InicioM. AMBIENTE E PATRIMONIOLuís do Río, divulgador dos saberes tradicionais: "O valor do meu traballo...

Luís do Río, divulgador dos saberes tradicionais: “O valor do meu traballo non está só en facer, senón en dar a entender algo que apenas se explica”

O divulgador e artesán galego presenta en Santiago o seu novo libro sobre cestaría tradicional e reflexiona sobre o peso da contorna, a transmisión oral, as redes sociais e a adaptación dos saberes populares ao presente

Publicado o

Por David M. Sobrino Platas

Coñecido nas redes sociais polo seu labor de divulgación arredor dos saberes tradicionais galegos e pola súa capacidade para converter prácticas herdadas da contorna rural en contido accesible para novos públicos, o santiagués Luís do Río Pena vén de dar un paso máis nese traballo coa publicación de Introdución práctica á cestaría de madeira (Boulevar Libraría Edicións), unha obra que busca trasladar ao papel un coñecemento transmitido historicamente de forma oral. O volume, definido como un “fito” no sistema literario galego, funciona como guía práctica para persoas interesadas en iniciarse na elaboración de cestas, ao tempo que documenta unha técnica tradicional especialmente vinculada á zona de Santiago e Ames: a cestaría de vergas, baseada no uso de láminas de madeira combinadas con corres, bimbios ou salgueiros.

Nun contexto no que esta práctica se atopa practicamente extinguida non tanto pola desaparición das cestas como pola perda do coñecemento integral sobre a selección, preparación e traballo da madeira no monte, o libro recompila terminoloxía, procesos e técnicas acompañados dun amplo apartado fotográfico pensado para facilitar a aprendizaxe. A publicación preséntase hoxe en Compostela nun acto no que o autor non só dará a coñecer o volume, senón que tamén realizará unha pequena mostra práctica para achegar ao público este oficio tradicional. Xornal de Compostela conversa con el sobre as raíces persoais do seu interese, o papel da súa contorna, a transmisión da memoria artesanal e o reto de adaptar estes saberes ao presente sen desligalos da súa orixe.

Luís do Río posando cun pé de castiñeiro aberto pola metade – Cedida

Xa comentaches nalgunha ocasión que isto che vén da casa, dos teus pais, dos teus avós, deses saberes que hai na aldea… O que me gustaría saber é que cres que pasaría se ti te criases noutra contorna distinta.

Eu débolle moitísimo ao meu contexto. O meu contexto é híbrido, máis ou menos, porque tampouco foi que eu nacese nunha aldea e fixese toda a miña vida alí. Teño familia que si é da aldea, pero tamén vivín en Santiago dende neno, cos fins de semana fóra ás veces… Entón si que me debo moito ao meu contexto, e vese tanto nas redese con como trato as cousas.

Se o meu contexto non fose ese, eu quero crer que tería feito algo análogo ao que fago eu, pero noutro contexto. Se fose urbano plenamente, doutra cultura ou doutro país, faría algo semellante ao que fago eu, pero no meu contexto.

Por exemplo, tería a curiosidade de investigar cousas e de facelas eu noutros ámbitos próximos. Se fose cesteiro, que xa sería moita puntería, igual empregaría papel, plástico ou outras cousas, pero non foi o meu caso.

Entón, si que é certo que me debo moitísimo ao meu contexto. Isto non é algo que buscase eu só, senón que tiven moitísima sorte e débese á miña contorna. Non me despracei, non me movín, non fixen nada. Cadroume, porque veu e xa está.

Basicamente a túa esencia, a túa curiosidade ou o teu interese poderían seguir presentes, pero cambiaría o contexto, o formato ou os materiais.

Si, dende logo débolle moito ao meu contexto. É certo que non represento o 100% do que vivín, pero do meu contexto, con sinceridade e honestidade, escollo unha pequena parte que me interesou especialmente da miña contorna e do meu día a día.

Ti dedícaste á divulgación en redes sociais, pero agora tamén publicas un libro, que presentas hoxe en Compostela, e ademais farás unha pequena mostra arredor da cestaría. Como se combinan para ti esas dúas facetas, a divulgativa e a práctica?

Creo que se combinan moito. O efecto de divulgar e aprender á xente vai ao mesmo tempo. Tanto é así que creo que o interese que xero eu, o valor que achego eu, ten que ver coa combinación de explicar, divulgar e facer ao mesmo tempo. Porque é certo que se fose só por facer, hai cesteiros que traballan moito mellor do que fago eu, ou que teñen unha técnica moito máis pulida porque levan moitos máis anos nisto, fannno máis eficientemente, con menos erros.

Pero si que é certo que, ao mesmo tempo, é unha técnica e un coñecemento que creo que coñezo moito, que controlo moito, sobre o que aprendín tamén moito, e creo que podo sintetizalo bastante ben, aínda que poida ter eivas, que seguro que as teño. Entón, eu creo que o valor engadido ou o interese polo que destaca máis ou menos isto é precisamente pola combinación de dar a entender algo que non se dá a entender moito e algo que ademais coñezo eu.

E ti cres que es máis de ensinar estas técnicas ou hai tamén un trasfondo de cambiar a maneira na que a xente mira a natureza?

Creo que hai unha compoñente múltiple, porque sempre cando se fai algo non hai unha única causa. Por exemplo, se seguimos o que é puramente facer vídeos, cando ves un reel en Instagram, a única maneira que tes de facer vídeos para que se vexan non é explicar como se fai un cesto para que alguén vexa iso e aprenda, porque para iso farían falta vídeos moito máis longos. Nun minuto non se pode explicar.

