InicioECONOMÍASantiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta...

Santiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta máis alá do casco histórico

O Concello presenta unha iniciativa gratuíta para empresas no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, co apoio da Xunta e do Estado

Publicado o

Xornal de Compostela

O Concello de Santiago presentou un novo programa de creación de produtos turísticos co obxectivo de diversificar a oferta da cidade e avanzar cara a un modelo máis equilibrado, no marco do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). A iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Turismo, Míriam Louzao, acompañada polo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, e polo CEO da empresa adxudicataria do programa, Víctor Sixto.

A concelleira explicou que Santiago é un dos destinos máis visitados de Europa, o que supón “un privilexio”, pero tamén “unha responsabilidade”, ao advertir dos impactos que a concentración turística pode ter sobre o patrimonio, a veciñanza e a propia experiencia das persoas visitantes. Neste sentido, defendeu que a diversificación turística é unha prioridade do goberno local, co fin de construír “un destino máis sostible, competitivo e xusto”.

O programa está dirixido a empresas e entidades situadas no termo municipal e pretende poñer en valor recursos menos coñecidos, especialmente aqueles situados fóra das zonas con maior afluencia. Segundo detallou Louzao, a iniciativa busca estruturar e levar ao mercado propostas vinculadas á natureza, a cultura, a gastronomía ou a artesanía, entre outros ámbitos.

As entidades participantes recibirán acompañamento durante todo o proceso, dende o deseño da experiencia ata a súa comercialización. O proxecto inclúe tamén probas con visitantes reais, co obxectivo de avaliar o funcionamento das propostas antes da súa saída ao mercado. A participación é gratuíta, ao estar financiada polo Concello, a Xunta e a Secretaría de Estado de Turismo.

Pola súa banda, Merelles destacou a colaboración entre administracións neste plan, no que cada unha achega un millón de euros, e sinalou a necesidade de adaptar o modelo turístico ás novas demandas tras a pandemia. O director da Axencia incidiu en que Santiago conta cunha longa tradición como destino de peregrinación e turismo, e subliñou a importancia de ampliar a oferta máis alá do centro histórico para repartir os beneficios do sector.

Dende a empresa encargada do desenvolvemento do programa, Víctor Sixto explicou que o obxectivo é crear experiencias turísticas con valor emocional, máis alá dos produtos convencionais. O proceso incluirá unha fase inicial de análise de recursos, seguida de formación para as empresas en ámbitos como cooperación, diferenciación ou comercialización.

O proxecto contempla a realización de oito cursos formativos e tres obradoiros prácticos, dos que sairán novas propostas turísticas que serán recollidas nun catálogo final. Ademais, prevese a recollida de arredor de mil valoracións de usuarios durante a fase de testeo.

Entre as tipoloxías prioritarias figuran o turismo cultural e patrimonial, gastronómico, creativo, verde, familiar e de incentivos, aínda que poderán incorporarse outras segundo as iniciativas das entidades participantes. O programa fixa como meta a creación de varios produtos turísticos, incluíndo visitas guiadas, rutas interpretativas e experiencias que integren pernocta.

O calendario prevé o inicio da formación nas vindeiras semanas, mentres que o testeo das experiencias terá lugar previsiblemente no outono, fóra da tempada alta, co fin de contribuír tamén á desestacionalización da demanda.

Durante a rolda de prensa, Louzao insistiu en que esta iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla para conseguir “un Santiago que recibe ben porque distribúe ben”, e no que os beneficios do turismo “cheguen a toda a cidade e non só ao centro monumental”.

ÚLTIMAS

Santiago prevé iniciar en 2027 o reparto de mercadorías mediante a plataforma loxística da cidade histórica

O Concello de Santiago de Compostela prevé que a nova plataforma loxística de distribución...

Cineuropa celebra os seus 40 anos en Santiago con máis de 150 películas, retrospectivas e homenaxes ao cinema internacional e galego

O festival Cineuropa cumprirá 40 edicións cunha programación de máis de 150 películas repartidas...

Detida unha veciña do Milladoiro por estafar presuntamente varias persoas co alugueiro dun piso que non podía subarrendar

A Garda Civil detivo unha muller residente no Milladoiro como presunta responsable dun delito...

O Ateneo de Santiago reunirá a expertos en educación para analizar os resultados do informe PISA

O Ateneo de Santiago organizará o próximo luns 2 de novembro, ás 19:30, unha...

O VIII Congreso Internacional Aeroespacial reúne en Santiago a máis de 200 representantes do sector

O VIII Congreso Internacional Aeroespacial (CIAG) reuniu no Palacio de Congresos de Santiago de...

O Concello aproba a rehabilitación do Palacete do Espiño por 1,2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 26 de...

Rosa Crujeiras reclama medidas para garantir o acceso á vivenda do estudantado universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, reclamou que se adopten...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here