InicioPOLÍTICARosón esixe ao Concello toda a documentación sobre Fly2Galicia e acusa o...

Rosón esixe ao Concello toda a documentación sobre Fly2Galicia e acusa o goberno de non revisar a operativa

A concelleira non adscrita reclama informes, actas, contactos e posibles convenios tras as dúbidas sobre a empresa que operará os voos e critica que o BNG leve agora o asunto ao Congreso

Publicado o

Xornal de Compostela

A concelleira non adscrita de Santiago Mercedes Rosón reclamou ao goberno municipal que faga pública toda a documentación relacionada co proxecto de Fly2Galicia e acusou o executivo que encabeza Goretti Sanmartín de “lavarse as mans” despois das dúbidas xurdidas nos últimos días arredor da operativa anunciada desde o aeroporto compostelán.

Rosón pediu acceso aos informes, actas de reunións, contactos, convenios e calquera outro documento que se puidese ter producido durante os contactos entre o Concello, a empresa municipal de turismo Incolsa e os promotores da iniciativa.

“O exercicio de cinismo do goberno supera todos os límites”, afirmou a edila nun audio remitido este sábado aos medios, no que volveu cargar contra a actuación do executivo local no desenvolvemento do proxecto.

A concelleira contrapuxo a posición adoptada agora polo Concello coas manifestacións realizadas anteriormente desde o departamento municipal de Turismo. Segundo lembrou, antes de que a alcaldesa se desvinculase publicamente da iniciativa o venres, a concelleira responsable desta área falara de meses de traballo desde Incolsa arredor de Fly2Galicia.

“Pretenden facernos crer que, despois de meses de xestións, non sabían quen puña os avións, quen estaba detrás do capital nin que vínculos tiñan”, cuestionou Rosón.

A edila volveu poñer o foco en diferentes aspectos empresariais e operativos difundidos nos últimos días e sostivo que deberían ser aclarados polo goberno municipal. Entre eles citou o capital social da compañía, a súa situación financeira, os medios cos que conta para desenvolver os voos anunciados e as características da aeronave vinculada á operación.

Rosón tamén fixo referencia ás informacións sobre FLYYO, a compañía romanesa que está previsto que opere os voos comercializados por Fly2Galicia. Investigacións publicadas por medios internacionais relacionaron esa aerolínea con diferentes operacións vinculadas a Israel, cuestión que xerou críticas políticas en Santiago durante esta semana.

A propia concelleira non adscrita xa reclamara o xoves “explicacións inmediatas” ao executivo compostelán. As súas críticas sumáronse ás formuladas polo PSOE, tras o que o goberno local difundiu un comunicado no que asegurou que non existían compromisos económicos do Concello con Fly2Galicia.

Rosón avanzara daquela que solicitaría formalmente o expediente administrativo correspondente á iniciativa. Con todo, Sanmartín afirmou o venres, a preguntas dos medios, que non existe tal expediente, ao non terse formalizado apoio económico nin outra fórmula de colaboración municipal.

A concelleira insiste agora en que esa circunstancia non impide que poida existir documentación derivada dos contactos mantidos durante os últimos meses. Por iso, reclama que se coñezan os informes, actas, comunicacións ou reunións que permitan determinar, segundo explicou, que comprobacións realizou o Concello antes de amosar publicamente interese polo proxecto.

ROSÓN CUESTIONA AS COMPROBACIÓNS PREVIAS DO CONCELLO

A edila considera “especialmente grave” que parte das dúbidas sobre a viabilidade empresarial e operativa da proposta xurdisen a partir das informacións difundidas por medios de comunicación e non, segundo sostén, como consecuencia dunha análise previa realizada pola administración municipal.

“Despois deses supostos meses de xestións, tiveron que vir os xornalistas a facer a auditoría que o Concello non fixo”, manifestou.

Entre os puntos que Rosón reclama aclarar están a estrutura societaria de Fly2Galicia, a situación económica do seu promotor e a capacidade efectiva para poñer en marcha as rutas anunciadas desde Santiago.

A concelleira tamén demanda información sobre o coñecemento que tiña o goberno local acerca da participación de FLYYO na operativa e sobre as relacións desta compañía con Israel recollidas en investigacións xornalísticas internacionais.

Esta cuestión chegou tamén ao ámbito estatal. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anunciou unha iniciativa para pedir ao Goberno central e a Aena que revisen a solicitude de ‘slots’ vinculada a Fly2Galicia no aeroporto Rosalía de Castro e que non se autorice se se confirman determinadas informacións relacionadas coa compañía que operará os voos.

Rosón considera contraditorio que o Bloque impulse agora esa actuación en Madrid mentres, ao seu xuízo, quedan preguntas por responder sobre a intervención previa do Concello de Santiago.

“É o colmo do despropósito que o BNG corra agora ao Congreso a pedir investigacións en Madrid para desviar a atención e tapar a súa propia incompetencia en Santiago”, afirmou.

Para a concelleira non adscrita, antes de reclamar comprobacións noutras administracións, o executivo municipal debería explicar que información tiña sobre o proxecto, que documentación chegou a analizar e en que condicións se desenvolveron os contactos mantidos desde Incolsa.

“O primeiro que debería facer é explicar que coñecía o goberno de Santiago, que información manexou e por que decidiu apoiar o proxecto”, concluíu Rosón.

ÚLTIMAS

Un novo recurso volve frear a tramitación do contrato do bus urbano de Santiago

A tramitación do novo contrato do transporte urbano de Santiago de Compostela afronta un...

O Atardecer no Gaiás reúne 15.000 persoas e pecha a súa segunda edición con máis público

O ciclo Atardecer no Gaiás congregou 15.000 persoas na súa edición de 2026, segundo...

O Concello destina parte da taxa turística a renovar o firme de Doutor Teixeiro e outras dúas rúas

O Concello de Santiago está a completar a renovación do pavimento das rúas Doutor...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres...

Verea tira de ironía ante o choque no bipartito pola polémica de Fly2Galicia: “Que pasa, bro?”

Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres...

Marta Abal denuncia a suspensión das rutas nocturnas de atención ás persoas sen fogar en Santiago

O Grupo Municipal Socialista de Santiago denunciou este sábado a suspensión das rutas nocturnas...

Verea esixe que o novo contrato do bus manteña a gratuidade para os xubilados de Santiago

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, reclamou este sábado ao Goberno municipal...