Nun minuto simplemente contextualizas para que a xente vexa de onde veñen as cousas, que contexto teñen, que sentido teñen. E ao mesmo tempo tamén hai unha compoñente estética, que é unha reivindicación do que me xera interese, tanto visual como estético.

Agora ben, se seguimos o manual, este manual ten unha intención didáctica práctica de poder aprender e facer un proceso completo, incluíndo todos os pasos, para que alguén o poida coller e facelo íntegramente dedicándolle tempo e ganas.

Entón o libro cobre tamén iso que non podes mostrar directamente nos vídeos…

Efectivamente. E tamén ten que ver moito con que a cestaría, como outros ámbitos, é unha arte composta por moitas pequenas cousas que por si mesmas son bastante simples, pero que todas xuntas son intrincadas. O xeito de que alguén cho diga afórrache tempo, experiencia e mellora a túa técnica.

Por outro lado, tamén hai algo innovador, porque na artesanía e noutros ámbitos había unha mentalidade de ver isto como o teu traballo, o teu coñecemento, o teu patrimonio propio, e calar para que non aprendesen outros. Os cesteiros que traballaban disto ata o século XX moitas veces non querían que outros soubesen o seu labor, supoño que para non competir, e a xente calaba.

 

Libro ‘Introdución práctica á cestaría de madeira’ editado por Boulevar Libraraía Edicións

Entón é tamén unha forma de arquivo de memoria.

Si, porque ao final son técnicas que eu domino, pero todas as fotografías, todos os textos, todo iso, aínda que eu o fixese, a maior parte son cousas aprendidas de outra xente. O coñecemento que adquirín pola experiencia doutros é determinante. Non é unha propiedade intelectual miña. Non é volver a un contexto sen saber nada e inventalo. Eu dediquei moitas horas a falar con moita xente, algúns que sabían máis, outros menos, que me dicían corta esta madeira así, abre así, tece así. Entón non é un invento meu, é unha recompilación de coñecemento de xente que aprendeu doutra xente antes.

Interior do libro ‘Introdución práctica á cestaría de madeira’

Cres que estes saberes están en risco de desaparecer?

Creo que cambian de forma. A necesidade de que existan cestos fai que sigan aí, pero a maneira de chegar a eles cambia. A consecuencia é que, aínda que as formas existan, a maneira tan depurada, tan de quilómetro cero, tan propia e tan adaptada ao contexto si que se perde. E pérdese sobre todo a experiencia, por ser oral.

Sentiches que estabas traducindo ese mundo tradicional rural a un público máis urbano?

Ata certo punto si, sobre todo cos vídeos. Hai público ao que lle interesa pero ao que o rural lle queda lonxe. Agora ben, cando alguén quere aprender máis seriamente, o perfil máis frecuente que atopo é xente que xa sabe algo, que o viu no pai, no avó ou nalgún familiar, e que di: “Dáme mágoa que cando era neno vía isto e nunca o fixen; agora quero saber”.

Como evitas caer nunha visión romántica destas cousas?

Eu creo que hai unha parte de romantización, porque quero que os vídeos estean ben. Buscas os mellores planos, buscas unha fraga e non unha plantación de eucaliptos. Iso existe. Pero non creo que a finalidade última sexa romantizar, senón dar a coñecer este saber.

E hai tamén unha lectura política ou ambiental?

Creo que si, transversalmente. Non é a finalidade principal, porque eu fago isto por gusto estético, por convencemento e por interese, pero como o proxecto o fago eu integramente —gravo, escribo, busco materiais, busco planos— inevitablemente deixo a miña impronta. Non é unha vontade principal, pero está aí.

Como cres que vai acoller Compostela esta presentación?

A verdade é que creo que moi ben. A mostra que xa fixen o sábado na feira do libro na caseta de Boulevar Edicións foi curiosa porque había xente á que lle resultaba completamente descoñecido, pero tamén outra para a que era algo familiar, que levaba décadas sen velo. A sensación foi moi boa. Está claro que non é un produto masivo, pero dentro do público obxectivo estamos chegando a moita xente, tanto pola parte anecdótica como polo interese real en velo ou aprendelo.

ÚLTIMAS

Santiago aproba definitivamente o orzamento municipal de 2026 con máis de 148 millóns de euros

O Concello de Santiago aprobou este mércores de forma definitiva o Orzamento Xeral para...

O Concello deberá repetir parte do procedemento sobre a prórroga do interventor tras unha sentenza do TSXG

O concelleiro de Facenda de Santiago de Compostela, Manuel César, informou este mércores sobre...

O Concello traslada ao exterior do Multiusos Fontes do Sar a pantalla para seguir o partido decisivo do Obradoiro polo ascenso á ACB

O Concello de Santiago actualizou este mércores a localización da pantalla xigante prevista para...

A USC e o Concello de Santiago reforzan a súa alianza institucional na primeira visita oficial de Rosa Crujeiras a Raxoi

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a nova reitora da Universidade de Santiago...

Santiago incorpora o cinema á educación en Memoria Histórica cun novo programa para alumnado de secundaria

A área de Memoria Histórica do Concello de Santiago, dirixida pola concelleira Míriam Louzao,...

O PSOE propón mellorar a sinalización do Castelo da Rocha Forte para facilitar o acceso e poñer en valor o enclave

O Grupo Municipal Socialista de Santiago presentará no Pleno deste mes unha iniciativa centrada...

A Xunta busca alternativas para as gárgolas do Hostal dos Reis Católicos para reducir o impacto visual no Obradoiro

O director xeral de Patrimonio Cultural, Anxo Miramontes, anunciou que a Xunta de Galicia...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here