Compostela Aberta (CA), socio do BNG no Goberno municipal de Santiago, expresou este venres o seu rexeitamento á implantación de Fly2Galicia na capital galega despois das informacións coñecidas nos últimos días arredor das empresas que participan na súa operativa aérea e da súa vinculación con capital israelí. O posicionamento chega nun momento no que o Concello trata de delimitar o alcance da colaboración que mantivo durante os últimos meses coa turoperadora.
A formación encabezada pola tenente de alcaldesa, María Rozas, trasladou a súa postura mediante unha mensaxe publicada na rede social X, na que se pronunciou tamén contra un eventual respaldo público a compañías relacionadas con actuacións de Israel en Gaza.
“Perante as últimas informacións sobre Fly2Galicia, CA reitera o seu rexeitamento a que no noso país operen empresas implicadas nas políticas xenocidas do Estado de Israel e a calquera apoio institucional a entidades sospeitosas desa colaboración co xenocidio en Gaza”, sinalou a organización.
Trátase do primeiro posicionamento público de Compostela Aberta como formación sobre a controversia, despois de que ao longo desta semana se coñecesen novos datos sobre a estrutura empresarial que sostén os voos anunciados desde o aeroporto de Santiago.
A mensaxe provocou tamén a reacción do líder do PP compostelán, Borja Verea, que ata o momento non fixera unha valoración pública sobre o fondo desta cuestión. Verea respondeu á publicación de CA cunha breve mensaxe de carácter irónico dirixida á relación entre os dous socios do Executivo local: “Que pasa, bro?”.
¿Qué pasa, bro? @bngcompostela https://t.co/Hiw4CBUEms
— borja verea (@borja_verea) August 21, 2026
O pronunciamento de Compostela Aberta prodúcese despois de que o Concello modificase e precisase nos últimos días as explicacións sobre a relación mantida con Fly2Galicia. A comezos desta semana, o Goberno municipal asegurara que levaba “meses axudando” para que o proxecto puidese saír adiante.
Posteriormente, e tras transcender as informacións relativas ás compañías vinculadas coa operación, Raxoi difundiu un comunicado no que indicou que o seu coñecemento sobre as posibles conexións con Israel “se limita” ao publicado polos medios de comunicación. O Executivo compostelán reiterou nesa comunicación o seu compromiso “coa paz, co respecto aos dereitos humanos e co fin do sufrimento do pobo palestino”.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, deu este venres un novo paso para delimitar a posición municipal e asegurou que “nin houbo nin haberá” apoio económico á turoperadora, ao tempo que descartou que o Concello vaia prestar outro tipo de colaboración á empresa.
ROSÓN PIDE O EXPEDIENTE COMPLETO
A controversia chegou tamén ás concelleiras non adscritas. Mercedes Rosón reclamou este xoves ao Goberno de Goretti Sanmartín “explicacións inmediatas e sen rodeos” sobre a participación municipal no proxecto e anunciou que solicitarán formalmente por rexistro o acceso íntegro ao expediente administrativo relacionado coa chegada de Fly2Galicia a Lavacolla.
Rosón considera que os datos coñecidos ata agora abren interrogantes sobre diferentes aspectos da operación e sostén que é necesario determinar tanto o papel do Concello como o desenvolvido por Turismo de Santiago.
“Non estamos ante unha simple anécdota comercial. Estamos ante un proxecto avalado institucionalmente polo Concello que presenta demasiadas sombras e sobre o que a veciñanza ten dereito a coñecer toda a información”, afirmou.
Unha das principais cuestións que as concelleiras non adscritas queren esclarecer é se existiu algún tipo de compromiso económico ou administrativo por parte do Concello ou de Turismo de Santiago. Rosón remítese ás primeiras declaracións municipais, nas que o Executivo recoñeceu que colaborara durante meses para facilitar a posta en marcha da operativa.
“Queremos saber exactamente que apoio se prestou, en que consistiu esa mediación e se existiron compromisos económicos, patrocinios, contratos menores ou convenios con cargo ao orzamento municipal ou aos fondos destinados á promoción turística”, explicou.
Por este motivo, reclamarán que no expediente figuren os posibles contratos, convenios ou acordos relacionados coa operación, así como calquera documento relativo á utilización de recursos públicos.
