A Xunta de Goberno Local de Santiago acordou este luns formalizar a renuncia á licitación das obras de naturalización da Lagoa do Auditorio, despois de que o Concello quedase sen o financiamento previsto para executar o proxecto dentro dos prazos establecidos. Na mesma sesión, o executivo municipal aprobou iniciar a contratación do mantemento do Parque Arqueolóxico da Rocha Forte, cun orzamento base de 93.107,25 euros, así como varias licenzas urbanísticas, prórrogas de contratos e actuacións en materia social e de mobilidade.
A portavoz do Goberno municipal, Míriam Louzao, explicou que a decisión sobre a Lagoa do Auditorio supón completar administrativamente un proceso que o Concello xa dera por descartado nas últimas semanas. A primeira licitación das obras quedara deserta e posteriormente realizouse un novo intento, malia que os prazos previstos para os traballos superaban a vixencia dos fondos dispoñibles.
O Goberno local solicitara paralelamente unha prórroga á Fundación Biodiversidade, organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e encargado da xestión destes fondos, pero a petición foi rexeitada. Segundo expuxo Louzao, esta decisión provocou que decaese o financiamento e obrigou agora a adoptar formalmente a renuncia ao procedemento.
A actuación formaba parte de ‘Entre Sar e Sarela’, o proxecto de renaturalización e mellora da biodiversidade urbana de Compostela apoiado pola Fundación Biodiversidade dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e financiado con fondos NextGenerationEU.
Louzao indicou que a intención do executivo era “esgotar as posibilidades” para executar a intervención e deixou aberta a opción de recuperala no futuro no caso de conseguir novas fontes de financiamento.
Outro dos principais acordos da reunión foi a aprobación do expediente para contratar durante os próximos anos o servizo de mantemento do Parque Arqueolóxico da Rocha Forte. A licitación parte dun importe de 93.107,25 euros e tramitarase mediante procedemento aberto simplificado.
O contrato terá unha duración inicial de tres anos, coa posibilidade dunha prórroga adicional dun ano. O Concello busca garantir con este expediente o coidado continuado das estruturas e dos materiais arqueolóxicos conservados no antigo castelo.
Entre as tarefas previstas figuran a conservación dos restos arqueolóxicos, a limpeza do camiño de acceso peonil desde o sueste, o mantemento dos carteis informativos e os traballos sobre a reixa que pecha o recinto.
As intervencións sobre as estruturas deberán realizarse baixo control e seguimento arqueolóxico. Por este motivo, o contrato tamén obriga á empresa adxudicataria a elaborar o correspondente proxecto e a memoria técnica conforme á normativa de patrimonio cultural e de actividade arqueolóxica aplicable en Galicia.
As empresas interesadas disporán de 20 días naturais para presentar as súas ofertas.
A Xunta de Goberno resolveu ademais varias solicitudes de licenza de obra maior en diferentes puntos da cidade. Entre elas figura a autorización para reformar un inmoble situado no número 6 da avenida das Burgas coa finalidade de convertelo nunha residencia para persoas maiores.
O edificio conta con dúas plantas e 1.090,48 metros cadrados de superficie construída. O proxecto autorizado prevé a súa rehabilitación para crear unha residencia con 30 cuartos.
Tamén recibiu licenza unha intervención no número 10 da rúa dos Bautizados, destinada á reforma e substitución da carpintaría exterior dun local, así como outra actuación no número 10 da rúa do Carme de Abaixo, neste caso para realizar traballos de adecuación estrutural da cuberta e mantemento dunha medianeira.
No ámbito da xestión urbanística, o Goberno local autorizou tamén a recepción das instalacións de enerxía eléctrica do SUP-1 de Romero Donallo, executadas pola Xunta de Compensación do sector. Este ámbito urbanístico corresponde ao Plan parcial do SUP-1 de Romero Donallo.
A sesión serviu igualmente para prolongar durante un ano tres lotes do contrato de mediación de riscos e seguros municipais, tramitado a través do acordo marco da Central de Contratación da Federación Española de Municipios e Provincias.
A medida afecta ao Seguro de Responsabilidade Civil, adxudicado a Willis Iberia Correduría de Seguros e Reaseguros; ao Seguro Colectivo de Accidentes e Outros Riscos vinculados a danos sobre as persoas, correspondente á UTE MARX SA Mediadores de Seguros e Asterra Partners; e ao aseguramento dos vehículos municipais, adxudicado a ON Iberia Correduría de Seguros e Reaseguros.
As tres prórrogas comezarán o 10 de setembro e permanecerán vixentes ata o 9 de setembro de 2027.
MÁIS PRAZO PARA XUSTIFICAR AS AXUDAS AO TAXI
En materia social, a Xunta de Goberno acordou ampliar nun mes o prazo de xustificación das axudas para utilizar o taxi como medio alternativo de transporte. Estas subvencións están dirixidas a persoas con dificultades de mobilidade ou con limitacións que lles impiden empregar o transporte colectivo.
