InicioPOLÍTICAMercedes Rosón: "Aprendemos a ser aínda máis dignas e máis coherentes co...

Mercedes Rosón: “Aprendemos a ser aínda máis dignas e máis coherentes co que sempre pensamos”

A concelleira non adscrita defende que a súa candidatura propia para 2027 nace da conexión coa veciñanza e dunha etapa política na que, asegura, seguiron adiante "sen absolutamente ningún recurso"

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Mercedes Rosón fala hoxe con Xornal de Compostela poucos días despois de anunciar que encabezará unha candidatura propia ás eleccións municipais de 2027 en Santiago. A concelleira non adscrita, expulsada do PSOE xunto a Mila Castro, Marta Álvarez e Gonzalo Muíños durante este mandato, defende que o novo proxecto nace dunha demanda cidadá e dunha forma de entender a política local baseada na proximidade, no diálogo e na independencia respecto das estruturas dos grandes partidos.

Rosón evita concretar nomes ou siglas da futura candidatura, pero insiste en que aspiran a gobernar. Tamén fai balance destes anos como concelleira non adscrita, cuestiona a xestión do actual goberno municipal e reivindica unha maior conexión entre o Concello, a veciñanza, as parroquias, os barrios e a Universidade de Santiago de Compostela.

Falando da candidatura que propoñedes. Había dúbidas sobre os pasos que seguirían as non adscritas. Quizais poderiades encaixar noutra lista antes de decidir presentarvos pola vosa conta. Por que considerades que cómpre unha candidatura independente? Que lle falta á política compostelá?

Eu creo que é un clamor. Polas razóns que sexan, que seguro que todas e todos coñecemos, hai un problema de desconexión moi grande por parte da sociedade cos partidos tradicionais. A política municipal é unha política que esixe unha cercanía constante. Eu creo que o modelo tradicional está nunhas horas baixas por razóns múltiples.

Nunca, en ningún momento, pensamos en incorporarnos a ningunha outra candidatura. Realmente valoramos, dende hai moitas semanas, a posibilidade de dar o paso que demos a semana pasada. E démolo despois de facer unha reflexión conxunta entre todos os que formamos parte desta iniciativa, fundamentada nunha demanda directa de moitas persoas que levan achegándose a nós dende hai moito tempo para pedirnos que seguiramos en política.

Supoño que iso responde a que realmente estamos conectados coa cidade, co concello enteiro e coas persoas que o habitan.

Ten que ver tamén coa filosofía que estades levando agora dende a oposición, como concelleiras non adscritas?

Exactamente. Xa antes de que a historia nos colocase como non adscritas, sempre entendemos o compromiso coa veciñanza como motor da nosa vida política. Non hai outra razón que non sexa ese compromiso, esa vocación por cumprir e polo servizo público.

Creo que estamos acreditando todos os días que queremos a Santiago de Compostela. Queremos e defendemos a Santiago de Compostela.

Na presentación da vosa candidatura avanzastes que aínda non tiñades nin siglas nin nome, aínda que explicastes que iso non era o máis importante. Pero non é o mesmo concorrer cun gran partido, como o Partido Socialista, o BNG ou o Partido Popular, que facelo cunha estrutura nova. É complicado construír unha alternativa con opcións reais de goberno sen ese aparato, sen unha marca estatal e sen os recursos habituais dos partidos?

Eu creo que non, que a xente se está identificando co que somos. Neste momento as siglas e o nome non son importantes, porque si que teremos siglas e teremos nome, por suposto. Pero traballamos co obxectivo, como dicía antes, de conectar coas veciñas e veciños de Santiago de Compostela a través dun modelo que garanta constantemente esa conexión directa con nós.

Creo que acreditamos en todos estes últimos anos, tan complicados para nós, que a pesar das circunstancias, a pesar de quedarnos sen absolutamente ningún recurso, fomos quen de non desaparecer. Aquí estamos, contentas, enteiras, libres e moi satisfeitas do paso que demos e anunciamos a semana pasada.

Nos últimos días escoitáronse voces que apuntan a que a vosa candidatura pode restar votos á esquerda, ao BNG, ao PSOE ou a Compostela Aberta, e fragmentar aínda máis ese espazo. Hai quen di que iso podería favorecer a Borja Verea.

Eu creo que ese é un argumento que utilizan algúns para xustificar probablemente o seu futuro. Creo que ese argumento precisamente fai o que expresan, o que queren dicir: que fragmentamos. Eu creo que a democracia é a expresión múltiple de todas as persoas libres que queiran concorrer a calquera proceso electoral.

