O Concello de Ames mantén aberto ata o próximo 14 de setembro o prazo para solicitar as axudas municipais destinadas ao apoio económico das familias numerosas do municipio. A convocatoria correspondente ao exercicio 2026 conta cunha partida global de 100.000 euros e inclúe contías de ata 1.500 euros por unidade de convivencia no caso das familias monoparentais.
As bases foron publicadas o venres 14 de agosto no Boletín Oficial da Provincia e o período para presentar as solicitudes comezou o sábado 15. Segundo establece a convocatoria promovida pola Concellaría de Benestar Social, as subvencións buscan apoiar os gastos das unidades familiares, favorecer a permanencia da poboación no municipio e contribuír á evolución demográfica de Ames.
Con carácter xeral, as persoas beneficiarias recibirán 1.200 euros por unidade de convivencia. A principal novidade desta edición afecta ás familias monoparentais, para as que a achega ascende aos 1.500 euros. Pola súa banda, as familias acolledoras con menores en réxime de acollemento temporal percibirán unha cantidade proporcional ao período durante o que se manteña esa situación.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “estas axudas teñen o obxectivo de axudar a aquelas familias que máis dificultades económicas teñan para a crianza das súas fillas e fillos, á fixación de poboación e á continuidade do crecemento demográfico do concello”. A edil engade que “nesta convocatoria increméntase a 1.500 euros as axudas por unidade de convivencia de familias monoparentais”.
Para acceder á convocatoria será necesario que a familia teña establecida a súa residencia habitual en Ames durante, como mínimo, un ano de maneira ininterrompida. Ademais, deberá cumprir os requisitos para ter a consideración de familia numerosa establecidos pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia ou por organismos equivalentes doutras comunidades autónomas.
As bases contemplan algunhas excepcións relacionadas co empadroamento. Se un dos proxenitores traballa fóra de Galicia e non figura empadroado en Ames, deberá presentar unha copia do contrato laboral e documentación que permita acreditar a súa residencia efectiva.
Nas familias monoparentais, será suficiente que o pai ou a nai que teña atribuída a custodia dos menores estea empadroado no municipio coa antigüidade mínima dun ano. O mesmo criterio se aplicará ás persoas que exerzan como titoras de menores.
A convocatoria condiciona tamén a concesión das subvencións á situación económica da unidade de convivencia. A persoa solicitante deberá achegar a declaración do IRPF correspondente ao exercicio 2025.
O límite de ingresos netos anuais será de 14.108,01 euros para familias con tres fillos; 16.734,20 euros con catro; 18.990,57 euros con cinco; 21.168,97 euros con seis; 23.227,84 euros con sete; e 25.274,65 euros para as unidades con oito fillos.
No caso das familias con máis de oito fillas ou fillos, ao límite correspondente engadiranse 1.803,73 euros por cada membro adicional.
CONDICIÓNS SOBRE O PATRIMONIO
Xunto aos ingresos, o Concello terá en conta o patrimonio da unidade familiar. Para as familias con tres fillos, este deberá situarse por debaixo dos 36.636,52 euros. O máximo será de 44.777,96 euros para catro fillos, 52.919,41 euros para cinco, 61.060,86 euros para seis, 69.202,31 euros para sete e 77.343,76 euros para oito.
A partir do noveno fillo, o límite patrimonial poderá incrementarse en 8.141,45 euros por cada membro adicional.
As bases exclúen da condición de beneficiarios os proxenitores que estean privados da patria potestade. Tampouco poderán acceder ás achegas cando a curatela fose asumida por unha institución pública.
Se un mesmo menor está incluído en dous títulos de familia numerosa, a subvención corresponderá unicamente ao proxenitor que teña atribuída a súa custodia.
SOLICITUDES ATA O 14 DE SETEMBRO
A documentación poderá presentarse ata o 14 de setembro de 2026 de maneira telemática a través da Sede electrónica do Concello de Ames.
Tamén se poderá tramitar presencialmente nas oficinas de asistencia en materia de rexistro da Casa do Concello e da oficina municipal do Milladoiro, así como mediante calquera dos sistemas previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

