O Pleno municipal de Santiago aprobou este xoves unha proposta dos concelleiros non adscritos para abordar os problemas de seguridade e convivencia na cidade e avanzar cara a un pacto local pola seguridade e a convivencia. A iniciativa contou cos votos a favor dos edís non adscritos, do PSOE e do PP, mentres que o BNG e Compostela Aberta optaron pola abstención. Non se rexistraron votos en contra, polo que a proposición quedou aprobada.
A proposta foi defendida polo concelleiro non adscrito Gonzalo Muíños, que reclamou unha resposta “urxente” ante os episodios de conflitividade denunciados en diferentes puntos do municipio. Na súa intervención, Muíños sostivo que o Goberno local comete un erro ao “reducir ou subestimar” a situación e rexeitou que se fale só dunha percepción cidadá. “Non son nin sensacións, nin percepcións”, afirmou, en referencia aos feitos que enumerou durante o debate.
O edil citou, entre outros casos, agresións, pelexas con armas brancas, intentos de asalto, a aparición de persoas feridas na contorna de Santa Marta e A Choupana, a presenza de xiringas, problemas vinculados a inmobles ocupados e episodios relacionados co consumo e venda de drogas. Segundo defendeu, estes feitos deben ser tratados desde o “rigor” e non desde a confrontación partidista.
Muíños insistiu en que a súa proposta busca abrir un espazo de traballo compartido entre a Corporación, a veciñanza, os corpos de seguridade, persoal técnico e servizos sociais. O obxectivo, sinalou, é crear unha mesa de diálogo que permita acordar medidas concretas e avanzar nun pacto local. “Queremos retirar este tema da confrontación partidista”, afirmou, ao tempo que pediu ao Goberno local que lidere o proceso e permita a participación do resto dos grupos.
Desde Compostela Aberta, o concelleiro Xan Duro respondeu que a seguridade debe abordarse sen análises simplificadas e lembrou que parte da problemática, especialmente no caso dos puntos de venda de droga, non é só policial, senón tamén de saúde pública. Duro apuntou que, se existen puntos de venda, é porque hai demanda e advertiu de que o problema require unha resposta “integral, coordinada e sostida no tempo”.
O concelleiro tamén defendeu que xa se están producindo actuacións policiais e citou o peche de puntos de tráfico de droga en diferentes zonas, así como detencións realizadas pola Policía Local desde comezos de ano. Segundo indicou, desde o 1 de xaneiro a Policía Local realizou 51 detencións, sen contar as relacionadas con delitos contra a seguridade viaria. Ademais, lembrou que a Xunta Local de Seguridade se reuniu o pasado 3 de xuño e que nela se abordaron as distintas problemáticas existentes na cidade.
Duro tamén subliñou que a interlocución con colectivos e entidades veciñais é continua e que existe coordinación entre corpos policiais e persoal técnico. Con todo, admitiu que “pode ser facer máis” e asegurou que a vontade do Goberno é seguir explorando vías de traballo para mellorar a convivencia e a percepción da veciñanza.
O PSOE, a través de Gumersindo Guinarte, anunciou o seu voto favorable ao considerar que a proposta coincide en boa medida cunha iniciativa socialista anterior, aprobada no Pleno municipal en febreiro de 2025. Guinarte lembrou que daquela xa se pedía a convocatoria da Xunta Local de Seguridade, a creación dunha comisión permanente e a elaboración dun pacto local, aínda que sinalou que só se cumpriu a parte relativa á xunta.
O edil socialista mostrou reservas sobre a expresión “plan de choque”, ao entender que a problemática ten unha dimensión estrutural e non pode resolverse con medidas puntuais. Tamén apoiou instar o Ministerio do Interior a reforzar os medios destinados á seguridade cidadá, aínda que lembrou que, segundo os datos trasladados na Xunta Local de Seguridade, Santiago conta actualmente con máis axentes da Policía Nacional que en anos anteriores.
Guinarte puxo en valor a intervención previa da Plataforma Santa Marta Segura, á que atribuíu unha posición equilibrada ao reclamar unha actuación integral. O concelleiro socialista advertiu ademais contra o uso partidista deste asunto e pediu tratalo sen “botar leña ao lume”. Na súa segunda intervención, defendeu que Santiago é “unha cidade segura”, aínda que iso non implica, matizou, que non haxa problemas que abordar.
O PP, pola súa banda, apoiou a proposta e acusou o Goberno local de minimizar unha preocupación que, ao seu xuízo, está presente en distintos barrios da cidade. Borja Verea reclamou máis presenza policial, reforzo dos efectivos, ampliación das cámaras de videovixilancia en puntos estratéxicos, mellora da iluminación e espazos permanentes de diálogo coa veciñanza. O portavoz popular considerou que o debate sobre a seguridade non debe ser interpretado como alarmismo cando existen queixas veciñais.
Verea afirmou que o problema é político e non técnico, xa que, segundo dixo, os corpos e forzas de seguridade realizan o seu traballo. O portavoz do PP defendeu que a seguridade forma parte da calidade de vida dunha cidade e pediu un Goberno que escoite as demandas veciñais e actúe con firmeza. Tamén puxo exemplos de zonas nas que, segundo trasladou, se producen situacións recorrentes que afectan á tranquilidade da veciñanza.
Na quenda de peche, Gonzalo Muíños reiterou que a súa intención é buscar puntos en común e non fomentar a crispación. O concelleiro non adscrito considerou que a convocatoria da Xunta Local de Seguridade chegou despois da presentación da súa proposta e insistiu en que a alcaldesa, como máxima responsable municipal, debe asumir o liderado político nesta materia.
Xan Duro respondeu que o Goberno local está actuando con responsabilidade e discreción, permitindo traballar aos corpos de seguridade e aos servizos sociais. Tamén destacou os datos do primeiro trimestre de 2026, segundo os cales a criminalidade convencional en Santiago baixou case un 20%, fronte ao descenso do 1,7% no conxunto de Galicia. O edil pediu evitar a confusión arredor dalgunhas categorías estatísticas, como a relativa a delitos de lesións e riñas tumultuarias.
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, pechou o debate asegurando que a seguridade é un asunto que “preocupa e ocupa” tanto ao Goberno local como á Concellería de Convivencia. Sanmartín defendeu que se veñen mantendo reunións coa veciñanza, encontros con corpos de seguridade e xuntas locais de seguridade, e insistiu en que se trata dun problema complexo que require coordinación institucional, traballo policial, prevención e actuación social.
A rexedora subliñou que algunhas das problemáticas mencionadas non afectan só a Santiago, senón tamén a outros territorios, especialmente no relacionado co consumo de drogas. Por iso, reclamou unha resposta integral e continuada no tempo. Sanmartín concluíu que o Goberno local continuará traballando coa veciñanza e coas administracións competentes, e puxo en valor que Santiago segue sendo “un bo concello e unha boa cidade para vivir”.