“O diñeiro dos composteláns non pode poñerse ao servizo de operacións empresariais sen coñecer previamente en que consisten, que garantías ofrecen e cal é o papel que está desempeñando o Concello”, manifestou Rosón.
AS GARANTÍAS DA OPERATIVA AÉREA
As concelleiras non adscritas tamén poñen o foco na estrutura utilizada para operar os voos anunciados desde o aeroporto Rosalía de Castro, ao actuar Fly2Galicia como comercializadora mentres a actividade aérea depende doutras compañías.
Rosón reclama coñecer que información tiña o Concello sobre este modelo antes de colaborar coa posta en marcha do proxecto e se desde Raxoi se realizaron comprobacións relativas á capacidade técnica ou financeira das empresas implicadas.
“Estamos falando dunha comercializadora que non dispón de licenza propia nin frota e que depende de terceiros operadores. Ante esta realidade, queremos saber quen responde ante os viaxeiros se se producen cancelacións ou problemas coa operativa e que garantías lle pediu o Concello á empresa”, indicou.
A edil sostén que unha administración municipal non debe exercer como respaldo dun proxecto empresarial sen coñecer previamente a súa solvencia e as condicións nas que vai funcionar. “O mínimo esixible é transparencia e rigor cando está en xogo a conectividade do aeroporto e a confianza dos viaxeiros”, engadiu.
AS RELACIÓNS EMPRESARIAIS CON ISRAEL ENTRAN NO DEBATE MUNICIPAL
A posible vinculación da estrutura empresarial da operación con capital ou compañías relacionadas con Israel converteuse, ademais, nun dos principais elementos do debate político arredor de Fly2Galicia.
Rosón considera que o Goberno local debe explicar que coñecemento tiña destas relacións cando comezou a colaborar co proxecto e cuestionou a compatibilidade desta actuación coa posición política mantida polo BNG sobre Gaza.
“Resulta rechamante ver a un Goberno do BNG que fai bandeira pública e constante de determinados posicionamentos internacionais avalar, ás agachadas e sen transparencia desde os despachos de Raxoi e Incolsa, unha operación sustentada en aeronaves e capital vencellado a Israel”, declarou.
Segundo a concelleira non adscrita, o Concello debe aclarar non só que empresa será a encargada de efectuar materialmente os voos, senón tamén a composición da estrutura societaria e financeira vinculada ao proxecto e a información da que dispoñía Turismo de Santiago cando decidiu colaborar coa iniciativa.
“Hai unha contradición evidente entre o discurso político do BNG e o que está facendo desde o Goberno municipal. Se o Concello está apoiando unha operativa que depende dunha compañía con actividade e vínculos directos con Israel, debe explicalo publicamente e con toda a transparencia”, afirmou.
RECLAMAN UNHA ESTRATEXIA PARA LAVACOLLA
A petición de documentación das concelleiras non adscritas abrangue tamén os informes técnicos e xurídicos que puidesen terse elaborado, as garantías solicitadas á empresa e a estrutura financeira que sostén os voos.
Rosón enmarcou a polémica nun debate máis amplo sobre a política municipal para o aeroporto compostelán e pediu unha planificación estable da conectividade de Lavacolla, baseada en acordos públicos e operadores con capacidade para manter as rutas no tempo.
“Lavacolla precisa unha estratexia aeroportuaria seria, profesional, con convenios transparentes e operadores solventes que aseguren a conectividade de Santiago e de Galicia a longo prazo. O noso aeroporto non se defende con parches, intermediarios pantasma nin improvisacións para salvar titulares de verán”, afirmou.
As concelleiras non adscritas anuncian así que reclamarán formalmente toda a documentación sobre a colaboración de Turismo de Santiago con Fly2Galicia, os eventuais recursos públicos comprometidos e as condicións nas que se produciu o contacto coa compañía.
“Queremos os contratos, os informes e toda a documentación enriba da mesa. A alcaldesa e a concellería de Turismo teñen que dar a cara e explicar canto custou esta operación, que avalaron exactamente e por que decidiron apoiala. Santiago merece saber que hai detrás de Fly2Galicia”, concluíu Rosón.

