InicioECONOMÍAO Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a...

O Concello de Santiago aproba novas licenzas de obra e reactiva a solicitude para declarar a cidade como zona de mercado residencial tensionado

A Xunta de Goberno tamén adxudica servizos dos centros socioculturais, impulsa obras na Praza de Abastos e nos Vilares e incorpora unha vivenda municipal para vítimas de violencia machista e LGBTIfóbica

Publicado o

Xornal de Compostela

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns diversos acordos en materia de urbanismo, contratación, obras públicas e políticas sociais, entre os que destacan a concesión de novas licenzas de obra maior, a adxudicación de servizos da rede de centros socioculturais e o envío á Xunta de Galicia dunha nova solicitude para declarar o municipio zona de mercado residencial tensionado.

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Turismo, Míriam Louzao, compareceu en rolda de prensa xunto ao concelleiro de Urbanismo, Iago Lestegás, para explicar os principais acordos adoptados na sesión.

Entre as decisións adoptadas figura a concesión de catro licenzas de obra maior. Estas actuacións permitirán a remodelación das vivendas situadas na segunda e terceira planta dun edificio da Rúa do Vilar 74, a demolición e reconstrución dunha vivenda unifamiliar na Rúa do Pico Sacro 12, a rehabilitación dun inmoble para dúas vivendas na Rúa dos Loureiros 13 e a rehabilitación dun edificio para tres apartamentos turísticos na Travesía de Torrente 2.

Segundo explicou Lestegás, a intervención na rúa Loureiros permitirá recuperar un inmoble en avanzado estado de deterioración que permanecía abandonado desde hai anos. “É un edificio que se vai recuperar e que vai ter unha nova vida para uso residencial”, indicou.

O concelleiro destacou que esta actuación se suma a outras recentes licenzas concedidas para rehabilitación integral de edificios abandonados na cidade histórica, o que, ao seu xuízo, supón “noticias moi positivas para a cidade histórica”.

No caso do proxecto da Travesía de Torrente, Lestegás aclarou que o edificio se atopa nun ámbito urbanístico onde non se aplica a suspensión de licenzas para vivendas turísticas aprobada polo pleno municipal, ao tratarse dunha ordenanza destinada a vivenda unifamiliar en ringleira.

A Xunta de Goberno tamén aprobou remitir ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) unha nova solicitude para declarar Santiago de Compostela zona de mercado residencial tensionado, figura prevista na Lei polo Dereito á Vivenda.

O concelleiro de Urbanismo explicou que o Concello elaborou unha nova documentación adaptada ás esixencias da Xunta de Galicia, empregando exclusivamente datos procedentes de fontes oficiais. Segundo indicou, os indicadores acreditan un incremento significativo dos prezos do alugueiro nos últimos anos.

Algo está mal cando o alugueiro devora o teu salario”, afirmou Lestegás, quen subliñou que esta declaración permitiría aplicar medidas de contención dos prezos e acceder a incentivos fiscais e programas específicos de investimento en vivenda.

Actualmente existen 307 municipios en España declarados como zonas tensionadas, nos que reside arredor do 18,5% da poboación. O edil sinalou que, se a Xunta autoriza a solicitude, Santiago podería beneficiarse tamén das medidas previstas na normativa estatal.

No ámbito da contratación, a Xunta de Goberno acordou adxudicar dous lotes do Servizo da Rede de Centros Socioculturais. O lote correspondente á atención e información ao público foi adxudicado á empresa Norintegra S.L. por 716.898,43 euros, mentres que o lote de dinamización e mediación sociocultural foi adxudicado a Os Ventos Innovación en Servizos por 1.982.923,80 euros para un período de dous anos.

Louzao explicou que esta segunda adxudicación se produce despois de que a empresa inicialmente seleccionada renunciase a formalizar o contrato.

Ademais, o goberno municipal aprobou licitar a organización da Festa das Persoas Maiores, prevista para o 16 de maio no recinto de Amio, cun orzamento base de 64.608,50 euros para un evento dirixido a 1.700 participantes.