E o que estamos facendo nós é de unidade, pero si con moito convencemento, con moita convicción e con moitas ganas de seguir traballando por este pobo que é Santiago de Compostela, ao que tanto nos debemos.

Falastes tamén moito de defender Compostela antes que o partido, antes que as siglas e antes que outras cuestións. Nesa filosofía de defender Compostela hai unha crítica ao resto de formacións?

Non. En principio, o que queremos, o que somos, é o que acabas de expresar e o que dixemos o martes pasado e o que digo eu agora. Nós debémonos, como non pode ser doutra maneira, como debería ser sempre, á cidadanía do noso concello, de Santiago de Compostela. Fundamentalmente, o que fagan outros é o seu problema.

Dende logo, o noso horizonte sempre estivo moi claro. Creo que, como dicía antes, polo noso facer, polos nosos feitos, se nos coñecerá e se nos coñece.

E eu creo que ese recoñecemento desa coherencia, dese compromiso e dese afecto cara á xente que habita Compostela, ese respecto que temos cara aos habitantes de Compostela, está máis que acreditado. Non tomamos nin unha soa decisión en todos estes anos que fose en contra dos intereses de Santiago de Compostela.

Estes anos como concelleiras non adscritas foron unha situación que seguramente non imaxinabades ao comezo do mandato. Que se aprende de pasar de traballar nun partido e cunhas siglas a facelo practicamente sen orzamento e sen moitos recursos?

Eu creo que se aprendeu a ser aínda máis dignas e máis coherentes co que sempre pensamos. E claramente, moi probablemente, as decisións que tomaron outros por nós, expulsándonos do partido, tiñan que ver con que pensaron que nós, ao quedarnos sen absolutamente nada, declinaríamos no noso empeño.

Repito: seguimos aquí, contentas, absolutamente decididas e realmente moi emocionadas por como a cidade, o pobo de Santiago, está respondendo con nós, con moitísimo afecto, cunha comprensión absolutamente emocionante. Porque sabemos que este é un proceso longo, moi complicado de entender, absolutamente irracional, e, con todo, a cidadanía de Santiago de Compostela entendeu perfectamente o que pasou.

Realmente non o entenden, e iso fai que con este paso que demos hai unha semana o nivel de apoio que estamos recibindo, se antes era grande, agora realmente é inmenso.

Moita xente pensa que todo isto vén dunha ruptura co Partido Socialista, que é a orixe do proceso. Pero agora achégase unha nova elección dentro de menos dun ano e pode haber necesidade de negociación, non só co PSOE, senón con outras forzas. Que opcións existen?

Dixemos o martes que aspiramos a goberna. Se eu chego a ser alcaldesa, e por suposto espero que así sexa, temos que chegar a acordos con todo o mundo, porque a democracia é gobernar, é mirar para todo o mundo, é dar a man a todo o mundo para poder chegar a onde queremos chegar, que non é máis que facer de Santiago unha cidade mellor.

Dende a vosa posición fostes bastante críticas coa xestión do mandato do BNG e Compostela Aberta. Cal é o principal problema que está tendo o goberno local?

É incuestionable. Eu creo que non hai ninguén en Santiago que poida defender a xestión que está facendo neste momento o equipo de goberno do Concello de Santiago. Estamos vendo perfectamente como esta cidade está pasando por un momento realmente bastante preocupante.

A que niveis é preocupante?

Preocupante a nivel de moitas cousas, pero a nivel de xestión é máis que evidente. Hoxe, cando eu chego moi cedo á Reitoría todos os días, todo o espazo público estaba absolutamente impresentable para ser a capital de Galicia, unha cidade Patrimonio da Humanidade. Realmente non se está xestionando. Iso é así. Non merece a xestión que están facendo dela.

Mires por onde mires, dando un paseo longo pola cidade histórica, vexo que de repente, certo que por razóns diversas e que non é responsabilidade única do goberno actual, a rehabilitación da cidade histórica rematou hai moito tempo.

Realmente estanse pechando casas enteiras porque non se está rehabilitando, non hai políticas de rehabilitación, non hai políticas de vivenda, non hai unha política de xestión diaria de todas as concesionarias, que son as que manteñen a nosa cidade, porque non hai coordinación, non hai liderado dentro do Concello. E iso creo que é incuestionable.

