InicioECONOMÍAOs novos contratos de alugueiro en Santiago non poderán subir o prezo...

Os novos contratos de alugueiro en Santiago non poderán subir o prezo coa declaración de zona tensionada

A medida permitirá frear as rendas, ampliar as axudas públicas e activar un plan municipal con actuacións sobre vivenda baleira, parque público e eficiencia administrativa

Publicado o

Xornal de Compostela

O concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás, explicou tras a Xunta de Goberno Local desta mañá o que suporá para a cidade a declaración de Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionado, unha figura que terá efectos unha vez se publique a resolución correspondente no Boletín Oficial do Estado e cunha vixencia inicial de tres anos.

Segundo detallou, esta declaración supón a aplicación inmediata de mecanismos de control dos prezos do alugueiro. En termos prácticos, os novos contratos non poderán superar a renda do contrato anterior, coa actualización correspondente, agás en casos de rehabilitación. Ademais, non se poderán engadir novos gastos ao inquilino se non estaban recollidos previamente. Nos casos de grandes propietarios ou vivendas sen contrato recente, os prezos quedarán limitados polos índices estatais de referencia.

O edil sinalou que tamén se amplía a definición de grande posuidor, incluíndo en Santiago ás persoas ou entidades con cinco ou máis vivendas no municipio, co obxectivo de reforzar a eficacia da medida. Neste sentido, indicou que existen máis de 2.200 inmobles en mans de propietarios con máis de cinco vivendas, segundo datos do catastro.

Outra das consecuencias directas será a posibilidade de prorrogar contratos de alugueiro en vigor por períodos anuais ata un máximo de tres anos, mantendo as condicións existentes, o que busca ofrecer maior estabilidade ás persoas inquilinas.

A declaración permitirá tamén que Santiago acceda a maiores achegas económicas no marco do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030. Entre elas, destacan incrementos nas axudas para promoción de vivenda pública en alugueiro ou para a adquisición de inmobles destinados a alugueiro social, que poderán acadar porcentaxes superiores ás previstas con carácter xeral.

No ámbito fiscal, habilítanse incentivos para propietarios que aluguen vivendas cumprindo determinados requisitos de prezo e perfil das persoas arrendatarias, co obxectivo de favorecer a incorporación de máis inmobles ao mercado.

PLAN MUNICIPAL EN DOUS MESES

O Concello deberá aprobar nun prazo máximo de dous meses un plan específico de medidas correctoras, xa avanzado no documento remitido á administración estatal. Este plan estrutúrase en tres programas.

O programa A céntrase en optimizar o parque residencial existente. Inclúe medidas xa en marcha como a limitación das vivendas turísticas, que segundo os datos municipais se reduciron á metade en dous anos, ou a aplicación dunha recarga no IBI ás vivendas baleiras, para a que se está a elaborar un censo. Tamén contempla accións sobre rehabilitación e mobilización de inmobles sen uso.

O programa B aposta pola ampliación do parque de vivenda protexida, coa previsión de rehabilitar edificios, mobilizar solo e impulsar novas promocións. Entre as actuacións previstas está a creación dun parque municipal de vivenda en alugueiro e a reserva de solo para vivenda protexida en ámbitos como o antigo Peleteiro.

Pola súa banda, o programa C recolle medidas para mellorar a eficiencia administrativa, incluíndo cambios na xestión de licenzas urbanísticas ou a simplificación de trámites.

APLICACIÓN A TODO O MUNICIPIO

A declaración afectará á totalidade do termo municipal de Santiago, ao cumprirse os requisitos legais en todo o territorio. Lestegás destacou que a cidade presenta unha elevada presión no mercado do alugueiro: máis do 30% dos fogares destinan gasto á vivenda en réxime de alugueiro, segundo datos do Instituto Galego de Estatística.

O concelleiro subliñou que a medida busca “conter a escalada do prezo do alugueiro” e cualificouna como unha actuación de “alivio esencial para moitos inquilinos”. Ademais, advertiu sobre o uso indebido de contratos de tempada para evitar estas limitacións, lembrando que non se poden empregar en fraude de lei.

En canto aos prazos, indicou que a entrada en vigor dependerá da publicación estatal, aínda que estimou que podería producirse nas próximas semanas, mentres o Concello continúa coa tramitación do plan municipal que desenvolverá estas medidas.

SINDO GUINARTE RECLAMA A MOBILIZACIÓN DE VIVENDA BALEIRA

Pola súa banda, o concelleiro do PSOE, Sindo Guinarte, valorou que a declaración era “necesaria” ao evidenciar a existencia dun “problema grave de acceso á vivenda” en Santiago, especialmente no alugueiro, onde os prezos medraron por riba da inflación. Con todo, advertiu de que esta medida non garante por si soa a creación de vivenda accesible, polo que reclamou que se acompañe de actuacións concretas, con calendario e financiamento, e cunha maior implicación da Xunta. Neste sentido, sinalou como prioridade a mobilización da vivenda baleira, lembrando que existen máis de 6.000 inmobles sen uso e máis de 13.000 infrautilizados na cidade. Segundo indicou, activar estes recursos permitiría incrementar a oferta de alugueiro a curto prazo, fronte aos prazos máis longos da construción de nova vivenda pública, que considerou tamén necesaria.

ÚLTIMAS

Comeza unha nova etapa de mobilidade en Compostela: ábrese o prazo para adxudicar 29 novas licenzas de taxi

A Xunta de Goberno do Concello de Santiago aprobou este luns as bases reguladoras...

‘A Santa’ de Asorey regresará a Galicia cen anos despois da súa creación

A Xunta de Galicia trasladará desde Uruguai a escultura 'A Santa', unha das obras...

Luz verde a máis de 1 millón de euros para actuacións en concellos do Camiño Francés

O Goberno galego aprobou este luns un acordo que autoriza a firma dun novo...

Reabre a vía convencional Santiago-Ourense tras extinguirse o lume en Boborás

A circulación ferroviaria interrompida entre O Carballiño e O Irixo, que afectou os trens...

A USC lanza un plan para aliviar a presión da vivenda universitaria en Santiago e Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela presentou este venres o seu novo Plan Social...

Dúas gasolineiras en Santiago entre as máis baratas na AP-9 en período vacacional xunto a outra de Ferrol

A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) realizou un estudo sobre as gasolineiras máis...

Persoal do transporte de mercadorías reclama un “convenio provincial digno” en Santiago

Persoal do transporte de mercadorías por estrada, convocado polos sindicatos CCOO, CIG e UGT,...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here