrados.
Segundo explicou o concelleiro, ambas permiten actividades comerciais, polo que, tal e como está redactado actualmente o documento, o comercio podería implantarse nas diferentes parcelas lucrativas do parque.
O goberno municipal entende que esta configuración podería modificar na práctica a orientación industrial que o PXOM establece para estes terreos.
“Non imos permitir que se cambie de facto o uso global de industrial a terciario”, afirmou Lestegás durante a rolda de prensa.
A posición defendida polo Concello é reservar os parques empresariais principalmente para actividades que, polas súas características, non poden instalarse de maneira adecuada no tecido residencial da cidade.
Lestegás puxo como antecedentes Costa Vella e A Sionlla, onde co paso dos anos se instalaron negocios terciarios e establecementos de venda polo miúdo. Neste sentido, argumentou que, se existe demanda de solo industrial en Compostela, as novas superficies previstas para esa finalidade deberían priorizar este tipo de actividade.
As alegacións municipais propoñen que o comercio só poida autorizarse cando estea directamente vinculado á actividade industrial desenvolvida na mesma parcela ou cando as características do negocio recomenden unha localización afastada do tecido urbano. Como exemplo deste segundo caso, o edil citou os concesionarios de vehículos.
O responsable de Urbanismo vinculou esta cuestión coa política municipal de protección do comercio de proximidade. Na súa análise, a concentración da actividade comercial nas periferias é un dos elementos que contribúe á perda de negocios nas plantas baixas dos barrios.
“A implantación das actividades comerciais é un elemento esencial do modelo de cidade”, sostivo.
Máis alá das alegacións técnicas e xurídicas presentadas ao documento, Lestegás expresou tamén as súas reservas sobre a utilización dun proxecto de interese autonómico para tramitar un parque empresarial promovido pola iniciativa privada.
O concelleiro diferenciou esta valoración política do contido formal das alegacións. Segundo explicou, o procedemento podería tramitarse mediante un plan parcial municipal, mentres que o PIA introduce unha vía autonómica na que o Concello ten unha intervención menor.
Para Lestegás, esta figura debería empregarse principalmente en actuacións cun carácter singular ou cun alcance claramente supramunicipal.
“A figura do Plan Parcial segue existindo, non morreu”, sinalou, antes de defender que continúa sendo un instrumento válido para desenvolver solo urbanizable dentro dun municipio.
O edil puxo como contrapunto o proxecto relacionado co aparcadoiro do complexo hospitalario de Santiago, que considera máis próximo ao tipo de actuación para a que se xustifica un PIA. Argumentou que se trata dunha infraestrutura pública vinculada a un hospital que presta servizo a persoas procedentes de numerosos concellos da área sanitaria.
Lestegás insistiu en que non rexeita a existencia desta ferramenta urbanística, pero reclamou limitar o seu emprego a proxectos nos que exista unha dimensión autonómica ou supramunicipal clara.
No caso de Lavacolla, reclamou á Xunta que teña en consideración as posicións municipais especialmente nas materias que, segundo o Concello, afectan directamente ás súas competencias.
“Non se pode modificar de facto o uso global industrial que lle asigna o Plan Xeral por un uso terciario”, resumiu.
O procedemento autonómico continúa actualmente en tramitación. A propia web da Consellería de Economía e Industria mantén o proxecto de interese autonómico do parque empresarial de Lavacolla entre os expedientes de solo empresarial en tramitación, mentres a documentación ambiental figura tamén como expediente en curso.
LESTEGÁS ADVIERTE SOBRE GASTOS INCORPORADOS AOS NOVOS CONTRATOS DE ALUGUEIRO
Na parte final da rolda de prensa, o concelleiro respondeu tamén ás preguntas sobre os primeiros efectos da declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado.
Lestegás asegurou ter recibido comentarios de persoas ás que non se lles incrementou a renda a raíz da aplicación da regulación, aínda que indicou que aínda non dispón de datos estatísticos suficientes para realizar un balance.
O edil advertiu, en particular, sobre a incorporación aos novos contratos de gastos que non recaían sobre a persoa inquilina no contrato anterior.
“Se no contrato anterior o inquilino non pagaba a cota da comunidade, non pode pagar a cota da comunidade no novo contrato”, explicou.
Segundo relatou, tivo coñecemento de casos nos que non se incrementa formalmente a renda pero se pretende trasladar á persoa arrendataria algún destes custos. Por iso, recomendou revisar estas condicións antes de subscribir novos contratos.
Lestegás incidiu ademais na regulación dos arrendamentos de tempada, que considera necesario incorporar ao sistema de control dos prezos. Sinalou que este tipo de contratos deben responder á finalidade temporal prevista legalmente e contar cunha causa que xustifique a súa utilización.
Sobre a evolución do mercado desde a declaración da zona tensionada, explicou que os últimos datos que consultara no observatorio correspondían ao mes de xuño e eran aínda cifras de avance, polo que evitou extraer conclusións sobre o número de contratos ou a evolución dos prezos.
Si apuntou, porén, que o servizo municipal de información en materia de vivenda mantén unha elevada demanda de consultas e que esta mesmo se incrementou lixeiramente desde a entrada en vigor da declaración. O concelleiro animou ás persoas que teñan dúbidas sobre os seus contratos ou sobre a aplicación da normativa a acudir a este servizo municipal para informarse.