O prazo, que inicialmente concluía o 15 de setembro, permanecerá aberto finalmente ata o 15 de outubro.
O executivo tamén tomou coñecemento da sinatura do convenio correspondente á subvención nominativa concedida á entidade ASPAS, dotada con 6.000 euros, para desenvolver un programa de respiro familiar.
Entre os asuntos incorporados por urxencia aprobouse igualmente un suplemento de crédito de 10.000 euros vinculado a un convenio municipal, ademais doutros expedientes de tramitación administrativa.
A RÚA DAS RODAS PODERÁ ABRIR TRAS AS OBRAS
Outro dos acordos urxentes foi a posta a disposición da rúa das Rodas para a súa apertura ao tráfico, unha vez finalizados os traballos realizados na vía. O Concello prevé que a circulación poida recuperarse coincidindo co incremento dos desprazamentos asociado ao inicio do curso escolar.
Louzao precisou que o acordo adoptado este luns é unicamente o trámite administrativo necesario para permitir a reapertura e que non introduce cambios na regulación de tráfico anunciada previamente polo departamento de Mobilidade.
O Concello tiña previsto aplicar unha regulación provisional que converte As Rodas e Valle-Inclán en vías de sentido único durante un período de proba, unha medida sobre a que o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, xa mantivo reunións coa comunidade educativa de La Salle.
“Non houbo ningún cambio a ese respecto”, explicou Louzao, que diferenciou a reapertura física da vía do posterior período de proba sobre a mobilidade. “Isto é simplemente a cuestión formal de poder abrir a rúa despois da obra”, sinalou.
O CONCELLO CONFÍA EN EVITAR A FOLGA DA LIMPEZA DOS COLEXIOS
Na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, a portavoz municipal foi preguntada tamén pola convocatoria de folga do persoal vinculado á limpeza dos centros educativos.
Louzao separou as reivindicacións laborais formuladas polos traballadores das condicións que recolle o contrato municipal e asegurou que o Concello leva durante o verán mantendo contactos tanto coa representación do persoal como coa empresa coa finalidade de facilitar un acordo.
Segundo explicou, o novo servizo incorpora desde o inicio do curso un incremento das horas de limpeza nos colexios, coa introdución de limpeza en horario de mañá en todos os centros e con persoal específico para atender os pavillóns.
A concelleira sinalou que anteriormente determinadas tarefas dos pavillóns recaían sobre conserxes e asegurou que as novas condicións permitirán incrementar a presenza de persoal de limpeza. Tamén indicou que durante o verán se realizaron limpezas en profundidade en centros educativos nos que o Concello consideraba necesarias estas actuacións.
Sobre as reivindicacións formuladas polo persoal, Louzao sostivo que parte delas están fóra tanto do prego municipal como do convenio actualmente aplicable. A portavoz cualificou esas peticións como lexítimas, pero situou a negociación na relación entre a empresa e os seus traballadores.
“Desde o Concello levamos todo este verán e intensamente tamén nestas últimas semanas mantendo unha comunicación fluída tanto cunha representación dos traballadores como coa propia empresa”, afirmou. O obxectivo municipal, engadiu, é que as partes alcancen un acordo que permita evitar que a folga chegue a facerse efectiva, aínda que sinalou que o papel do Concello neste punto é de mediación.
LOUZAO RESPONDE A MERELLES POLA CONECTIVIDADE AÉREA
A portavoz municipal abordou tamén as novas discrepancias entre Concello e Xunta arredor da conectividade do aeroporto Rosalía de Castro. As declaracións chegaron despois das palabras do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, que durante a fin de semana se referiu á polémica sobre Fly2Galicia e sinalou que as explicacións correspondían a quen promovera a chegada do proxecto.
Louzao rexeitou que o Goberno compostelán se atribuíse como propio o mérito pola chegada da iniciativa e avanzou que volverá abordar esta cuestión no Pleno municipal. A concelleira xa anunciara a semana pasada que comparecería na sesión de setembro para explicar os contactos mantidos desde Turismo de Santiago con Fly2Galicia.
A responsable municipal confirmou que Turismo de Santiago mantivo contactos coa operadora e defendeu que o organismo continuará falando con empresas interesadas en introducir novas conexións no aeroporto compostelán. Fronte a isto, cuestionou que a Xunta describise como un contacto de cortesía a súa relación coa iniciativa.
Louzao volveu situar no Goberno galego a responsabilidade de liderar unha política aeroportuaria para o conxunto de Galicia. Concello e Xunta xa abordaran a conectividade nun encontro celebrado en maio entre a propia Louzao e Merelles, no que ambas as administracións acordaran manter novas reunións para avanzar nesta materia.
Noutra das respostas aos medios, a portavoz municipal afirmou tamén que o Goberno compostelán recibirá positivamente os anuncios de investimentos ou actuacións para a cidade que poidan realizar representantes do Executivo central nos próximos meses. Louzao lembrou que durante este mandato varios ministros visitaron Compostela e asegurou que o Concello manterá a disposición a negociar e alcanzar acordos co resto das administracións en asuntos de interese municipal.

