InicioECONOMÍARaxoi estuda sancións tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros...

Raxoi estuda sancións tras a renuncia de Eulen ao contrato dos centros socioculturais

O Goberno local analiza vías legais e avalía o impacto da decisión sobre o persoal dos centros

Publicado o

Xornal de Compostela

O Goberno local de Compostela avanzou que está a estudar posibles sancións contra Eulen tras a súa renuncia ao contrato para a dinamización e mediación da rede de centros socioculturais da cidade, un dos tres lotes nos que se divide a xestión deste servizo municipal. A adxudicación fora aprobada o pasado 21 de xaneiro, mais a empresa comunicou a súa decisión a poucos días do prazo límite para a sinatura do contrato.

Segundo trasladou o Concello de Santiago de Compostela, esta renuncia produce un escenario que impide a subrogación do persoal nunha nova empresa dentro dos prazos inicialmente previstos, unha circunstancia que afecta directamente ás traballadoras e traballadores dos centros socioculturais.

Nun comunicado municipal, o Goberno local explicou que Eulen xustificou a súa decisión en dous motivos principais. O primeiro deles é a débeda salarial da anterior empresa concesionaria, que a adxudicataria cifra en máis de 137.000 euros. A este respecto, o Concello precisou que, “en ningún caso”, o pagamento destes soldos pendentes correspondería á nova empresa, lembrando que a Administración local mantén retidas as últimas facturas da actual prestadora do servizo como garantía para facer fronte aos atrasos salariais.

O segundo motivo alegado pola empresa está relacionado cun procedemento xudicial en curso, iniciado pola representación sindical do persoal, para que se lles aplique o convenio colectivo de eventos, servizos e producións culturais, no canto do convenio do sector do lecer e da animación sociocultural que figura nos pregos da licitación. Sobre esta cuestión, o Concello subliñou que non existe sentenza firme a día de hoxe.

Ante esta situación, o Goberno municipal anunciou que está a analizar “todas as vías legais posibles” para a imposición de penalidades á empresa, incluíndo as opcións previstas na Lei de contratos do sector público, entre elas a prohibición de contratar en futuros procedementos de licitación.

De maneira paralela, o Executivo local sinalou que está a avaliar as alternativas xurídicas dispoñibles para que a decisión de Eulen teña o menor impacto posible sobre o persoal, tendo en conta que a renuncia da adxudicataria dificulta a continuidade do servizo nas condicións inicialmente planificadas.

ÚLTIMAS

Traballadores de Renfe gardan cinco minutos de silencio na estación de Santiago polas vítimas do accidente de Toledo

A estación de ferrocarril de Santiago de Compostela acolleu este xoves, 29 de outubro,...

Compostela lembra a ferida de Angrois e traslada a súa solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Toledo

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, trasladou este mércores a solidariedade da capital galega...

A Libraría Dixital da USC supera o millón de visitas e o seu portal de revistas alcanza os sete millóns de descargas

A Universidade de Santiago de Compostela rexistrou no que vai de 2026 máis dun millón...

O falecemento da vítima volve suspender o xuízo contra tres acusados de secuestrar un home en Santiago por unha débeda de 20 euros

A sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, volveu suspender...

O Concello aproba a rehabilitación do Palacete do Espiño por 1,2 millóns de euros

A Xunta de Goberno Local de Santiago de Compostela aprobou este luns, 26 de...

Rosa Crujeiras reclama medidas para garantir o acceso á vivenda do estudantado universitario

A reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, reclamou que se adopten...

O servizo municipal de asesoramento sobre alugueiros de Santiago atende preto de 200 consultas nos seus tres primeiros meses

O Servizo Municipal de Información e Asesoramento en Materia de Alugueiro de Santiago de...