InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOO Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e...

O Concello leva o patrimonio das parroquias de Santiago á hostalaría e aos centros educativos

O proxecto 'Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas Parroquias' inclúe 65.000 manteis ilustrados para locais de hostalaría e materiais didácticos para máis de 4.000 escolares

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto ‘Compostela Iconográfica. Patrimonio Vivo nas Parroquias’, unha iniciativa transversal que busca divulgar a riqueza patrimonial e natural do rural compostelán entre a veciñanza, a comunidade educativa e as persoas que visitan a cidade. A proposta foi presentada pola concelleira de Turismo e Educación, Míriam Louzao, e pola concelleira do Rural, Pilar Lueiro, acompañadas por Diniz Cabreira e Anxo Viqueira, integrantes da cooperativa Sacauntos, responsable da creación do proxecto.

A iniciativa parte da idea de que Santiago de Compostela é moito máis ca a súa améndoa histórica e conta cun territorio rural de grande extensión, no que se localizan elementos patrimoniais, naturais e culturais de interese. Segundo explicou Louzao, o proxecto nace coa vontade de dar a coñecer ese legado tanto ás persoas que chegan á cidade como á propia cidadanía compostelá.

A concelleira sinalou que Compostela é un dos concellos máis extensos de Galicia e que, fóra do seu centro histórico, conserva unha importante riqueza nas parroquias. Nese contexto, defendeu a necesidade de “poñer en valor este legado” e de espertar o interese polo rural compostelán, tamén dende o ámbito turístico.

O proxecto inclúe dúas liñas principais de difusión. Por unha banda, Turismo de Santiago distribuirá 65.000 manteis de papel ilustrados entre establecementos de hostalaría. Estes manteis incorporan un mapa coas parroquias do municipio e un símbolo específico asociado a cada unha delas. A idea, segundo explicou Louzao, está inspirada na filosofía fundacional de Sargadelos, vinculada á incorporación da historia e da cultura galega aos obxectos de uso cotián.

Os establecementos hostaleiros poderán solicitar os manteis a través de Turismo de Santiago, que enviará información aos locais incluídos na súa base de datos. O Concello tamén habilitará información na súa páxina web para que calquera negocio interesado poida pedir exemplares. A intención municipal é repartir toda a tirada e valorar novas edicións no caso de que sexa necesario.

A segunda liña do proxecto está dirixida á comunidade educativa. O Concello elaborou carteis para as aulas dos 16 centros públicos de Santiago, entre eles os 13 CEIP e as 3 escolas unitarias, así como trípticos individuais para o alumnado. En total, segundo precisou Louzao, repartíronse máis de 4.000 trípticos entre nenos e nenas.

Estes materiais convidan o alumnado e as súas familias a visitar as parroquias do rural compostelán. O tríptico inclúe unha pequena casiña baleira xunto a cada parroquia para que as crianzas poidan ir marcando aquelas que visiten, a modo de xogo ou rexistro familiar. Ademais, conta cun código QR que dá acceso a información sobre cada parroquia e á súa localización en Google Maps.

Louzao explicou que, aínda que o curso está xa na súa recta final, o proxecto poderá ter continuidade nos vindeiros meses e ser incorporado polos centros educativos aos seus programas de traballo. A concelleira indicou que a iniciativa será abordada tamén no Consello Municipal de Educación e apuntou que algúns centros xa manifestaron interese en desenvolver proxectos arredor dos barrios e parroquias de Compostela.

Pola súa banda, Pilar Lueiro destacou que o rural compostelán abrangue arredor de 190 quilómetros cadrados dos 220 quilómetros cadrados que ten o municipio. A concelleira do Rural defendeu que as parroquias non deben ser vistas como espazos illados nin como simples zonas afastadas da cidade, senón como parte fundamental da identidade compostelá.

“Temos un rural vivo”, afirmou Lueiro, que vinculou esta iniciativa coa aposta do goberno local por conectar o rural e o urbano. Nesa liña, lembrou que o executivo municipal ten executados ou en marcha 40 proxectos de investimento no rural no que vai de mandato, cun importe global de 8 millóns de euros.

