O Consello da Cultura Galega distinguiu este martes á filóloga estadounidense Kathleen March e ao edafólogo galego Francisco Díaz-Fierros coas Medallas de Honra, a máxima distinción da entidade, en recoñecemento á súa colaboración e implicación co desenvolvemento das actividades da institución.
O acto estivo presidido pola titular do CCG, Rosario Álvarez, e contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entre outras personalidades do ámbito cultural e institucional.
Na súa intervención inicial, Rosario Álvarez sinalou que estas medallas buscan “promover que se manteña a colaboración e implicación coa cultura galega das personalidades homenaxeadas”. No caso de Kathleen March, agradeceu “medio século de traballo incesante a prol da nosa cultura, por amor, desvelando aspectos que permanecían ocultos aos ollos dos galegos e galegas, e espallando a noticia sobre nós nunha ampla rede internacional”.
A presidenta do CCG fixo referencia ao proxecto ‘Seara’, portal de tradución da literatura galega ao inglés que arrancou en 2023 baixo a coordinación de March, co obxectivo de ampliar a presenza das letras galegas no ámbito anglófono.
A laudatio foi pronunciada pola profesora e tradutora Ana Luna, quen definiu a homenaxeada como “unha intelectual galicianista, muller de dimensión poliédrica que non se pode entender sen termos en conta o seu compromiso coas comunidades e colectivos minorizados”. Luna subliñou o papel pioneiro de March nos estudos galegos nos Estados Unidos e a súa tarefa como tradutora de autoras e autores como Rosalía de Castro, Luísa Villalta ou Begoña Caamaño.
Ao recoller a medalla, Kathleen March abriu o seu discurso con versos de Rosalía e afirmou que, malia non ser galega nin galegofalante, mantivo sempre “un compromiso cunha lingua da que ninguén me falara antes de chegar a Compostela”. Sobre ‘Seara’, explicou que “procura ser homenaxe á terra galega, feita por nós, anglofalantes de máis dun continente” e que pretende “crear seareiros, afeccionados á cultura na poboación anglofalante”.
A segunda Medalla de Honra recaeu en Francisco Díaz-Fierros, quen foi membro do plenario do CCG durante 35 anos. Rosario Álvarez lembrou a súa insistencia en incorporar a cultura científica ao corazón da institución, defendendo que forma parte “indisociable da Cultura, da cultura galega”.
O historiador e expresidente do CCG Ramón Villares foi o encargado da laudatio. Destacou a amplitude temática da súa traxectoria, que abrangue desde as ciencias experimentais até as humanidades, e vinculou o seu perfil coa idea das “dúas culturas” formulada por Charles P. Snow na súa coñecida conferencia de 1959.
Villares salientou tamén o compromiso cívico de Díaz-Fierros co uso da lingua galega nos ámbitos científicos e lembrou, entre outras iniciativas, a creación do ‘Álbum da Ciencia’ no seo do CCG.
No seu discurso, Díaz-Fierros explicou que, ao incorporarse á institución en representación da Universidade galega, asumiu como prioridade “tentar clarificar e dotar de contido cultural a ciencia e a técnica galegas”. Enumerou xornadas e actividades desenvolvidas arredor de cuestións como a xenética e a historia, a paisaxe, as crises sanitarias ou os incendios forestais, así como a aposta por formatos divulgativos diversos. “Se queriamos que a ciencia non se afastase da escala humana, como defendía o gran científico e divulgador Stephen Gould, había que tomar moi en serio a popularización do saber científico”, afirmou.
PROGRAMA MUSICAL E PRECEDENTES
O acto incluíu un programa musical centrado na canción lírica galega contemporánea, cun diálogo entre textos de Marica Campo, Manuel Cuña Novás e Manuel María, e composicións de Juan Durán, Borja Mariño e Manuel Pacheco. A interpretación correu a cargo do barítono Gabriel López, gañador do Diploma Andrés Gaos do VII Concurso de Canto Compostela Lírica, acompañado ao piano por Ricardo Blanco.
As Medallas de Honra do CCG foron concedidas en edicións anteriores, en 2018, a Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato; e en 2022, a Luis García Montero e Helena González.