Sobre a vosa candidatura, sei que non ides adiantar nomes da lista, porque probablemente aínda non estea pechada ou porque non queirades contalo. Pero que tipo de persoas se van incorporar? Buscades nomes coñecidos en Compostela ou perfís máis discretos pero con moita capacidade?

A ver, como comprenderás, neste momento estamos traballando para empezar a configurar un proxecto de cidade que permita abordar todos os retos que ten Compostela, todas as deficiencias que ten Compostela neste momento e todos os retos de presente e futuro que ten a nosa cidade.

Para iso, que imos facer? Conectar coa xente de Santiago de Compostela para facela partícipe deste proxecto. Queremos que se incorporen non persoas concretas, senón todas as persoas que queiran incorporarse.

Realmente facemos un chamamento a un traballo conxunto, tranquilo, sensato e ambicioso do que necesita Compostela. Os nomes xa virán cando teñan que vir. Nós queremos presentarnos e queremos facer un programa electoral, non nós, queremos facelo co pobo de Santiago de Compostela, coa xente que habita Santiago de Compostela.

Preocúpalle que a xente non saiba entender iso?

Eu creo que si que van entendelo perfectamente. E estano entendendo, porque o digo sen ningún tipo de esaxeración. Nestes últimos días recibimos chamadas, correos electrónicos, mensaxes a través de todas as redes de xente que algunha coñecemos e algunha que non coñecemos para poñerse ao noso lado.

Iso é o que queremos. Construír con elas un proxecto ilusionante, realista, libre e xusto para o que Santiago precisa.

Vostede traballa na Universidade e forma parte tamén desa realidade. Recentemente falouse moito da relación entre a USC e a cidade, no marco das eleccións á Reitoría que houbo hai uns meses. Como entende ese vínculo e que papel debería ter a Universidade en Santiago?

Eu son parte da Universidade. Deixarei de selo non moi tarde, porque xa son maior e por idade. Pero forma parte da miña vida, como forma parte da vida de moitísima xente de aquí, de fóra de aquí e de fóra tras os mares tamén, porque aquí formouse moita xente de todo o mundo.

Unha universidade cinco veces centenaria chea dun patrimonio marabilloso. Eu emocional e profesionalmente estou absolutamente ligada a ela. É parte da miña vida: da miña vida profesional e da miña vida persoal. Probablemente aquí fixen os proxectos máis fermosos vida e estou moi agradecida á miña institución, que é esta.

Por suposto que é unha parte fundamental da cidade. O peso que ten e que tivo sempre a Universidade de Santiago dentro da cidade foi absoluto e incuestionable. Creo que ese binomio cidade-universidade debería estar moito máis compactado.

Teño claro que hai que traballar dunha forma conxunta porque compartimos moitos, moitísimos retos. Falamos agora da investigación. A Universidade de Santiago de Compostela é pioneira en moitos proxectos científicos que compiten co mundo enteiro.

E iso ten que ver con proxectos empresariais, con futuro, con emprego, con educación de calidade. Moita xente tamén académica e docente dentro da Universidade temos a sorte de ter unha muller reitora, Rosa Crujeiras, cunha formación excepcional, cun coñecemento enorme da institución, do seu pasado, do seu presente e do seu futuro.

Estou convencida, completamente convencida, de que o futuro pasa por unha alianza absoluta entre as dúas partes.

ÚLTIMAS

Desaloxan por segundo día consecutivo un peregrino acampado nos soportais do Pazo de Raxoi, no Obradoiro

A Policía Local desaloxou por segundo día consecutivo un peregrino que acampou nos soportais...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que desbloquee as obras de García Lorca e atenda as demandas de Guadalupe

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que adopte medidas para...

Sanmartín destaca a proxección internacional do Premio Compostela para Álbums Ilustrados, que recibe 265 obras de diferentes países

O XIX Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados xa ten obra gañadora. A alcaldesa...

O Concello de Santiago reforza coa asociación Movemento pola Paz a atención xurídica á poboación migrante

O Concello de Santiago reforzará a atención integral ás persoas migrantes empadroadas ou residentes...

O PSOE reclama ao Goberno de Santiago que desbloquee as obras de García Lorca e atenda as demandas de Guadalupe

O Grupo Municipal Socialista de Santiago reclamou ao Goberno local que adopte medidas para...

O Concello prevé que a Plataforma Loxística comece a funcionar este ano

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou este luns o pagamento ao Consorcio...

O PSOE de Santiago acusa á Xunta do novo colapso nas urxencias do CHUS

O PSOE de Santiago denunciou este venres a situación das urxencias do Complexo Hospitalario...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here