A concelleira tamén citou algúns dos elementos incluídos no proxecto, como os petróglifos de San Xurxo de Fecha, os canzorros da igrexa de San Xurxo de Carballal, o dragón da igrexa de Santa María de Marrozos, a ponte Mantible de San Caetano, a capela de San Roque da Sabugueira ou o dolmen de Zarramacedo, en Bando.

Dende Sacauntos, Diniz Cabreira explicou que a proposta naceu como unha reflexión sobre como facer máis visible un patrimonio que ás veces queda fóra dos circuítos habituais. A cooperativa apostou por levar esa información a un espazo cotián como a hostalaría, aproveitando os manteis de papel como soporte cultural.

Cabreira indicou que os materiais teñen un deseño pensado para ser completado polas propias persoas usuarias, especialmente polas crianzas. De feito, os carteis e manteis preséntanse en branco e negro para que poidan ser coloreados. “A idea é pintalos, a idea é colorealos”, explicou o representante de Sacauntos.

O creador do proxecto sinalou que o mapa funciona tamén como unha porta de entrada á curiosidade. Segundo explicou, seleccionouse un elemento por parroquia, aínda que en todas elas hai moito máis patrimonio do que aparece representado. A escolla procurou ofrecer diversidade e evitar repetir elementos semellantes.

Cabreira subliñou que a iniciativa pretende animar a descubrir lugares pouco coñecidos e tamén favorecer que as familias ou visitantes se acheguen ás parroquias. O proxecto educativo incorpora, ademais, fichas descargables, códigos QR e referencias xeolocalizadas para facilitar as visitas.

A concelleira de Turismo enmarcou esta acción noutras campañas municipais orientadas a descentralizar a mirada sobre Santiago. Entre elas citou ‘Compostela é moito máis. Descubre onde’ e o proxecto de muralismo impulsado fóra da améndoa histórica. Louzao recoñeceu que ás persoas visitantes adoita custarlles saír do centro, mais defendeu que o Concello manterá unha estratexia de comunicación para dar a coñecer os barrios, os parques, Sar e as parroquias.

A edil sinalou que o obxectivo é que quen visite Santiago saiba que a cidade non remata na Catedral nin no centro histórico, senón que conta cunha ampla contorna rural con patrimonio propio. Tamén apuntou que a futura finalización da Vía Verde poderá contribuír a abrir novos percorridos e fluxos cara a outros espazos do municipio.

O Concello trasladará tamén a iniciativa ao Consello do Medio Rural e ás asociacións das parroquias para que coñezan os símbolos escollidos e poidan facer achegas ou apropiarse do proxecto. Louzao destacou que os elementos seleccionados poderían ser ampliados en futuras edicións, xa que o rural compostelán conta con patrimonio suficiente para novos mapas e materiais.

ÚLTIMAS

O persoal de Viaqua mobilízase en catro concellos galegos ante o “bloqueo” do convenio

O conflito laboral esténdese polos servizos de xestión de auga en Galicia. O cadro...

PP e PSOE alertan da caída dos indicadores turísticos de Santiago

Os grupos do PP e do PSOE coincidiron este mércores en advertir da evolución...

A reitora da USC chama á “tranquilidade” tras os erros na PAU e garante unha avaliación “xusta”

Mensaxe de acougo dende a cúpula académica galega. A reitora da USC, Rosa Crujeiras,...

Santiago impulsa unha actividade de prevención de incendios con máis de 700 escolares inscritos

O Concello de Santiago puxo en marcha a terceira edición da Semana da Prevención,...

O PSOE leva ao pleno o estado da Alameda e reclama un mantemento “activo, continuado e rigoroso”

O Grupo Municipal Socialista levará ao pleno ordinario de xuño a situación da Alameda...

O arquitecto Fernando Cobos defende o “rigor” da intervención no Hostal dos Reis Católicos

O arquitecto Fernando Cobos, responsable da execución da obra de intervención no Hostal dos...

O Concello de Santiago contrata nove persoas para reforzar o mantemento de zonas verdes, vías e limpeza de pintadas

O Concello de Santiago incorporou nove traballadores a través do departamento de Emprego para...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here