Entre os proxectos aprobados figuran tamén varias actuacións de obra pública. Un deles corresponde ao mantemento da torre de servizos centrais da Praza de Abastos, promovido polo Consorcio da Cidade de Santiago e cun orzamento de 104.417,39 euros.

Os traballos inclúen reparacións para evitar filtracións de auga, renovación de carpintarías, arranxo de reixas e a eliminación de elementos considerados alleos á configuración orixinal do edificio. A intervención conta co informe favorable da Comisión Asesora do Patrimonio Histórico.

A Xunta de Goberno deu tamén luz verde á primeira fase da mellora do tránsito peonil na Rúa dos Vilares, que contará cun investimento de 170.740,50 euros. A actuación permitirá crear un itinerario accesible de aproximadamente 400 metros entre a rúa do Tambre e o núcleo dos Vilares, onde actualmente as persoas peóns deben circular pola calzada.

Outro dos acordos adoptados foi a adscrición dunha vivenda municipal ao departamento de Igualdade para o acollemento de persoas vítimas de violencia machista ou discriminación por orientación sexual.

O inmoble, situado na Rúa de Roma, conta cunha superficie de 86 metros cadrados e xa foi acondicionado para o seu uso. Segundo explicou Lestegás, o Concello deberá completar agora os trámites administrativos e proceder ao amoblamento do espazo.

Con isto o Concello suma un recurso máis para a loita contra as violencias machistas e LGBTIfóbicas”, sinalou.

A sesión incluíu tamén a aprobación, por urxencia, de modificacións de crédito por máis dun millón de euros destinadas a financiar diversas actuacións.

Segundo explicou Louzao, arredor de 600.000 euros destinaranse a obras no rural, entre elas actuacións de saneamento, melloras de accesos peonís e rehabilitación de camiños en distintos núcleos do municipio.

Outros 460.000 euros dedicaranse á rexeneración urbana, con intervencións en pavimentos de rúas do Ensanche, na contorna do complexo hospitalario e en diferentes polígonos industriais e áreas periurbanas.

A Xunta de Goberno autorizou tamén a adhesión do Concello ao acordo entre a Xunta de Galicia e a empresa pública SEAGA para reforzar a prevención de incendios forestais mediante a xestión da biomasa nas faixas próximas aos núcleos de poboación.

Ademais, aprobouse un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela para desenvolver un estudo sobre os postos de traballo municipais e a súa valoración na Relación de Postos de Traballo (RPT), cun investimento municipal de 56.440 euros.

Durante a comparecencia, Louzao indicou tamén que o goberno local prevé levar proximamente ao pleno o proxecto de orzamentos municipais, unha vez finalizados os últimos trámites administrativos.

ÚLTIMAS

Multitudinario recoñecemento a Álvaro García Ortiz na casa das máquinas

A Casa das Máquinas acolleu este xoves un multitudinal acto de recoñecemento a Álvaro...

A CEP denuncia o abandono da comisaría de Santiago tras máis de dous meses do incendio

A Confederación Española de Policía (CEP) denunciou publicamente o que considera unha situación de...

O concerto de El Último de la Fila trasládase a Santiago tras o veto ao uso de Riazor

O concerto do grupo 'El Último de la Fila' previsto inicialmente para o 13...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

A Xunta prevé investir máis de 50 millóns de euros en Mallou para impulsar un novo barrio en Santiago

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas presentou o proxecto de desenvolvemento do...

Santiago impulsa un programa para crear experiencias turísticas e diversificar a oferta máis alá do casco histórico

O Concello de Santiago presentou un novo programa de creación de produtos turísticos co...

O PSdeG reclama negociación para decidir o destino de máis de cinco millóns procedentes da venda de parcelas municipais en Santiago

O Grupo Municipal Socialista no Concello de Santiago instou ao goberno local a abrir...

LEAVE A REPLY

Please enter your comment!
Please enter your name here